Enterramentos prehistóricos

Ao redor do ano 4500 a. C. xeneralízanse os enterramentos colectivos aos que se deu forma mediante estruturas arquitectónicas que mostran o culto rendido aos mortos por parte das comunidades humanas do Neolítico. Trátase de construcións feitas con grandes pedras fincadas a modo de cámara funeraria á que se accede por un corredor. Posteriormente, esta estrutura pétrea (dolmen) cubríase con terra e unha coraza de pedra que recibe o nome de túmulo, mámoa, modia, medoña ou medorra. No interior dispoñíanse os corpos dos defuntos xunto con obxectos como armas, xoias ou pequenas figuras de pedra, auténticos enxovais que acompañarían aos antepasados na súa transición.

Por toda a provincia de Lugo existen centos de estruturas funerarias das que en moitos casos só se conserva o esqueleto pétreo ou dolmen, sendo frecuentemente obxecto de espolio ao estar os seus enxovais considerados verdadeiros tesouros pola cultura popular, que recreou ao redor destes enterramentos numerosas lendas que nos falan de seres míticos como os mouros. Entre os dólmenes visitables na provincia de Lugo destacan actualmente o do Abuíme no Saviñao, o de Santo Tomé no Valadouro, a Roza das Modias en Vilalba e o dolmen de Montouto na Fonsagrada.

Dolmen de Abuime
Dolmen de Santo Tomé
Dolmen de Montouto
Roza das Modias (Foto grupo Thais)