Mondoñedo

 

A historia de Mondoñedo atópase inexcusablemente ligada ao poder eclesiástico. Sede episcopal desde o ano 1112 e Capital de Provincia do Antigo Reino de Galicia ata 1833, a Catedral-Basílica da Asunción constitúe o punto neurálxico da cidade que marcou o seu desenvolvemento urbanístico e é a orixe do trazado que deu forma ás súas rúas desde a Idade Media.

E é que percorrer Mondoñedo supón adentrarse no escenario dunha novela de época onde as pequenas prazas, as canellas, as igrexas, as capelas, os conventos e os pazos urbanos combínanse para crear un ambiente onde o silencio enche de paz cada recuncho.

A visita á cidade debe iniciarse na propia Catedral e o seu museo diocesano, conxunto de estilos artísticos que plasman o mellor de cada época: Gótico, Renacemento e Barroco son testemuñas do esplendor de antano que quedou recollido na arquitectura da que polas súas dimensións é coñecida como “a catedral axeonllada”.

Desde a Catedral, o percorrido continúa pola fonte vella (s. XVI), a casa natal de Álvaro Cunqueiro; o Seminario de Santa Catalina (s. XVIII), a igrexa nova ou de Santiago, a alameda dos Remedios co santuario barroco homónimo e o hospital de San Pablo e o cemiterio vello, único por conservar a división en clases sociais. Aquí pódense visitar magníficos panteóns e tamén o último leito dalgún dos ilustres fillos de Mondoñedo, como Cunqueiro, Pascual Veiga ou Leiras Pulpeiro, que xunto con outros, contribuíron ao esplendor cultural que viviu esta cidade nos séculos XIX e XX.

Mondoñedo é tamén territorio xacobeo. Por aquí transcorre o Camiño Norte de Santiago, declarado Patrimonio da Humanidade xunto coa Catedral- Basílica no ano 2015. Actualmente, o Convento de Alcántara acolle o seu centro de interpretación, que permite coñecer de preto a historia e os principais puntos de interese que acompañan o seu trazado.

E moi preto do casco antigo atópase o barrio dos Muíños, cuxo urbanismo presenta un gran interese etnográfico e onde se instalaron diferentes talleres artesáns que contribuíron a manter a vida neste lugar. Aquí atópase tamén a ponte medieval do Pasatempo, relacionada coa lenda da execución do Mariscal Pedro Pardo de Cela na praza da Catedral no ano 1483.

A gastronomía é parte inseparable da cultura local. A coñecida torta de améndoa e cabelo de anxo de Mondoñedo é unha delicia que se pode degustar e adquirir nas confeiterías locais e que se converteu no souvenir por excelencia desta cidade.

E desde o ano 2018, Mondoñedo forma parte da asociación de pobos máis bonitos de España, distinción que recoñece o traballo realizado a favor do coidado e a difusión do seu patrimonio, que o converteu nunha das xoias da Galicia interior.

Catedral
Cementerio viejo
Santuario de Los Remedios
Centro de Interpretación del Camino
Puente del Pasatiempo
Panorámica de Mondoñedo
Tarta de Mondoñedo
Artesano en Os Muíños

 

E ademais…

*As feiras das San Lucas, celebradas en outubro, teñen a singularidade de ser unhas das máis antigas de España. Durante as mesmas celébrase unha tradicional feira de gando cabalar que os días previos baixa do monte, atravesando a praza da catedral nun espectáculo único. Outras citas fundamentais son a Semana Santa e o mercado medieval de agosto, declaradas de Interese Turístico Galego xunto coas San Lucas. Celebracións singulares son tamén As Quendas, no mes de maio; a rapa das bestas, a finais de xuño, ou os Remedios, en setembro.

*Na contorna natural de Mondoñedo consérvanse lugares de interese como A Fraga Vella, a área recreativa do Río Tronceda, a fervenza do Salto do Coro e a cova do Rei Cintolo, que é a máis grande de Galicia e que se pode visitar cun espeleólogo profesional previa reserva na oficina municipal de turismo.