Xeodestino A Mariña Lucense

O xeodestino A Mariña Lucense comprende os municipios do Vicedo, Viveiro, Ourol, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, A Pontenova, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá O Valadouro e Alfoz.

Neste espazo, delimitado polo mar Cantábrico ao norte e a Serra do Xistral ao sur, atopamos paisaxes de interese natural, bens do patrimonio cultural, centros históricos, unha gastronomía que nos ofrece os mellores produtos do mar e do campo e unha nutrida axenda de grandes eventos que constitúen a mellor escusa para aproximarnos a este destino en calquera época do ano.

NATUREZA

Os máis de 140 quilómetros de litoral que moldean a costa lucense son unha sucesión de areais, portos pesqueiros e deportivos e pobos costeiros como Ribadeo, Foz, Burela, San Cibrao e Viveiro, que son unha referencia para o turismo estival. Esta liña de costa presenta ademais un alto valor xeolóxico que se fai patente na rasa que se estende desde Ribadeo ata Burela e que conta con lugares destacados como a Praia das Catedrais- Augasantas, declarada Monumento Natural. Neste lugar, a arquitectura do mar pode observarse nos seus cantís, esculpidos a golpe de vento e oleaxe.

A zona costeira da Mariña é ademais un referente para os amantes da ornitoloxía. Tres das catro Zonas de Especial Protección de Aves da provincia de Lugo atópanse na contorna das rías de Ribadeo e Foz e no tramo do sector occidental da Mariña, onde a rasa litoral deixa paso a unha zona de cantís máis agreste que nos regala espectaculares estampas en lugares como o Faro da Roncadoira, Monte Faro en Viveiro ou a punta Socastro, popularmente coñecida como O Fuciño do Porco, no Vicedo.

 

As Catedrais
Playa de Arealonga- O Vicedo
Playa de Area - Viveiro
Punta Socastro - O Vicedo
Faro da Roncadoira
Puerto de Rinlo
Puerto deportivo de Ribadeo
Cabo de Morás - Xove

 

Pero máis aló das Catedrais e da zona litoral, a riqueza medioambiental da Mariña Lucense móstrase no mosaico de ecosistemas que forman os diversos espazos naturais que contan con algunha figura de protección: o seu tramo oriental, que inclúe os concellos de Ribadeo, Trabada e A Pontenova, está integrado na Reserva da Biosfera Eo- Oscos e Terras de Burón, sendo o seu fío condutor o curso do Eo, que forma parte da Rede Natura 2000 e cuxo esteiro conta tamén coa distinción de zona húmida protexida. Doutra banda, os concellos de Alfoz, Valadouro e Mondoñedo forman parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño e atópanse nos contrafortes da serra do Xistral, que acada o seu cumio nos 1062 metros do Alto do Cadramón.

 

Ría de Ribadeo
Alto de A Frouxeira
Cascada de O Escouridal
O Xistral

 

No municipio de Viveiro, o Souto da Retorta conduciranos entre os seus sendeiros cara os que están considerados os eucaliptos máis grandes de Europa. Máis de 600 exemplares de enormes dimensións entre os que destaca o coñecido como o Avó, un eucalipto cuxa altura supera os 60 metros. E no interior, Mondoñedo conta co privilexio de acoller a cova máis grande explorada en Galicia ata a data: a cova do Rei Cintolo, onde a lenda sitúa un reino sepultado por feitizo.

Para gozar da natureza da Mariña recoméndase percorrer as numerosas rutas de sendeirismo que conforman a oferta turística dos diferentes municipios e que nos conducirán polos cursos fluviais, pola liña de costa e ata inmensas fervenzas que convidan a adentrarse na natureza e deixarse levar polo son da auga.

 

Souto da Retorta
Rei Cintolo
Río Ouro (Ruta)
Camino Natural del Cantábrico

 

PATRIMONIO CULTURAL

A Mariña é moito máis que praia. Os centros históricos de Mondoñedo e Viveiro trasladarannos ata a Idade Media e Moderna polo trazado das súas estreitas rúas, os seus pazos urbanos e o seu patrimonio relixioso e literario. Doutra banda, no casco histórico de Ribadeo pervive a pegada dos armadores, industriais e indianos que deixaron o seu sinal nunha arquitectura que mostra a puxanza social e económica de antano e que hoxe se traduciu nun dinámico e atractivo comercio.

 

Catedral de Mondoñedo
Puerta de Carlos V - Viveiro
Torre de los Moreno - Ribadeo
Santa María del Campo - Viveiro

 

Visitar A Mariña é tamén seguir os pasos de ilustres personaxes como o Mariscal Pardo de Cela e Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos. Ambos marcaron importantes fitos na historia da Galicia medieval e industrial e deixaron un legado cultural que permite reconstruír as principais pasaxes da súa vida e a súa morte: lugares como a torre de Castro de Ouro de Alfoz, o alto da Frouxeira en Foz, a ponte do Pasatempo de Mondoñedo ou o Conxunto Histórico- Artístico de Sargadelos, onde hoxe se fabrica unha das cerámicas máis recoñecidas de Galicia, son xa lugares intimamente ligados á súa memoria.

 

Estatua de Antonio Raimundo Ibáñez - Ribadeo
Conjunto Histórico de Sargadelos
Castillo de Castro de Ouro - Alfoz
Puente del Pasatiempo -  Mondoñedo

 

O Camiño Norte de Santiago, Patrimonio da Humanidade dende o 2015, tamén atravesa terras da Mariña Lucense. O seu trazado, dende Ribadeo ata Mondoñedo, serve como como fío condutor para visitar lugares de interese monumental como o mosteiro de San Salvador de Lourenzá ou a Catedral- Basílica da Asunción de Mondoñedo, que tamén conta coa declaración de Ben Mundial.

Outros significativos recursos monumentais da Mariña son a igrexa románica de San Martiño de Mondoñedo, considerada a catedral máis antiga de España, a fortaleza de Tovar de Lourenzá ou vestixios arqueolóxicos como o castro de Fazouro, único xacemento castrexo escavado no litoral cantábrico.

 

Fortaleza de Tovar
Monasterio de Lourenzá
San Martiño de Mondoñedo - Foz
Castro de Fazouro - Foz

 

No referente á oferta museística, o mundo do mar está presente nas exposicións do Museo do Mar de San Cibrao e no barco –museo boniteiro Reina del Carmen de Burela. Destacados son tamén os museos de arte sacra como o Diocesano de Mondoñedo ou o de San Salvador de Lourenzá. Ademais, na Mariña existen outros equipamentos de referencia que nos permiten aproximarnos ao conxunto dos valores do territorio, caso da exposición A Mariña Virtual ou o centro de interpretación de San Martiño en Foz.

 

Museo do Mar- San Cibrao
Museo de arte sacro de Lourenzá
Barco- Museo Bonitero - Burela
Museo Diocesano - Mondoñedo

 

E non menos importantes son os talleres artesáns que completan a oferta cultural do destino: o barrio dos Muiños de Mondoñedo é un lugar de referencia para rememorar novos e vellos oficios que se deben á arte dos mestres artesáns que aquí desenvolven a súa labor. Outros centros de referencia son o Regal Xunqueira e os talleres de xoiería en Viveiro, así como aqueloutros oficios estreitamente ligados ao mundo do mar e que perviven grazas á labor das redeiras de Burela ou ao carpinteiro de ribeira de San Cibrao.

 

Artesano en Os Muíños - Mondoñedo
Regal Cerámica - Viveiro
Carpintería de Ribeira - San Ciprián
Rederas de Burela

 

GASTRONOMÍA

Na Mariña Lucense, o Cantábrico garda baixo as súas enérxicas e batidas augas excelentes peixes e mariscos que non poden faltar nas mesas máis esixentes: pescada do pincho de Celeiro, ourizos de mar, percebes, berberechos, bonito de Burela, sardiñas, rape, robalizas, polbo, navallas, luras, nécoras, centolas, lagosta e outras exquisiteces mostran a importante actividade marisqueira e pesqueira dos portos da costa lucense.

E no interior, o abrigado val de Lourenzá reúne as condicións idóneas para o cultivo da faba que leva o nome deste municipio e que conta con Indicación Xeográfica Protexida, estendéndose a súa zona de produción e envasado ao conxunto da Mariña Lucense.

No que se refire ás sobremesas, destaca a torta de Mondoñedo, unha deliciosa combinación de améndoa, cabelo de anxo e masa follada que podemos atopar nas confeiterías locais. Tamén gozan de extraordinaria fama as pastelerías de Viveiro e o obradoiro do convento de Santa Clara de Ribadeo, onde se poden adquirir directamente os afamados dóces elaborados polas relixiosas.

 

Mariscos
Fabas de Lourenzá
Arroz con bogavante
Tarta de Mondoñedo

 

FESTAS DE INTERESE TURÍSTICO

A Mariña é sinónimo de festa. Practicamente todos os meses do ano é posible gozar dalgún gran evento que renda homenaxe aos seus produtos gastronómicos, á súa historia ou ás súas tradicións populares.

Entre as festas destaca a Semana Santa de Viveiro, declarada de Interese Turístico Internacional, á que se suma a de Mondoñedo, que conta coa devandita distinción a nivel galego. Están tamén declaradas de Interese Turístico de Galicia as festas da Maruxaina, a do ourizo e a Queimada Popular de Cervo, a feira das San Lucas e o mercado medieval de Mondoñedo, a romaría de Santa Cruz de Ribadeo, a festa do emigrante de Barreiros, a festa da troita da Pontenova, a feira do bonito de Burela, a festa da faba de Lourenzá, as patronais de San Lourenzo de Foz e ademais O Naseiro, a festa da pescada do pincho de Celeiro e a Rapa das Bestas de Candaoso en Viveiro.

 

Preme AQUÍ para acceder á web de Turismo da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense.

Preme nas seguintes ligazóns para acceder ás webs de Turismo municipais:

O Vicedo   Viveiro   Ourol   Xove   Cervo   Burela   Foz   Barreiros   Ribadeo   A Pontenova   Trabada   Mondoñedo   Lourenzá O Valadouro   Alfoz