Pazos visitables da provincia de Lugo

Os pazos son a residencia da fidalguía galega e en ocasións constitúen unha evolución natural da fortaleza medieval. Estamos ante auténticos centros de produción agropecuaria e de cobro de rendas ao campesiñado, polo que desde un punto de vista simbólico, estas construcións son o reflexo do poder que os seus propietarios acapararon durante a Idade Moderna.

Desde o punto de vista artístico, o pazo adoita ser unha manifestación do estilo barroco, aínda que algunhas destas construcións manteñen reminiscencias renacentistas ou anuncian xa o estilo neoclásico.

No que se refire ás súas características construtivas, os pazos adoitan presentar uns tipos de planta predeterminados, abundando as construcións en “U” ou rectangulares. En canto aos elementos que os configuran, ademais da casa nobre ou vivenda, deben mencionarse os hórreos, as cortes, os pombais, as capelas, os xardíns e os emblemas heráldicos.

Na provincia de Lugo os pazos adoitan ser propiedades de carácter privado, aínda que nos últimos anos algúns abriron as súas portas ao turismo.

 

 

Pazo de Tor

Está situado en Monforte de Lemos, na parroquia de San Xoan de Tor, e pertence á Rede Museística da Deputación de Lugo, entidade que o recibiu en doazón para transformalo en museo e abrir as súas portas no 2006.

Actualmente, realízanse visitas guiadas a este pazo do século XVIII durante as que se poden ver a sala de armas, o despacho, o cuarto de invitados, o do bispo, o cuarto de baño, o salón do billar, o cuarto infantil e o da señora, o salón do mediodía, a capela e a biblioteca. No xardín destaca o labirinto de pedras creado para divertimento dos máis pequenos.

Teléfono: 982 16 55 34

Pazo de Tor
Pazo de Tor
Pazo de Tor
Pazo de Tor

 

 

Pazo Muiños de Antero

Está situado no barrio de Malvarón, en Monforte de Lemos. Foi centro de recadación de impostos para a Corte, motivo polo cal se dotou dun enxeñoso sistema de seguridade con mirillas estratexicamente situadas e moitas veces disimuladas para controlar todos os recunchos do pazo.

Destaca a decoración pictórica de boa parte das súas dependencias, atribuída aos irmáns Castinandi, e o seu mobiliario de estilo imperio, romántico ou art déco. Entre as súas estancias, organizadas en zona de verán e zona de inverno, destacan os dormitorios, salas, salóns, comedor, capela, solaina e o arquivo, que atesoura datos sobre a recadación de impostos para a Coroa nos séculos XVIII e XIX e libros sobre a Encomenda das Ordes militares en Galicia.

Teléfono: 676 57 35 63

Pazo Molinos de Antero
Pazo Molinos de Antero
Pazo Molinos de Antero
Pazo Molinos de Antero

 

Outros pazos dedicados a servizos turísticos

Por toda a provincia de Lugo atopamos pazos que foron recuperados para o seu uso como establecementos turísticos. É o caso dos pazos de Ludeiro, en Monterroso; Terrafeita, en Trabada; A Trave, en Viveiro; Verdes, en Cospeito; Vilabade, en Castroverde; O Piñeiro, en Chantada; Pazo Mariñao, en Palas de Rei; Torre do Barrio, en Sarria e o Pazo doAlmacén, en Cervo. A maiores pódese visitar a Finca Galea, en Alfoz, un pazo cunha extensa leira e enxeños hidráulicos como un muíño e un batán. Ademais, no Saviñao, o pazo de Arxeriz é a sede dun Ecomuseo que conta cunha completa exposición de carácter etnográfico sobre a Ribeira Sacra.

 

E ademais…

O municipio de Taboada acolle unha das maiores concentracións de pazos de Galicia. Aínda que son propiedades de carácter privado, pódese ver o seu exterior seguindo unha ruta de pazos que inclúe o de Perrelos, o de San Pedro de Bembibre, o de Relás e a Casa- Torre de Moreda.

Pazo en Taboada
Finca Galea
Pazo de Arxeriz
Pazo en Taboada