Viveiro

 

Situada na desembocadura do Landro xunto á ría á que dá nome, a cidade de Viveiro conserva un dos mellores conxuntos monumentais da provincia de Lugo que reflicte o esplendor social e económico que experimentou ao longo da súa historia. Aquí, no antigo recinto de intramuros e na súa contorna inmediata, a igrexa, a nobreza e os gremios imprimiron un carácter propio e un ambiente que aínda se respira paseando polas súas rúas e contemplando o seu patrimonio.

O casco antigo de Viveiro estaba rodeado por unha muralla da que actualmente se conservan tres portas: a da vila, a do valado e a de Carlos V, construída xa na Idade Moderna en homenaxe a este Rei Emperador. Esta porta constitúe un perfecto punto de inicio para adentrarse no centro histórico e percorrer as estreitas rúas medievais da cidade, onde se abren recoletas prazas e se levantan fermosos monumentos como a casa dos leóns, a igrexa románica de Santa María do Campo, o convento das Concepcionistas e a gruta de Lourdes, o antigo calello das monxas e, xa na zona de extramuros, a igrexa gótica de San Francisco, que exhibe no seu claustro parte da imaxinería de Semana Santa; a ponte da misericordia, a capela do Ecce Homo de Covas, o mosteiro de Valdeflores e, a 5 quilómetros, a igrexa de San Pedro.

Pero o atractivo do centro histórico de Viveiro non se reduce en exclusiva aos seus aspectos monumentais. A un dinámico comercio e a unha oferta hostaleira de calidade únese o prestixio das súas docerías, que crearon a saborosa torta típica do lugar e o pan dos Apóstolos, doce que se converteu no souvenir da Semana Santa.

Para percorrer o casco histórico recoméndase solicitar as audioguías ficcionadas que están a disposición na oficina de turismo municipal ou descargala nesta ligazón

Santa María del Campo
Puerta de Carlos V - Viveiro
San Francisco
San Francisco
Panorámica de Viveiro
Cerámica Regal-Xunqueira
Óscar Rodríguez - Joyero
Semana Santa

 

E ademais…

*Ao longo do ano, Viveiro acolle numerosas festas que enchen de vida as súas rúas: a Semana Santa, declarada de Interese Turístico Internacional; o mercado renacentista; a festa da pescada do pincho de Celeiro; a Mostra Folclórica Internacional, a festa de San Roque ou o Resurrection Fest son un referente que traspasa fronteiras.

*Espazos naturais singulares como o Monumento Natural do Souto da Retorta, lugares desde onde contemplar impresionantes vistas panorámicas, como os miradoiros de San Roque e O Castelo e praias urbanas e naturais con certificados de calidade completan unha oferta apta para todos os públicos.