Produtos con Denominación de Orixe

O VIÑO

En Galicia o viño é o legado dunha tradición milenaria e sinónimo de arte e cultura. A Comunidade Autónoma conta cun total de cinco Denominacións de Orixe de viños tanto brancos como tintos: Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei. Na Provincia de Lugo prodúcense os viños coa Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

A Ribeira Sacra é unha zona de produción vinícola que posúe unha extensión de 2.500 hectáreas de vide, o que supón o 5,2% do chan dedicado a este cultivo en Galicia. Este territorio comprende máis de 20 municipios que se sitúan nas ribeiras dos ríos Miño e Sil, na parte sur da Provincia de Lugo e no norte de Ourense.

Esta zona caracterízase polos coñecidos “socalcos”, vides en bancais que se sitúan nas ladeiras das montañas e en abruptos canóns xunto con bosques autóctonos e especies mediterráneas grazas ao seu microclima especial. Nestes empinados vales, home e medio natural danse a man para crear unha paisaxe cultural que é inseparable da idiosincrasia dos viños que aquí se producen e que son froito do esforzo e dedicación dos adegueiros. Un auténtico viño de heroes que é un dos símbolos dun territorio que aspira a ser Patrimonio da Humanidade.

Os municipios integrados na Denominación de Orixe Ribeira Sacra agrúpanse en cinco subzonas diferenciadas: subzona de Amandi, subzona de Chantada, subzona de Quiroga - Bibei, subzona de Ribeiras do Miño e subzona de Ribeiras do Sil. En todas elas a superficie dedicada ao cultivo da vide restrínxese á situada na ribeira.

Na Ribeira Sacra cultívanse todas as variedades autóctonas de Galicia, sendo autorizadas as seguintes:

Tintas preferentes: Mencía, Merenzao, Brancellao, Sousón, Tempranillo e Caíño Tinto.

Tintas autorizadas: Mouratón e Garnacha Tintorera.

Brancas preferentes: Albariño, Godello, Loureira, Treixadura, Torrontés e Dona Branca.

Aínda que o territorio está orientado principalmente á produción de viños tintos, tamén se elaboran viños brancos atractivos. En todo caso, a variedade Mencía é a que máis se cultiva, dando lugar a viños novos afroitados e moi aromáticos de gran calidade. Esta tipoloxía de viño é de cor cereixa intensa, cun ribete púrpura e brillante. Teñen unha acidez equilibrada e son potentes no que a alcol se refire.

En canto aos viños brancos, con menor produción, destacan os godellos. Son afroitados e frescos con aromas intensos. A variedade Albariño ten as características de elaborar un viño fresco e agradable, cos matices que lle outorgan as ribeiras do Sil e do Miño.

Na provincia de Lugo están rexistradas máis de 70 adegas baixo a Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

 

Consulta AQUÍ a listaxe completa de adegas certificadas.

 

viño

 

 

 

OS QUEIXOS

D.O. P. “San Simón da Costa”

É un queixo elaborado con leite de vaca das razas rubia galega, frisona, pardo-alpina e os seus cruces. É un leite enteiro e limpo, sen conservantes e cunha composición equilibrada de graxa e de proteínas. Presenta como características: a súa forma, que ten que ser intermedia entre peonza e bala, terminando a súa parte superior en pico; cortiza afumada, inelástica e dura, cunha cor amarela- ocre, un grosor de 1 a 3 mm e un pouco graxenta. A pasta terá unha textura fina, graxa, densa e semielástica, cunha cor entre branca e amarela.

Este queixo comercialízase cunha mínima maduración de 45 días para os queixos entre 0,8 a 1,5 kg e de 30 días para os de 0,4 a 0,8 kg. Unha vez finalizado este período afumarase con madeira de bidueiro.

A zona de produción dos queixos amparados baixo a Denominación de Orixe Protexida “San Simón da Costa”, así como a súa elaboración, maduración e afumado, desenvólvese na área xeográfica de Terra Chá, fundamentalmente o municipio de Villalba.

 

simon

 

Máis información:

Consello Regulador D.O. San Simón da Costa.

Tel. 982 51 22 50

www.sansimondacosta.com.

 

D.O. P. “Cebreiro”

A Denominación de Orixe Protexida “Cebreiro” ampara o queixo elaborado con leite pasteurizado das razas de gando vacún rubia galega, pardo-alpina, frisoa e os seus cruces. Está elaborado con leite limpo e enteiro, sen conservantes ou produtos medicamentosos, cunha composición equilibrada entre proteínas e graxas. Este queixo caracterízase por ter forma de cogomelo ou gorro de cociñeiro, base cilíndrica e un diámetro variable, cunha especie de chapeu máis ancho e cunha altura que non supera os 12cm; un peso ente 0,3 e 2 Kg; cortiza inexistente ou fina, firme, sen mofo e cunha cor que pode variar desde branco a amarelo, segundo o seu grao de maduración. A súa pasta é granulosa, untuosa, branda e fundente no padal, ten unha cor branca e un sabor levemente acedo.

Este queixo comercialízase tanto fresco como curado, contando cunha maduración mínima de 45 días. A área central de produción tanto do leite como do queixo sitúase no Cebreiro, na zona de entrada do Camiño Francés en Galicia, aínda que a súa elaboración esténdese aos municipios de Baleira, Baralla, Becerreá, Castroverde, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Láncara, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela.

 

Cebreiro

 

Máis información:

Consello Regulador da Denominación de Orixe Queixo do Cebreiro.

Tel. 982 367012.

www.cebreiro.es

 

D.O. P. “Arzúa-Ulloa”

A Denominación de Orixe Protexida “Arzúa-Ulloa” protexe o queixo elaborado con leite de vaca, natural e enteira, pasteurizada ou crúa, procedente das razas: rubia, pardo-alpina, frisona e dos seus cruces. Este leite non poderá conter ningún tipo de conservantes nin produtos medicamentosos que interveñan na súa elaboración, maduración e conservación.

Esta Denominación de Orixe ampara os seguientes queixos: Arzúa-Ulloa, Arzúa-Ulloa de Granxa e Arzúa-Ulloa Curado. O Arzúa-Ulloa é un queixo de pasta branda, elaborado utilizando leite cru ou pasteurizado cun período de maduración mínimo de seis días. As súas características principais son a súa forma lenticular ou cilíndrica con bordos redondeados; a súa cortiza amarela e medio escura, fina, elástica, brillante, limpa e lisa; pasta brillante sen gretas, con aspecto esponxoso; cor entre amarelo e branco marfil; diámetro que oscila entre os 120 e 260 mm e unha altura entre 50 e 120 mm, que nunca pode ser superior ao seu radio.

Arzúa-Ulloa de Granxa ten a particularidade de que ao seu leite procede na súa totalidade de vacas da propia explotación e presenta unhas características moi similares ás nomeadas para o Arzúa-Ulloa, ambos cun sabor lixeiramente salgado e cun punto de acidez característico.

Arzúa-Ulloa Curado ten un período de maduración mínimo de seis meses. Entre as súas características destacan a súa forma lenticular ou cilíndrica e que a súa cara horizontal superior pode ser lixeiramente cóncava. A cortiza é de cor amarela intensa, de aspecto graxo e brillante, posúe un diámetro de entre 120 e 200 mm e unha altura entre 30 e 100mm. O seu peso oscila entre 0,5 e 2,0 kg. A sensación de sabor é moi intensa, olorosa, penetrante e picante. A pasta é compacta e de cor amarela intensa. Popularmente, este queixo é coñecido como “queixo de nabiza”, “queixo do ano” ou “queixo do tempo dos nabos”.

A zona de produción e elaboración destes queixos sitúase no corazón de Galicia e concretamente na Provincia de Lugo comprende os municipios da comarca de Chantada e da Ulloa.

 

ulloa

 

Máis información:

Consello Regulador da Denominación de Orixe Arzúa- Ulloa.

Tel. 981 507 653

www.arzua-ulloa.org.

 

D.O. P. “ Queixo Tetilla”

A Denominación de Orixe Protexida “Queixo Tetilla” ampara o queixo elaborado con leite de vaca das razas rubia galega, pardo alpina e frisona. É un produto íntegro do ordeño de vacas, sen ningún tipo de conservantes ou outros produtos medicamentosos, resultado dunha maduración e fermentación que comeza con leite que se acaba de ordeñar e que continúa por medio da coagulación e transformación química que define dito produto.

Entre as súas características destacan a súa forma cónica ou cónica- convexa; unha cortiza fina, elástica, de cor amarela, natural e sen mofos, con 3 mm de espesor; a súa pasta é branda, uniforme e cremosa, de cor branca- marfil; o seu aroma é suave e lixeiramente acedo e o seu período de maduración mínimo é de sete días desde a saída da salmoira.

A zona de produción e elaboración da Denominación de Orixe Protexida “Queixo Tetilla” abarca todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

tetilla

 

Máis información:

Consello Regulador da Denominación de Orixe Queixo de Tetilla.

Tel. 981 511751.

www.queixotetilla.org.

 

Listaxe de Queixerías visitables das diferentes D.O.P