Camiño Primitivo

 

Percorrer o Camiño Primitivo é seguir os pasos do primeiro peregrino da Historia: o Rei asturiano Alfonso II O  Casto, persoeiro clave para incentivar o culto ao Apóstolo Santiago. Este foi con seguridade o Camiño xacobeo orixinario ata que no século X se consolidou o Camiño Francés.

O itinerario do Camiño Primitivo iníciase en Oviedo, entrando en terras lucense polo Alto do Acevo, pertencente ao municipio da Fonsagrada, a cuxa capital de municipio –que é a de maior altitude sobre o nivel do mar de Galicia- se chega logo dun duro percorrido pola montaña. Dende A Fonsagrada sucédense as etapas que finalizan no  Cádavo e posteriormente en Castroverde, Lugo, San Román da Retorta e Palas de Rei, municipio onde o Camiño Primitivo conflúe co Francés para posteriormente seguir nun itinerario común ata Santiago.

Os atractivos deste Camiño son tanto de carácter paisaxístico como cultural, destacando entre os principais fitos do seu trazado, ademais da localidade da Fonsagrada, as ruínas do hospital e o dolmen de Montouto, a fortaleza de  Burón (situada nun dos ramais alternativos do Camiño), a torre medieval de Castroverde, o conxunto monumental formado polo pazo de  Vilabade e o convento de San Francisco, a igrexa de  Soutomerille, a cidade de Lugo, co seu centro histórico, a muralla romana e a catedral de Santa María (ambas declaradas Patrimonio da Humanidade), as igrexas de  Bacurín e San Román da  Retorta, así como as numerosas mostras de arquitectura popular situadas a pé de camiño.

Fai clic para descubrir o Camiño de Primitivo en Inventrip.

montouto

 

Etapa 1: Alto do Acevo- Paradavella

O Camiño Primitivo fai a súa entrada na provincia de Lugo polo Alto do Acevo, situado a máis de 1000 metros de altitude e dende onde restan aproximadamente 162 quilómetros a Santiago. Dende aquí, un sendeiro conduce cara Fonfría e Paradanova, punto onde a ruta de peregrinación se ramifica nunha dobre alternativa que ofrece a posibilidade de continuar cara Montouto pola Pobra de Burón (ruta orixinaria) ou ben pola Fonsagrada e San Xoan de Padrón. Dende o Alto de Montouto, onde se conservan os restos do antigo hospital de Peregrinos do século XVII, iníciase o descenso cara ao val de Paradavella, aldea que conserva un importante valor etnográfico e que marca o final desta primeira etapa.

 

 

castroverde

 

Etapa 2: Paradavella- Castroverde

Dende Paradavella, o Camiño de Santiago continúa cara terras de Baleira, seguindo o trazado marcado polo Caserío da Degolada e A Lastra e continuando polo Alto da Fontaneira, aldea que conta cunha igrexa adicada a Santiago e que conserva na súa arquitectura popular e na súa configuración unha patente identidade vinculada á existencia previa dun castro neste lugar. Dende A Fontaneira continúase polo lendario Campo da Matanza para seguir en descenso cara O Cádavo entre as Serras do Pozo e A Vacariza.

Deixando atrás as terras de Baleira, comeza o ascenso cara o Alto da Vacariza pasando pola Cruz da Pedra, fito que marca a entrada no municipio de Castroverde, a cuxa capitalidade e punto final da etapa se chega por un dobre ramal que permite ao peregrino escoller as alternativas de Vilalle ou Vilabade, onde se conserva a igrexa do antigo convento franciscano que forma un interesante conxunto monumental co pazo do século XVII adxacente.

 

 

san pedro

 

Etapa 3: Castroverde- Lugo

Dende Castroverde, o itinerario continúa por San Miguel do Camiño, Souto de Torres, Moreira e Vilar de Cás ata Soutomerille, onde entre un bosque se conserva unha igrexa de posible orixe visigótica reformada no século XVII. E continuando cara Lugo sucédense as referencias toponímicas que fan mención ao Camiño dende tempos inmemoriais á vez que se van alternando os núcleos de poboación que anuncian a proximidade da capital lucense: Gondar, Bascuas, Carballido, Fazai e Santiago de Castelo son a antesala da chegada á antiga cidade de Lucus Augisti, cuxo centro histórico dá a benvida ao peregrino na porta de San Pedro da muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000 e pola que se accede ao enclave monumental produto de dous milenios de historia.

 

sanroman

 

Etapa 4: Lugo- San Román da Retorta

A muralla romana de Lugo, a través da Porta Miñá ou da Porta do Carme despide ao peregrino da cidade por unha calzada que se dirixe ao Miño. Dende aquí, no barrio de San Lázaro, o Camiño continúa por San Vicente do Burgo, dende onde merece a pena desviarse para visitar a enigmática Santa Eulalia de Bóveda para proseguir posteriormente por Bacurín e San Pedro de Mera ata chegar a San Román da Retorta, onde se conserva unha igrexa orixinariamente románica.

 

Etapa 5: San Román da Retorta- Melide

Dende San Román da Retorta o Camiño continúa por Santa Cruz da Retorta para seguir por sendeiros rurais que conectan pequenos núcleos de poboación como Vilamaior de Negral, Ferreira, Augas Santas ou Merlán, en Palas de Rei, para terminar abandonando a provincia de Lugo despois de cruzar a Serra do Careón polo Marco do Hospital.

 

 

Etapas Camiño Primitivo

 

 

 

Albergues CP