A Mariña en familia

O litoral Cantábrico ofrece un mar de posibilidades para gozar das súas infinitas praias, da cultura mariñeira ou de espazos naturais emblemáticos.
 
O percorrido pode iniciarse na Ría de Ribadeo, estuario de notable beleza e valores ambientais integrado na Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón. Desde o porto deportivo de Ribadeo parten diferentes embarcacións turísticas coas que realizar unha agradable e educativa travesía pola ría coñecendo de primeira man a súa diversidade natural e as actividades humanas que nela se desenvolven.
 
Tralo percorrido en barco pola ría, a visita á costa ribadense pode completarse cun relaxado percorrido polo paseo marítimo desde a contorna do singular faro de Illa Pancha ata o antigo cargadero de mineral ata onde chegaba o tren mineiro da Pontenova.
 
Desde aquí poñeremos rumbo cara á Praia das Catedrais, non sen antes obter o pase correspondente se a visita se realiza en tempada alta. Cantís imposibles, arcos e covas mariñas son o resultado da forza dun mar escultor que labrou neste lugar unha marabilla da natureza. Acompañados dun guía, a visita interpretativa ás Catedrais promete toda unha lección didáctica de xeoloxía, flora e fauna costeira neste Monumento Natural.
 
Trala visita á Praia das Catedrais é o momento de tomarse un respiro e gozar das espectaculares praias de Barreiros: Arealonga, As Pasadas, Coto, Fontela- Balea, O Cantil, Altar e San Bartolo son algúns dos areais emblemáticos que fan deste municipio un destino estival familiar de referencia.
 
A escasos quilómetros de Barreiros, e só separados polo estuario do Masma, atópase a vila de Foz, onde atopamos a exposición interpretativa “A Mariña Virtual”, situada no edificio CENIMA,  que nos guiará polos espazos naturais e puntos de referencia cultural da Mariña Lucense a través de pantallas interactivas e da tecnoloxía de realidade virtual. Os segredos da Mariña que aquí descubramos servirannos para adiantar coñecementos que servirán como antesala doutros lugares singulares que non deben deixar de visitarse, como é o caso do castro de Fazouro ou a Basílica de San Martiño.
 
Non nos despediremos de Foz sen gozar das súas praias. A emblemática Rapadoira atópase en pleno centro urbano, é un areal accesible e cunha excelente dotación de servizos turísticos. Por iso foi galardoada coa Q de Calidade Turística e pertence á Rede Galega de Praias sen Fume.

Seguindo a costa, a localidade mariñeira de Burela achegaranos á vida cotiá da súa xente no porto pesqueiro, un dos máis importantes do Cantábrico, onde poderemos visitar o Barco- Museo Bonitero e coñecer de primeira man o traballo das redeiras, un oficio tradicional que segue vivo nesta localidade. E continuando coa cultura mariñeira, San Cibrao, vila situada no municipio de Cervo, acolle o Museo do Mar, un lugar no que recibir toda unha lección de historia, etnografía e bioloxía mariña. As súas diferentes salas aproximarannos a actividades tan singulares como a carpintería de ribeira ou a industria baleeira, que revestiu gran importancia para a comarca ata os anos 70. Non deixaremos Cervo sen visitar o Conxunto Histórico de Sargadelos, emblemática cerámica galega obtida mediante procesos artesanais e industriais. O seu museo histórico, o carreiro coñecido como o Paseo dos Namorados ou a actual fábrica de cerámica son de obrigada visita.
 
Por outra banda, se o que queremos son unhas vacacións cheas de acción, a práctica de deportes náuticos é sempre unha alternativa segura para garantir unha experiencia memorable. Durante o verán e en fins de semana diferentes empresas da Mariña imparten clases de surf para distintos niveis e idades.
 
E nos municipios de interior, a natureza bríndanos suxerentes estampas para gozar cos nosos. É o caso das fervenzas do Pozo da Onza no Valadouro, a fervenza do Escouridal de Alfoz ou a contorna da Fraga Vella e o Salto do Coro en Mondoñedo. Nesta última localidade recoméndase tamén visitar o Barrio dos Muíños, onde os diferentes talleres artesáns ofrecen obradoiros e demostracións para nenos e maiores.
 
 
Fuciño do Porco
Mirador Monte de San Roque
Faro Roncadoira
Mirador Monte de San Roque 2