Nun territorio onde a inmensidade da natureza o invade todo, a práctica de sendeirismo constitúe unha atractiva proposta que fará da túa estadía en Lugo unha experiencia única. A privilexiada situación da provincia, enmarcada polo Cantábrico, as montañas de Ancares e Courel, a Dorsal Galega e o profundo Canón do Sil outórganlle unha gran diversidade orográfica e paisaxística que a converte no escenario idóneo para a realización de actividades ao aire libre coas que nos aproximaremos a un exhaustivo coñecemento do medio.
Mustallar, Tres Bispos, Pía Paxaro… son os lugares da provincia de Lugo máis próximos ao ceo e protagonistas dalgúns dos sendeiros máis míticos que a percorren.
E é que Ancares- Courel é o destino de natureza por antonomasia. Aquí a práctica de actividades ao aire libre é obrigatoria e non hai mellor maneira de comezar que botándose a andar, mochila ao ombreiro, e deixarse embriagar polo espírito aventureiro que será o mellor compañeiro de viaxe.
Na costa lucense, os seus máis de 100 quilómetros convidan a percorrer a silueta dun litoral marcado por auténticos prodixios. Dende Ribadeo ata O Vicedo sucédense dous espazos xeolóxicamente recoñecibles: a rasa Cantábrica, dende Ribadeo a Burela, e un tramo de costa crebada e agreste que debuxa impactantes cantís en municipios como Xove e en determinados puntos do litoral do Vicedo.
Ríos, vides, etnografía, arqueoloxía, bosques segredos… son só algúns dos elementos que aglutinan os sendeiros que percorren un dos grandes tesouros da Galicia interior e cos que descubriremos acolledores lugares onde a beleza deixa de ser un ideal para converterse nunha realidade.
A contorna dos Canóns do Sil e do Miño son lugares para percorrer non só en coche ou en catamarán, senón tamén a pé.
O xeodestino Lugo- Terra Chá, integrado en gran parte na Reserva da Biosfera Terras do Miño pode definirse como unha terra de pedra e auga. O Pai Miño e os seus tributarios convidan a percorrer as súas ribeiras para aproximarse a tempos onde o Home e o río convivían en perfecta sintonía. Ríos, lagoas, pontes, muíños, caneiros, bosques de inundación e illas fluviais trasládannos a lugares de lenda nos que habitan seres míticos doutro tempo.