Bo Camiño!
Lugo é a provincia española xacobea por excelencia. Os seus máis de 800 quilómetros de Camiños de Santiago, contando todas as súas variantes, converten o territorio provincial en lugar case obrigado de paso cara á capital compostelá.
Pola provincia de Lugo transcorren tres rutas declaradas Patrimonio Mundial da Humanidade: trátase do Camiño do Norte, o Camiño Primitivo e o Camiño Francés. Ademais, polo sur da provincia pasa outro itinerario oficial: o Camiño de Inverno, un percorrido elixido nos meses máis fríos do ano polos peregrinos medievais que desexaban evitar os nevados cumes do Cebreiro.
As orixes do Camiño remóntanse ao século IX e en concreto ao momento no que o Rei asturiano Alfonso II O Casto peregrinou a Iria Flavia para recoñecer a autenticidade dos restos do Apóstolo Santiago, ordenando a construción da primeira basílica na súa honra. Dende esta primeira peregrinación, foron millóns de persoas as que dende a Idade Media ata a actualidade percorreron os camiños xacobeos, primeiro por motivos de carácter relixioso e na actualidade por unha diversidade de razóns que teñen que ver con aspectos culturais, deportivos, de contacto coa natureza ou de cumprimento de metas ou promesas de carácter persoal, podendo realizalo a pé, en bicicleta ou mesmo dacabalo.
Os Camiños divídense en diferentes etapas entre as cales se pode pernoitar en albergues públicos, privados ou outro tipo de aloxamentos que se atopan nas diferentes poboacións. O itinerario está sinalizado mediante mouteiras de granito que marcan a distancia restante a Santiago de Compostela. Tamén as frechas amarelas e as cunchas de vieira guían aos peregrinos no seu percorrido.
Entre as recompensas de completar a peregrinación, ademais da satisfación por chegar a Santiago e polas propias vivencias que achega a experiencia da peregrinaxe, aqueles que realicen 100 quilómetros a pé ou 200 en bicicleta poden obter a Compostela, un recoñecemento que a modo de certificado acredita a condición de peregrino e que se obtén na Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela, sempre que se sele debidamente a súa credencial durante as diferentes etapas en polo menos dous lugares diferentes de cada unha.
Pero chegar a Santiago é un auténtico proceso que require unha preparación física e mental previa ao comezo desta viaxe. Unha bolsa de non máis de 10 quilos, calzado axeitado, chanclas para descansar os pés ao final de cada etapa, bastón de sendeirismo, botiquín, lanterna, saco de durmir, chubasqueiro e proteción solar son elementos imprescindibles que deben acompañar ao peregrino. Todo iso con bo ánimo e mente aberta para deixarse levar pola hospitalidade dos habitantes de cada lugar e para compartir auténticas experiencias multiculturais. E é que o Camiño marca sempre un antes e un despois na vida de quen o realiza.
Máis información nas seguintes ligazóns:
Camiño do Norte Camiño Primitivo Camiño Francés Camiño de Inverno