O sabor dunha provincia

Nun territorio onde cultura, tradición e diversidade van da man, a gastronomía constitúe o perfecto resultado que mostra a memoria e o saber facer que atesouraron xeracións enteiras. Intimamente ligados á paisaxe, os produtos locais de Lugo fálannos de diferentes formas de vivir nunha única provincia que pode percorrerse seguindo o trazado dun mapa de sabores. E é que o medio natural de Lugo é por definición un extraordinario viveiro que prové aos mercados locais e restaurantes dos mellores produtos da costa e do interior.

 

Do mar

No norte, o Cantábrico baña a Mariña Lucense e garda baixo as súas enérxicas e batidas augas excelentes peixes e mariscos que non poden faltar nas mesas máis esixentes: pescada do pincho de Celeiro, ourizos de mar de San Cibrao, percebes de Rinlo, chícaros de Foz, bonito de Burela, sardiñas, rape, robalizas, polbo, navallas, luras, nécoras, centolas, bogavantes e outras exquisiteces mostran a importante actividade marisqueira e pesqueira dos portos da costa lucense.

 

Dos ríos

Tamén os ríos da provincia son referentes culinarios. As troitas, os salmóns do Eo e as anguías están presentes nas cartas dos restaurantes.

 

Do campo

E no interior da provincia gandeira por excelencia destaca a carne de tenreira, de ave ou de porco, cuxa calidade e recoñecemento xa traspasou fronteiras da man das Indicacións Xeográficas Protexidas Vacún de Galicia, Lacón de Galicia e Capón de Villalba e de razas autóctonas como a galiña de Mos, o gando ovino e caprino de Galicia e o porco celta.

Nas comarcas de montaña e noutros lugares do interior da provincia, onde a gastronomía está en consonancia co clima e a orografía do terreo, os produtos da matanza, os chourizos e outros embutidos como o butelo da Fonsagrada ou a androlla de Navia de Suarna enchen de cor os xenerosos cocidos que se prolongan nas tardes de inverno. Ademais, nunha provincia que é un auténtico paraíso cinexético, o outono viste as mesas cos inconfundibles sabores da caza con cogomelos ou castañas.

Como acompañamento das carnes non poden faltar as patacas, os grelos, e outros produtos da horta lucense como os pementos de Mougán e as apreciadas fabas de Lourenzá, que tamén contan con Indicación Xeográfica Protexida propia.

 

Terra de queixos

Lugo é tamén a provincia queixeira por excelencia. Catro Denominacións de Orixe amparan a calidade dos queixos de tetilla, San Simón, Cebreiro e Arzúa- Ulloa, ademais doutros queixos locais do país, como o de Ousá, que son mostra da potencia do sector lácteo no campo lucense.

 

Arroz en Rinlo
Meandros do río Navia
Lacón
Queixo do Cebreiro
Grelos
Queixo de tetilla
Porco Celta
Elaboración con Porco Celta

 

Pans e empanadas

A provincia de Lugo é tamén terra de bo pan e así o testemuña o prestixio que dende antano recoñece ás panaderías de Mondoñedo, cidade rica en augas, pan e latín segundo Álvaro Cunqueiro. Tamén o pan de Ousá de Friol, o de Antas de Ulla e o de Martiñán en Villalba son unha excelente mostra do saber facer dos panadeiros lucenses. Igualmente, por toda a provincia elabóranse exquisitas empanadas, destacando pola súa singularidade o pastelón de bonito da Mariña Lucense e as especialidades do sur da provincia, como as empanadas de papuxas de Monforte de Lemos ou as zocas, pequenas empanadiñas fritas recheas de touciño. Ademais, as empanadas de bacallau, berberechos, mazá ou roxóns son tamén un clásico.

 

Sobremesas

As sobremesas lucenses gozan tamén de gran prestixio na gastronomía galega e, entre eles, cabe destacar a torta de Mondoñedo, a torta de millo de Guitiriz, o roscón de Villalba, a torta de Portomarín, as larpeiras de Monforte, o pastel da Fonsagrada, as filloas de Terra Chá ou os aprezados dóces elaborados nos conventos das clarisas de Ribadeo e Ferreira de Pantón. Todo iso sen esquecer produtos como o mel, mostra da riqueza apícola da provincia, ou froitas de tempada como as cereixas da Ribeira Sacra.

 

Viños, augardentes e licores tradicionais

Como complemento fundamental da boa gastronomía lucense non poden faltar os viños da Ribeira Sacra, cuxa identidade única vén dada polo seu lugar de cultivo, nas empinadas pendentes dos vales do Sil e do Miño, onde os profundos canóns modelan o clima achegando as condicións idóneas para o cultivo da vide. Ademais, Ribeira Sacra é hoxe unha Denominación de Orixe vinícola cuxo recoñecemento é xa internacional.

E como colofón, os licores e augardentes son de obrigada presenza nunha sobremesa. Na Ribeira Sacra destaca o licor café e de herbas, pero tamén o augardente de Portomarín. Un fantástico punto e final a unha experiencia gastronómica única.

 

 

Filloas
Mel de Galicia
Torta de Guitiriz
Pastel da Fonsagrada
Licores e Augardentes
Viño Consello Regulador
Tarta Almendras
Licores e Augardentes 2

 

E ademais…

De tapeo

As rutas de viños e tapas están profundamente enraizadas na idiosincrasia lucense. Para os locais, o tapeo forma parte dun estilo de vida que sabe aprezar o bo de vivir sen présas e saborear cada momento. Nos bares de Lugo é habitual ser agasallado de forma gratuíta cun pincho ou tapa como acompañamento da consumición, algo que adoita sorprender ao viaxeiro. Ademais, ao longo e ancho da provincia impulsáronse numerosos concursos de tapas onde os hostaleiros mostran a súa mestría coas innovacións culinarias.

 

O polbo, símbolo da gastronomía lucense

En Lugo é tradición degustar o polbo nas casetas das festas de San Froilán, que se celebran en outubro na capital lucense. Igualmente, nos numerosos mercados e feiras da provincia, o exquisito polbo á feira pódese gozar no marco dun animado ambiente festivo rodeándose dos paisanos da zona.

 

O aceite de Quiroga: o ouro líquido da provincia de Lugo

A presenza de oliveiras en terras galegas remóntase á romanización. Durante a Idade Media, o Reino de Galicia foi castigado polos Reis Católicos obrigando a cortar as oliveiras, aínda que esta especie conseguiu manterse en zonas do sur da provincia de Lugo, onde as bondades do microclima mediterráneo configuran un hábitat idóneo , o que permitiu consolidar unha pequena produción artesanal de aceite puro de oliva virxe extra que antano se elaboraba nas almazaras existentes nos municipios de Quiroga e Ribas de Sil.

 

As festas gastronómicas

As numerosas celebracións que exaltan os produtos locais sucédense por toda a provincia ao longo do ano, converténdose na excusa perfecta para coñecer o territorio dende tódalas perspectivas.

 

Tapas
Polbo
Aceite
Feira do Viño de Amandi