Produtos con Indicación Xeográfica Protexida

Faba de Lourenzá
Capón de Vilalba
Pataca de Galicia
Grelos
Pemento de Mougán. Fonte: pementodemougan.es
Lacón
Terneira Galega. Fonte: terneragallega.com
Castaña de Galicia
Mel de Galicia
Tarta de Santiago
Licores
Licores 2

 

 

I. X. P. “ Faba de Lourenzá”

A Indicación Xeográfica Protexida “ Faba de Lourenzá” aplícase a fabas secas xa separadas da vaina, procedentes da familia das fabáceas ou leguminosas, concretamente a especie Phaseolus vulgaris L, coñecida como Faba Galaica. As súas características son: forma de ril, semicheo e longo, cor branca uniforme, tamaño grande, humidade entre 14 e17%, escasa proporción de pel, alta capacidade de absorción de auga, bo comportamento de cocción e a pastosidade da súa polpa, que esta está exenta de grumos.

A área de produción e de envasado deste produto abarca a Mariña Lucense, englobando os seguintes municipios: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Recentemente, e como oferta complementaria a esta produto, creouse a Ruta da Faba de Lourenzá co fin de mostrar o potencial desta legume e da riqueza cultural e natural desta zona da Mariña Lucense. 

Máis información:

Consello Regulador da I. X. P. Faba de Lourenzá.

Tel. 881997279.

www.fabadelourenza.org.

I.X.P “Terras do Navia”

A Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia, inclúe a viños que pertencen  exclusivamente de vides da zona de produción e elaboración, constituída polos terreos aptos para a produción de uva da totalidade do concello de Negueira de Muñiz, e das parroquias de Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar da Cuiña, no concello da Fonsagrada e A Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeiras no concello de Navia de Suarna. 


Trátase de viños (tanto brancos coma tintos) frescos e suaves na boca, limpos, brillantes con aromas francos no que se aprecian as características das materias primas das que proceden, con boa e equilibrada acidez. 


As variedades de uvas empregadas nesta IXP son, para os viños brancos, Branco lexítimo, Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira, Treixadura e Torrontés; e para os viños tintos, Albarín Tinto, Mencía, Merenzao, Bracellao, Caíño Tinto e Loureiro Tinto. 
 

I. X. P. Capón de Vilalba

A Indicación Xeográfica Protexida de Capón de Vilalba é a que se aplica á carne dos machos da especie Gallus Domesticus, que son castrados mediante cirurxía antes de alcanzar a madurez sexual, cunha crianza ao aire libre nas condicións climáticas da propia zona. Trátase de razas semipesadas e de lento crecemento cunha plumaxe en cor marrón-avermellada. Os capóns sacrifícanse aos 150 días, tras un período de cría e de engorde posterior á castración duns 77 días.

A zona xeográfica para a crianza, sacrificio e procesamento deste animal baixo a Indicación Xeográfica Protexida circunscríbese aos municipios de Muras, Xermade, Vilalba, Abadín, A Pastoriza, Guitiriz, Begonte, Cospeito e Castro de Rei. O nome desta I. X. P. correspóndese co municipio cabeceira da comarca que lle brindou recoñecemento e notoriedade a este produto, debido a que en Vilalba, con carácter case inmediato á Noiteboa celébrase a tradicional feira na que se comercializan os capóns de Vilalba e dos seus municipios máis próximos.

Máis información:

Asociación de Criadores do Capón de Vilalba.

Tel. 982 511 763.

www.capondevilalba.com.

 

Consello Regulador da I. X. P. "Pataca de Galicia"

A Indicación Xeográfica Protexida “Pataca de Galicia” refírese ás patacas da variedade Kennebec, cultivadas de maneira tradicional para conseguir unha óptima calidade. As principais características deste produto son: forma entre oval e redonda; manchas superficiais; pel amarela clara, fina e lisa e carne de cor branca con textura firme e cremosa ao cociñarse. Este produto comercialízase en envases que favorecen a correcta ventilación e transporte do devandito produto.

As zonas de produción, almacenaxe e envasado deste produto na provincia de Lugo son a a subzona de Terra Chá-A Mariña e a subzona de Lemos.

Máis información:

Consello Regulador da I. X. P. Pataca de Galicia.

Tel. 881997279.

www.patacadegalicia.es.

 

I. X. P. “Grelos de Galicia”

A Indicación Xeográfica Protexida “Grelos de Galicia” provén das plantas da especie Brassica rapa. L. Var.rapa (máis coñecida como nabo), e a denominación de grelos refírese a follas e talos recolleitos no período vexetativo da planta. As variedades comerciais rexistradas son: Globo Branco de Lugo e Grelos de Santiago, comercializándose frescos ou conxelados. As características deste produto son: cor verde intensa, que se acentúa ao aproximarse o momento de floración; sabor lixeiramente acedo e algo amargo, textura fibrosa e dureza baixa.

A área de produción de grelos amparados por esta Indicación Xeográfica Protexida esténdese á totalidade dos municipios galegos.

Máis información:

Consello Regulador da I. G. P. Grelos de Galicia

Tel. 881 997 279

www.grelosdegalicia.org.

 

I. X. P. “Pemento de Mougán

A Indicación Xeográfica Protexida “Pemento de Mougán” refírese aos froitos pertencentes á especie Capsicum annuum, L.. O seu froito é semicartilaxinoso é de cor verde en estado de inmaturidade e vermello en estado de madurez. Son recollidos en estado inmaturo precoz e están destinados a ser comercializados en fresco. As súas características principais son: forma lonxitudinal cadrada, pel en cor verde escura e brillante, parede fina de 1,5 mm; sabor doce e lixeiramente herbáceo, en ocasións picante, e aroma moderado.

A área de produción do pemento de Mougán sitúase no municipio de Guntín (Lugo).

Máis información:

Asociación de produtores de Pemento de Mougán.

Tel. 646196571.

www.pementodemougan.es.

 

I. X. P. "Lacón Galego"

A Indicación Xeográfica Protexida “Lacón Galego” protexe as extremidades dianteiras do gando porcino unha vez curadas, sendo procedentes de porcos das razas Celta, Duroc, Large White, Landrace e dos cruces entre sI. Ademais, acéptase o cruzamento coas razas Branca Belga e Pietrain cando interveñan nunha nunha porción inferior ao 25%. Os porcos terán como mínimo a idade de seis meses e 90 kg de peso en vivo. O despezamento realizarase segundo a norma do corte redondo e a tradición. O proceso de elaboración consta das seguintes fases: salgado, lavado, asentado e secado ou curado, cunha duración de mínimo 30 días, non admitíndose o afumado.

As características deste produto son as seguintes: o lacón estará enteiro, coa pel e o pezuño, pero sen cascos; o peso oscilará entre os 3 e o 5,5 kg; a forma será redondeada e perfilada polos bordos ata que apareza o músculo, cun aspecto firme, limpo e consistente. A textura será firme ao tacto, con graxa esbrancuxada ou lixeiramente amarela, untuosa e brillante; a masa muscular de cor rosa a vermello, con graxa infiltrada e cunha resistencia media ao corte; o aroma será suave e agradable; o sabor pouco salgado e a impresión suave.

A zona de produción e elaboración deste produto comprende toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Máis información:

Consello Regulador da I. X. P. Lacón Galego.

Tel. 982 226 252.

www.crlacongallego.com.

 

I. X. P. "Vacún de Galicia"

A Indicación Xeográfica Protexida“Vacún de Galicia” inclúe o gando das razas: Morenas do Noroeste, Rubia Galega, os cruces entre elas e cruces con outras razas. A cría do gando está controlada polo Consello Regulador. A alimentación do gando seguirá as normas tradicionais de aproveitamento dos pastos en Galicia, mentres que para a alimentación suplementaria serán utilizados produtos como o millo, as patacas, as forraxes frescas ou secas e diversos concentrados a base de cereais previamente autorizados polo Consello Regulador, quedando totalmente prohibidos os produtos que poidan interferir no habitual crecemento e desenvolvemento do gando, así como os derivados de animais reciclados.

As etiquetas acompañan o produto nas diversas etapas da súa comercialización. Esta Indicación Xeográfica Protexida ampara a carne fresca de gando vacún, que proceda de animais que naceron e foron criados e tamén sacrificados en Galicia. As características deste produto son o equilibrio entre o contido muscular e graxo, textura suave e tenra; cor desde rosa claro ata vermello suave e consistencia firme.

A área de produción e sacrificio que recolle esta IXP esténdese á totalidade da Comunidade Autónoma de Galicia.

Máis información:

Consello Regulador da I. X. P. Vacún de Galicia.

Tel. 981 575 786 / 981 574 899.

www.terneragallega.com.

 

I. X. P “Castaña de Galicia”

A Indicación Xeográfica Protexida “Castaña de Galicia” resérvase aos froitos obtidos  dos cultivos galegos do castiñeiro europeo, destinados para o consumo e comercializados tanto frescos como conxelados. As principais características deste produto son: pericarpio fino, brillante e de cor marrón, membrana fina, textura firme e sabor doce.

A zona de cultivo e recolección deste froito comprende a Comunidade de Galicia marcando o seu bordo norte a Serra do Xistral e cara ao oeste a Dorsal Galega. Concretamente, na Provincia de Lugo abarca todo o territorio, a excepción dos municipios de Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Máis información:

Consello Regulador da I. X. P. Castaña de Galicia.

Tel. 981 554 537/ 649 061 915.

www.castanadegalicia.org.

 

I. X. P. “Mel de Galicia”

A Indicación Xeográfica Protexida “Mel de Galicia” refírese ao produto máis importante da apicultura galega, que é o mel. Este mel procede das colmeas móbiles e obtense por medio da centrifugación ou decantación, chegando ao consumidor en estado líquido ou sólido e conservando a totalidade das súas propiedades naturais. Segundo a orixe botánica, o mel pode clasificarse en mel multifloral, mel monofloral de castiñeiro, mel monofloral de eucalipto, mel monofloral de silva e mel monofloral de carrasca.

A zona de produción, elaboración e envasado deste produto, baixo a Indicación Xeográfica Protexida, abarca a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Máis información:

Consello Regulador da I. X. P. Mel de Galicia.

Tel. 981 511913.

www.mieldegalicia.org.

 

I. X. P Torta de Santiago

A Indicación Xeográfica Protexida “Torta de Santiago” ampara un doce tradicional galego elaborado basicamente con améndoas, azucre e ovo. As características deste produto son a súa forma redonda, a súa cuberta de azucre glasé, onde figura a cruz da Orde de Santiago; o seu aroma de xema e améndoa, a súa cor dourada ao corte e branco pola cuberta debido ao glasé e a súa textura granulada e esponxosa. A zona de elaboración deste produto abarca a totalidade da Comunidade Autónoma de Galicia.

Máis información:

Consello Regulador da I. X. P. Torta de Santiago. 

Tel. 881 997 276.

www.tartadesantiago.org.

 

I. X. P. "Orujo de Galicia / Augardente de Galicia"

A Indicación Xeográfica Protexida “Orujo de Galicia/Augardente de Galicia”, ampara o augardente que se elabora a partir de bagazos de viños das vides galegas. Os produtos incluídos nesta protección son: os augardentes de bagazo (comercializados no ano de obtelos despois de repousar) e os augardentes de bagazo envellecido (que permanecerán en envases de madeira durante un mínimo dun ano). As características principais destes produtos son: aroma e sabor fino, delicado e intenso; aspecto limpo e transparente nos augardentes de bagazo e ambarino-tostado nos envellecidos, presentando unha gradación alcohólica entre 37,5 e 50% vol. A produción, destilación e envellecemento realizarase en Galicia. Na provincia de Lugo a subzona tradicionalmente produtora é a Ribeira Sacra.

Baixo a Indicación Xeográfica Protexida "Orujo de Galicia / Augardente de Galicia" inclúense o Augardente de Herbas de Galicia, o Licor Café de Galicia e o Licor de Herbas de Galicia:


Augardente de Herbas de Galicia

A Indicación Xeográfica Protexida “Augardente de Herbas de Galicia” ampara esta tradicional bebida espirituosa cuxa elaboración leva a cabo nas instalacións inscritas nos rexistros do Consello Regulador e que se obtén a partir dos augardentes elaborados baixo a denominación Orujo de Galicia/Augardente de Galicia, mediante a maceración e a destilación do alcohol mesturado coas súas herbas características. Os trazos principais do produto son: contido de azucres inferior a 100 gr. por litro e gradación alcohólica entre os 37,5 e 50 % vol. Para a súa elaboración empréganse como mínimo tres das seguintes plantas: azar, camomila, canela, coandro, menta, herba luísa, romeu, ourego, tomiño, fiúncho, regalicia e noz moscada. A elaboración e embotellado realizarase na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Licor Café de Galicia

A Indicación Xeográfica Protexida “Licor Café de Galicia” ampara a tradicional bebida espirituosa, que se obtén por medio dos augardentes baixo a denominación Orujo de Galicia/Augardente de Galicia e alcohol de orixe agrícola, mediante procesos de maceración e destilación do alcohol mesturado con café natural tostado. As súas características son as seguintes: contido en azucres mínimo de 100 g/ l; gradación alcohólica entre os 15 e 40% vol.

O seu contido mínimo na mestura de alcohol do augardente da Indicación Xeográfica Protexida Orujo de Galicia/Augardente de Galicia será o 50% do total. A elaboración e o embotellado deberán ser realizados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Licor de Herbas de Galicia

A Indicación Xeográfica Protexida“Licor de Herbas de Galicia” ampara esta tradicional bebida espirituosa elaborada nas instalacións inscritas nos rexistros do Consello Regulador, que se obtén a partir de augardentes integrados na Indicación Xeográfica Protexida Orujo de Galicia /Augardente de Galicia e por alcohol etílico de orixe agrícola, mediante os procesos de maceración e destilación xunto ás súas herbas.

As súas características son: contido en azucres mínimo do 100 g/ l, gradación alcohólica entre os 15 e 40% vol, mestura de alcohol con contido mínimo de augardente da Indicación Xeográfica Protexida Orujo de Galicia/Augardente do 50% do total. A súa elaboración e embotellado deberá realizarse na Comunidade Autónoma de Galicia.

Máis información:

Consello Regulador da I. X. P. Augardentes e licores tradicionais de Galicia. 

Tel.: 981 511 566.

www.orujodegalicia.org.

 

Recursos visitables: