Chantada
Situada no sur da provincia de Lugo e en pleno corazón de Galicia, a vila de Chantada é cabeceira dunha comarca agrícola e gandeira onde a viticultura adquire un protagonismo esencial. O seu acolledor centro histórico convida a pasear tranquilamente polas empedradas rúas do centro da localidade, iniciando o percorrido na praza de Santa Ana e continuando polas Rúas de Leonardo Rodríguez e do Comercio, onde pode admirarse a arquitectura das súas casas, con soportais e brasóns que nos trasladan aos séculos XVI e XVII.
A Rúa do Comercio desemboca na praza do Mercado, onde se levanta a igrexa vella ou de Santa Mariña e o Casarón de Lemos, con orixes no século XVI e que no século XIX acolleu a Banca de Soto. Foi restaurado polo recoñecido arquitecto Manuel Galego Jorreto e hoxe é a Casa da Cultura, oficina municipal de turismo e sala de exposicións. Desde aquí, a baixada pola Rúa 2 de maio desemboca na contorna do río Asma, que convida a percorrer o seu paseo fluvial e visitar o seu restaurado muíño.
A menos de 1 quilómetro do centro histórico de Chantada levántase o Convento de San Salvador de Asma, situado tamén na contorna deste río que lle dá nome e con orixes no século IX como mosteiro dúplice. Orixinalmente construído en estilo románico, a súa arquitectura remodelouse nos séculos XVII e XVIII, conservando de época medieval un interesante traballo escultórico en xanelas, canzorros e capiteis.
E ademais…
*O patrimonio etnográfico de Chantada ten unha singular representación no seu tradicional entroido, un dos máis antigos de Europa, onde mecos, volantes e peliqueiros percorren as rúas da vila. Outro reclamo no calendario cultural de Chantada é o Folión de carros, festa de Interese Turístico celebrada en agosto que rende homenaxe á tradición gandeira da comarca.
*Por Chantada pasa o Camiño de Inverno a Santiago, que atravesa o municipio para abandonar a provincia de Lugo no alto do Faro.
*Chantada é Ribeira Sacra. Na contorna do curso do Miño e repartidas por diferentes parroquias consérvanse igrexas románicas de extraordinario valor artístico como Pesqueiras, Camporramiro, Nogueira de Miño, Requeixo, Bemún, Mouricios ou San Miguel do Monte, entre outras.
*A viticultura da Denominación de Orixe Ribeira Sacra ten en Chantada unha subzona de produción propia. Un viño ligado a unha terra que o home adaptou ás súas necesidades con construcións de bancais que forman unha paisaxe de extraordinaria beleza no Canón do Miño.