Xeodestino Ribeira Sacra

O xeodestino Ribeira Sacra Lucense comprende os municipios de Portomarín, Paradela, Chantada, O Saviñao, Taboada, Carballedo, Pantón, Sober, Bóveda, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil e Quiroga. A Ribeira Sacra tamén se estende por terras de oito municipios do norte da provincia de Ourense.

Dende o punto de vista xeográfico, este territorio abarca a contorna dos profundos e escarpados vales fluviais que o Sil e o Miño escavaron ao seu paso por estas terras. Durante a Idade Media, numerosas comunidades relixiosas elixiron esta privilexiada contorna como lugar de retiro espiritual fundando mosteiros a cuxo esplendor puxo punto e final a desamortización. Como recordo deste brillante pasado quedan igrexas románicas onde a arte foi concibida como unha linguaxe pedagóxica para o home medieval.

Ás comunidades relixiosas débese tamén o auxe do cultivo da vide, aínda que a súa lendaria orixe está ligada á pegada que a romanización deixou nestas terras, unha etapa durante a que tamén se desenvolveron outras actividades como a minería aurífera e o cultivo de oliveiras.

Ribeira Sacra é hoxe un puxante destino onde as industrias do viño e do turismo acadaron un éxito que levou ao seu recoñecemento internacional. Ríos, arte, viño, Home e paisaxe, unha combinación perfecta nesta xoia da Galicia interior que aspira a ser Patrimonio da Humanidade.

 

 

NATUREZA

O medio natural da Ribeira Sacra atópase indiscutiblemente relacionado coas paisaxes agrarias e os profundos vales que forman os ríos Miño, Sil e Cabe. Unha topografía singular que posibilita a existencia dun microclima benigno con matices mediterráneos, o que outorga á paisaxe unhas características idóneas para o cultivo da vide.

Ademais, o encaixamento fluvial foi o detonante da construción de encoros nas décadas dos anos 50 e 60 para a produción hidroeléctrica. O resultado son augas remansadas polas que surcan embarcacións turísticas que percorren dende diferentes embarcadoiros o corazón da Ribeira Sacra (preme aquí para comprar os billetes en liña).

Dentro dos espazos naturais protexidos, a Rede Natura 2000 inclúe na Ribeira Sacra tres Zonas de Especial Conservación: o Canón do Sil nas súas vertentes máis escarpadas, o río Cabe, onde se atopan algunhas das vides máis espectaculares pola súa verticalidade e o Monte Faro, situado en pleno centro de Galicia e que constitúe un miradoiro natural sobre as catro provincias galegas.

Viñedos no Sil
Canón do Sil
Cabo do Mundo- O Saviñao
Sierra del Faro

Na zona oriental da Ribeira Sacra lucense, as montañas do Courel comezan a asomarse en municipios como a Pobra do Brollón e Quiroga, onde se sitúa o Monumento Natural do Pregamento Sinclinal de Campodola- Leixazós, todo un referente para coñecer a evolución xeolóxica da Galicia.

Para descubrir as paisaxes da Ribeira Sacra en todo o seu esplendor, ademais das rutas en catamarán, acondicionáronse numerosos miradoiros que se asoman ao abismo dos canóns do Miño, o Sil e o Cabe. Moi coñecidos son os miradoiros do Duque, en Monforte de Lemos; Pena do Castelo, Soutochao, Chelos, Cadeiras, Santiorxo, Boqueiriño e Cividade, en Sober e O Cabo do Mundo, no Saviñao, con incribles vistas sobre o meandro máis famoso do Miño ao seu paso pola Ribeira Sacra.

Mirador de Soutochao
Mirador da Pena do Castelo
Mirador de Cividade
Monumento Natural Pliegue Sinclinal de Campodola- Leixazós

 

 

PATRIMONIO CULTURAL

A Ribeira Sacra conserva relevantes exemplos do patrimonio cultural que permiten facer un percorrido pola liña do tempo dende épocas prehistóricas ata a actualidade: vestixios arqueolóxicos como o dolmen de Abuime, os castros de Candaz, San Lourenzo de Cereixa, Castromaior e Fión ou o túnel de Montefurado, fálannos dunha intensa ocupación humana do territorio desde épocas temperás.

Castro Candaz
Castro de Arxeriz- Fión
Castromaior- Portomarín
Túnel de Montefurado- Quiroga

Durante a Idade Media asentaranse na Ribeira Sacra numerosas comunidades relixiosas que construirán os seus mosteiros na contorna dos vales do Sil e do Miño. Testemuñas directas desta época florecente son as igrexas parroquiais que chegaron ata os nosos días e que fan deste territorio o de maior concentración de románico rural de Europa. Destacados exemplos desta etapa son San Xoan de Portomarín, Santo Estevo de Ribas do Miño, San Paio de Diomondi, Santa María de Pesqueiras, Santa María de Nogueira, San Xoan da Cova, Santo Estevo de Chouzán, San Miguel de Eiré, San Vicente de Pombeiro, Santo Estevo de Atán, San Fiz de Cangas, San Xiao de Lobios ou o convento do Salvador de Ferreira de Pantón.

Divino Salvador de Ferreira
San Paio de Diomondi
San Vicente de Pombeiro
Santo Estevo de Ribas de Miño

Á oferta monumental do xeodestino únense os centros históricos de Portomarín, Chantada e Monforte de Lemos, situados, respectivamente a beiras dos ríos Miño, Asma e Cabe. En Portomarín destacan as igrexas románicas e os pazos urbanos “rescatados” das augas do encoro de Belesar; en Chantada destacan edificios como a casa da cultura e o convento de San Salvador e en Monforte, o conxunto monumental de San Vicente do Pino ou o Colexio da Nosa Señora da Antiga, coñecido como “O Escorial Galego”.

Conjunto Monumental de San Vicente do Pino
Colegio del Cardenal
Casona de Lemos - Chantada
San Juan de Portomarín

Ribeira Sacra é tamén lugar de peregrinación cara a Santiago de Compostela. Por aquí transcorren o Camiño Francés e o Camiño de Inverno, unha ruta empregada desde a Idade Media polos peregrinos que desexaban evitar os nevados cumes do Cebreiro en época invernal. Hoxe esta ruta conta con recoñecemento oficial e une algúns dos elementos patrimoniais máis destacados da zona nas etapas que transcorren entre Albaredos (Quiroga) e o alto do Faro en Chantada.

Codos de Belesar - Camino de Invierno
Capilla de As Farrapas- Camino de Invierno
Torrenovaes - Camino de Invierno
Camino de Invierno

A oferta museística e de artesanía da Ribeira Sacra pon o broche de ouro á súa herdanza patrimonial con equipamentos culturais como o Ecomuseo de Arxeriz no Saviñao; en Monforte, o Centro do Viño, o Museo do ferrocarril, os pazos de Tor e Molinos de Antero, o museo Casa de Bonecas, o museo Torre da Homenaxe, o Museo das Clarisas e a pinacoteca da nosa Señora da Antiga. Completan a oferta o Museo xeolóxico e o etnográfico de Quiroga ou a Reitoral de Gundivós, onde se elabora artesanalmente unha olería tradicional de característica cor negra empregando o torno manual baixo.

Museo del Ferrocarril
Pazo de Tor
Museo Geológico
Alfarería de Gundivós

 

GASTRONOMÍA

A Ribeira Sacra é unha zona de produción vinícola que posúe unha extensión de 2.500 hectáreas de vides amparadas pola Denominación de Orixe. O territorio que abarca esta Denominación comprende máis de 20 municipios que se sitúan nas ribeiras dos ríos Miño, Sil e Cabe, na parte sur da Provincia de Lugo e no norte de Ourense.

Esta zona caracterízase polos coñecidos “socalcos”, vides en bancais de gran pendente que se sitúan nas ladeiras das montañas e en abruptos canóns xunto con bosques autóctonos e especies mediterráneas. Nestes empinados vales, Home e medio natural danse a man para crear unha paisaxe cultural que é inseparable da idiosincrasia dos viños que aquí se producen e que son froito do esforzo e dedicación dos adegueiros. Un auténtico viño de heroes cunha inconfundible personalidade outorgada polo medio natural, o microclima e as dificultades do terreo.

Viñedos
Viñedos
Viñedos
Viñedos

O viño protagoniza unha parte esencial da oferta turística do destino. A ruta do viño da Ribeira Sacra aglutina baixo unha mesmas temática adegas visitables, aloxamentos, restaurantes e museos cuxa oferta xira ao redor dun produto que hoxe se exporta a países como os Estados Unidos, Noruega, Reino Unido, Francia, Suecia, Australia, Alemaña ou o Xapón.

Ademais do viño, a augardente e a torta de Portomarín, a rosca de Sober, a carne, o mel, o aceite de Quiroga, as cereixas ou as castañas completan o atractivo da oferta gastronómica de calidade da Ribeira Sacra.

Vino de la D.O. Ribeira Sacra
Aceite d Quiroga
Rosca de Sober
Aguardiente de Portomarín

 

FESTAS DE INTERESE

O calendario festivo da Ribeira Sacra está intimamente ligado aos seus produtos gastronómicos. O viño marca as citas imprescindibles da axenda de lecer do destino nos primeiros meses do ano coas feiras de Chantada, Sober, Quiroga, Pantón, Vilachá, Ribas do Sil e a mostra dos viños da Ribeira Sacra de Monforte.

Outras celebracións destacadas son a mostra do aceite de Quiroga e a festa do caldo de ósos de Taboada, declaradas de Interese Turístico Galego; a festa do Augardente de Portomarín, a festa da carne ao caldeiro en Carballedo, a feira do mel de Quiroga, a festa da rosca de Sober ou a feira do viño e a cereixa en Belesar.

Singulares son tamén as festas que renden homenaxe a tradicións ancestrais como o popular Entroido Ribeirao e o de Salcedo, coas súas características personaxes, así como festas de carácter agrícola e pagán como son o Folión de carros de Chantada ou a festa das fachas de Castelo en Taboada, ambas as declaradas de Interese Turístico Galego.

 

Preme AQUÍ para acceder á web do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Preme nas seguintes ligazóns para acceder ás webs de Turismo municipais:

Portomarín  Paradela  Chantada  O Saviñao  Taboada  Carballedo  Pantón  Sober  Bóveda  Monforte de Lemos  A Pobra do Brollón  Ribas de Sil   Quiroga