Camiño de Inverno

Oficializado no ano 2016, o Camiño de Inverno é unha ruta de peregrinación a Santiago pola que optaban moitos peregrinos que no inverno decidían evitar os nevados e dificultosos cumios do Cebreiro adentrándose polo sur lucense, na denominada Ribeira Sacra, confluencia de ríos e territorio vinícola onde as numerosas comunidades de  eremitas que o poboaron converteron este lugar no de maior concentración de  románico rural de Europa.

O Camiño de Inverno iníciase en Ponferrada, entrando en Galicia por Valdeorras para seguir posteriormente por terras lucenses na que é xa a súa terceira etapa. Aquí, desde o lugar de  Albaredos, na provincia de Lugo, o Camiño segue o seu trazado cara a Quiroga despois de bordear  as ruínas do antigo castelo da Encomenda.

Dende Quiroga, o Camiño prosegue por Ribas de Sil e A Pobra do Brollón nunha etapa que culmina en Monforte de Lemos, a cidade do Cabe, onde destaca o conxunto monumental da atalaia de San Vicente do Pino, o Colexio dos Escolapios ou a variada oferta museística.

Monforte marcará o punto de partida dunha nova etapa que nos levará a Chantada, non sen antes visitar lugares de gran relevancia histórico- artística como a igrexa de San Paio de  Diomondi, a calzada romana dos cóbados de Belesar ou o propio pobo  homónimo, situado na beira do Miño. Desde aquí, unha empinada subida por  Líncora finalizará en Chantada, desde onde se iniciará unha última etapa do Camiño por terras lucenses, que despedirá no alto do Monte Faro, espazo Rede Natura 2000 que marca o límite natural co veciño municipio de Rodeiro.

De xeito máis pormenorizado, a provincia de Lugo é atravesada por catro etapas deste Camiño que suman un total de 118,6 quilómetros e que se dividen como segue:

Fai clic para descubrir o Camiño de Inverno en Inventrip.

 

farrapas

 

 

 

Etapa 1: A Rúa- Quiroga

 

Despois de 8 quilómetros da súa primeira etapa do percorrido galego, o Camiño de Inverno entra na provincia de Lugo á altura de Albaredos, dende onde se descende ata o núcleo de Montefurado para ascender posteriormente cara Hermidón. Dende este punto, o Camiño continúa cara Bendilló, onde atopamos un muíño de aceite tradicional e a ermida de San Xoan das Farrapas, lugar onde os peregrinos deixaban as vellas vestimentas coas que iniciaran o Camiño. O percorrido continúa por Soldón, Sequeiros e Novaes, onde se bordean os restos do antigo castelo de Encomenda. Posteriormente, o Camiño pasa polos lugares de San Xulián de Arriba e Caspedro, dende cuxa capela se pode baixar directamente á localidade de Quiroga.

 

ferrocarril

 

 

 

Etapa 2: Quiroga - Monforte

 

Estamos nunha etapa de dificultade media- alta que nos levará dende Quiroga a Monforte de Lemos pasando polos núcleos de San Clodio de Ribas do Sil, Nocedo, Carballo de Lor, Barxa de Lor, Castroncelos, A Pobra do Brollón, Cereixa, Rairos, Reigada e finalmente a cidade do Cabe, onde merece a pena gozar detidamente da oferta monumental e museística que brinda ao visitante, destacando elementos do patrimonio cultural como o conxunto de San Vicente do Pino, o Colexio do Cardeal ou os Museos de Arte Sacra, do Ferrocarril e do Viño.

 

diomondi

 

 

 

Etapa 3: Monforte- Chantada

 

A terceira etapa do Camiño de Inverno por terras lucenses parte dende Monforte de Lemos e atravesa terras de Pantón e O Saviñao, ricas en patrimonio civil e relixioso, polos lugares da Vide, Moreda, Broza, Piñeiro, Barxa, Fión e Diomondi. Desde esta parroquia, que conta cun dos exemplos emblemáticos de arquitectura románica, iníciase un descenso pola antiga calzada romana dos cóbados de Belesar, que nos leva a cruzar o Miño para continuar en ascenso ata a parroquia de San Pedro de Líncora e entrar no núcleo de Chantada pasando polo convento de San Salvador de Asma.

 

faro

 

 

 

 

Etapa 4: Chantada- Rodeiro

 

Dende Chantada, o Camiño continúa por Centulle, Casoa, Lucenza e Penasillás. Dende aquí existe unha dobre posibilidade para continuar cara Rodeiro: ben seguir a cota máis baixa do terreo bordeando a aba do Monte Faro, ou ben ascender ata a súa ermida polo Camiño tradicional para contemplar as impresionantes vistas sobre as catro provincias galegas e despedirnos de terras lucenses con este grato recordo.

Etapas Camiño Inverno