Xeoturismo na Mariña Lucense

PUNTOS DE INTERESE XEOLÓXICO NA MARIÑA LUCENSE

Rasa Cantábrica
Rasa Cantábrica
Rasa Cantábrica
Rasa Cantábrica

 

A RASA CANTÁBRICA: DE RIBADEO A BURELA

A rasa cantábrica é unha superficie chaira enmarcada entre a franxa litoral lucense e as primeiras elevacións montañosas que marcan o límite entre a costa e o interior, aproximadamente uns tres quilómetros terra dentro. Neste espazo, numerosos ríos poñen punto e final ao seu percorrido deixando as súas augas ao Cantábrico e formando as rías de Ribadeo, Foz- Masma e Fazouro.

Os materiais predominantes na rasa cantábrica son as lousas e cuarcitas, que conforman na costa lucense un terreo brando e facilmente erosionable que o mar moldeou ao longo dos séculos formando interesantes conxuntos de arcos, covas marítimas, illas, pequenos illotes e furnas.

A rasa cantábrica lucense abarca aproximadamente desde Ribadeo ata Burela. Nesta extensión atopamos grandes pregamentos con máis de 350 millóns de anos de historia, como o que se estende desde a Ría de Ribadeo ata a Ría de Foz; Monumentos Naturais como a Praia das Catedrais e zonas con singulares arcos mariños como a área xeolóxica de Perdouro en Burela, todos eles atractivos que pasaron a formar parte da oferta turística da Mariña Lucense.

 Para coñecer de primeira man os caprichos xeolóxicos do litoral, o Concello de Ribadeo ofrece tres rutas temáticas que nos permiten achegarnos ás formacións singulares da rasa cantábrica, en concreto aos pregamentos, arcos, covas e furnas.

Ademais, o Concello de Burela ofrece rutas xeolóxicas por O Perdouro nas que se pode observar un dos conxuntos de pregamentos mellor conservados de Galicia. Doutra banda, a ruta litoral de Burela ata A Marosa permitiranos coñecer de preto as formacións de pegmatitas e aplitas, elementos de costa granítica e depósitos máis recentes.

Máis información:

 

Oficina de Turismo de Ribadeo

Telf. 982 128 689

 Rúa Dionisio Gamallo Ferros, 7

27700 Ribadeo

Lugo

turismo@ribadeo.org

 

Concello de Burela:

Telf. 982 586000

www.burela.org

burela@burela.org


Información xeral e táboa de mareas: http://ascatedrais.gal/

Reserva de pases en tempada alta na web http://ascatedrais.xunta.gal

 

 

Rei Cintolo
Rei Cintolo
Rei Cintolo
Rei Cintolo

 

 A COVA DO REI CINTOLO

Acompañados por un espeleólogo profesional que nos guiará durante unha emocionante visita, dispoñémonos a entrar nunha das máis impactantes marabillas que existen baixo terras lucenses: a cova do Rey Cintolo.

Situada en Argomoso (Mondoñedo) e con máis de 6000 metros explorados, está considerada a de maiores dimensións de Galicia. Escenario de lendas que nos falan dun reino soterrado por amor, a gran formación kárstica que deu orixe á cova acolleranos entre salas e pasadizos de caprichosas formas e dimensións que converterán o noso percorrido nunha auténtica aventura.

O interior desta cova, que conserva o seu estado orixinal, divídese en catro seccións nas que se suceden estalagtitas, estalagmitas e columnas observables nas súas diferentes galerías. Ademais, polo seu interior discorre o río Celtas, que foi esculpindo o corazón deste espazo natural, alimentando o seu lago interior.

Os achados das diferentes campañas de exploración e investigación da cova mostran unha evolución que permitiu seguir o rastro dos nosos devanceiros desde o Paleolítico ata a Idade Media, polo que a cova constitúe un auténtico nexo de unión entre o pasado e o presente.

Para coñecer de preto as curiosidades deste lugar, organízanse visitas guiadas desde a oficina de turismo de Mondoñedo. Igualmente, nas proximidades da cova áchase o centro de interpretación da Prehistoria, onde se pode afondar no coñecemento dos aspectos históricos, arqueolóxicos, etnográficos e naturais de Mondoñedo.

Máis información:

Oficina municipal de turismo de Mondoñedo (xestión de visitas á cova)

Praza da Catedral, 34.

 27740 Mondoñedo

Telf. 982 50 71 77

mondonedoturismo@yahoo.es