Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Loio- Ruxidoira

Declarado no ano 2013, o ENIL Loio- Ruxidoira comprende unha extensión de 437 Ha incluídas integramente no municipio lucense de Paradela, facéndose extensivo ás parroquias de Loio, Castro San Martiño, Castro – San Mamede-, Ferreiros, Francos, Cortes, Laxe, Suar, San Miguel, Vilaragunte e Barán.

A columna vertebral deste espazo correspóndese co curso do río Loio, afluente do Miño, en cuxas inmediacións se conservan importantes masas forestais de especies autóctonas como carballos -algúns centenarios- e castiñeiros, ademais de bidueiros e salgueiros que conforman un bosque de ribeira en extraordinarias condicións de conservación. Estes bosques configúranse como o lugar de refuxio de numerosas especies de fauna como ourizos, ras, morcegos, lontras, donicelas, miñatos, cucos, pequenos falcóns, paporrubios, reiseñores, etc.

Para coñecer de preto este espazo natural recoméndase seguir o sendeiro de pequeno percorrido PRG- 14 denominado “Ruta do Loio” desde a localidade de Paradela, un itinerario de dificultade media que permite en parte seguir o curso do río, adentrarse en bosques centenarios e descubrir numerosas construcións populares como antigos muíños, pontes ou bancais de vides, así como as ruínas do antigo mosteiro de Santa María de Loio que enraízan na esencia espiritual da denominada Ribeira Sacra.

 

Máis información

Concello de Paradela

C/ Cabaleiros de Santiago, 15. 27611. Paradela. Lugo

 Tel. 982 541 101

Preme aquí para consultar a web do Concello de Paradela

 concello.paradela@eidolocal.es

 

Ruta do Loio

Federación Galega de Montañismo

C/ Fotógrafo Luís Ksado nº17 - of. 10 - 36209 - VIGO – GALICIA

 Telf.: 986 20 87 58

 http://fgmontanismo.es/

 info@fgmontanismo.es

 

Imaxe
Fervenza da Ruxidoira