Polo camiño do tren mineiro

O pasado industrial da Pontenova maniféstase nos altos fornos de fundición que se conservan no centro da localidade e aos pés da antiga mina de ferro fosfórico que desde o ano 1900 e ata a década dos 60 explotou a Sociedade Mineira de Villaodrid.

Despois de ser extraído da montaña e baixado mediante un sistema de poleas, o mineral de ferro fundíase nos fornos mediante un innovador procedemento que tiña por obxecto separar o fósforo do lingote para, posteriormente, ser transportado en tren ata o cargadoiro de Ribadeo.

Actualmente, os primeiros 12 quilómetros da vía férrea do tren mineiro e de pasaxeiros entre A Pontenova e Ribadeo recuperouse como vía verde e pódese percorrer a pé ou en bicicleta seguindo parte do curso do Eo e chegando ata a localidade asturiana de San Tirso de Abres.

Imaxe
Fornos da Pontenova