Balnearios e fontes mineromedicinais

Aguas Termales

 

Galicia, con máis de trescentas fontes de augas mineromedicinais, é a comunidade española con maior oferta termal.

No ránking de provincias, Lugo ocupa un lugar privilexiado non só polo seu amplo patrimonio termal, senón tamén por unha longa traxectoria histórica que fai que os usos sociais ligados á auga estean plenamente enraizados na idiosincrasia lucense.

As orixes do termalismo en Lugo remóntanse á romanización e foi precisamente na antiga cidade romana de Lucus Augusti onde entre os séculos I e II de nosa era se construíron xunto ao río Miño as termas, antigos baños públicos dos cales hoxe se conserva o apodyterium ou vestiario e unha zona abovedada. Son estes restos os que dan ao balneario da capital lucense o privilexio de ser o único en Galicia que conserva dentro do edificio os vestixios arqueolóxicos orixinais.

O período comprendido entre finais do século XIX e a Guerra Civil Española de 1936 considerarase unha etapa de esplendor do termalismo, xogando un papel protagonista o balneario de Guitiriz, por aquel entón xa coñecido como o Karlsbad galego. Neste municipio lucense, a auga das fontes termais de San Xoan, Pardiñas e Valdovín constitúe un dos seus máis prezados recursos que, xunto á denominada ruta da auga, tecen a súa inconfundible identidade.

A oferta termal da provincia compleméntase co balneario Río Pambre, situado en Palas de Rei e a escasa distancia do Camiño Francés, ruta xacobea por excelencia, e co balneario de Augas Santas, situado no municipio de Pantón, no sur lucense, e cuxas modernas instalacións e campo de golf poñen o broche de ouro á oferta cultural e enoturística da Ribeira Sacra.

A tradición termal lucense non se limita en exclusiva á actividade dos grandes balnearios. Nas zonas rurais da provincia atópanse fontes mineiromedicinais que antano gozaron de recoñecida fama polas súas propiedades terapéuticas e que hoxe forman parten do imaxinario popular como escenario de lendas e costumes que permanecen na memoria colectiva. É o caso, entre outras, da fonte de augas ferruxinosas do Incio, as fontes da Rogueira no Courel, os antigos balnearios de Céltigos en Sarria, Mouriscados en Chantada e de Frádegas en Antas de Ulla ou a coñecida Charca do Alligal de Vilalba.

 

Infórmate sobre a oferta termal da provincia:

Balneario de Lugo

 

Hotel Balneario e Termas Romanas de Lugo

Camiño do Balneario s/n. 27004. Lugo

 43°00'06.5" N 7°33'39.5" W

 Tel. 982 22 12 28

balneario@balneariodelugo.com

www.balneariodelugo.com

 Características das augas: Sulfurado- sódicas, bicarbonatadas, hipertermais.

Indicacións terapéuticas: reumatismos crónicos, crónicos inflamatorios, dexenerativos, non articulares. Afeccións respiratorias como farinxites, rinitis, sinusitis, larinxitis, bronquites, asma, etc. Enfermidades da pel, tensión e esgotamento físico.

 

 Augas Santas

 

Hotel Balneario Oca Augas Santas

Zona Os Baños, s/n. 27430. Pantón. Lugo.

42°30'47.9" N 7°36'16.9" W

 Tel. 982 29 28 00

reservas@augassantas.es

Web do establecemento.

Características das augas: Augas sulfuradas, bicarbonatadas e sódicas.

 Indicacións terapéuticas:

 Augas Bicarbonatadas: estimulan a secreción encimática pancreática, aumentan o poder saponificante da bile e alcalinizan os ouriños e o PH gástrico

Augas Sulfuradas: están indicadas en procesos reumatolóxicos, dermatolóxicos e respiratorios.

Augas Sódicas: están indicadas en procesos gástricos que cursan con hiperacidez.

 

 

Río Pambre

Hotel Balneario Oca Río Pambre

Vilariño, Sambreixo, s/n. 27200. Palas de Rei. Lugo

 42°51'38.4" N 7°56'07.5" W

 Tel. 982 15 32 32

info@balnearioriopambre.com

 www.balnearioriopambre.com

Características das augas: sulfuradas, fluoradas, bicarbonatadas e sódicas.

Indicacións terapéuticas: aparello locomotor, aparello respiratorio, enfermidades da pel, reumatolóxicas, estrés, descanso.