Camiño Francés

É o itinerario máis recoñecido internacionalmente e máis transitado por peregrinos de todo o mundo. A súa consolidación é produto do labor de promoción que este percorrido realizada desde a Idade Media por monarcas como  Sancho III ou Alfonso VI e tamén da influencia da guía medieval do Camiño por antonomasia: o libro V do  Códice  Calixtino, atribuído ao francés  Aymeric  Picaud. Esta obra tiña por finalidade facilitar información para chegar a Santiago, favorecendo o fenómeno da peregrinación a través da información que proporcionaba aos que emprendían rumbo a terras compostelás.

No século  XX o Camiño Francés vivirá unha auténtica recuperación na que xogarán un papel esencial a celebración dos Anos Santos Xacobeos (aqueles en os que o 25 de xullo cae en domingo) e o labor de personaxes como Elías  Valiña Sampedro, o “cura do Cebreiro”, un adiantado ao seu tempo que participou activamente no  redescubrimento desta ruta xacobea, intuíndo o seu potencial de atracción de millóns de persoas e deixando a súa inconfundible pegada nas frechas amarelas que el mesmo inventou e que se converteron no sinal recoñecido internacionalmente deste Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

O Camiño Francés, a través das súas catro etapas que transcorren integramente por terras lucense regálanos algunhas imaxes  icónicas da Galicia interior: o pobo do Cebreiro, cos seus inconfundibles cumes, as súas singulares pallozas e o seu santuario  prerrománico onde se gardan as reliquias do Santo Milagre, o mosteiro benedictino de Samos, con orixes no século VI, o casco antigo de Sarria; coas igrexas do Salvador ou o Convento da Magdalena, a igrexa de  Barbadelo, a localidade de Portomarín e as igrexas  románicas de San Nicolás e San Pedro, o castro de  Castromaior ou a igrexa de Vilar de Donas, en Palas de Rei, situada nas proximidades do Camiño.

 

 

Cebreiro

 

Etapa 1: O Cebreiro- Triacastela

O Camiño Francés de Santiago entra en Galicia seguindo un ascenso que se coroa na aldea do Cebreiro, paradigmático pobo das montañas lucenses onde se conserva unha singular arquitectura popular a proba de frío e neve: as pallozas, vivendas tradicionalmente ligadas á primitiva cultura castrexa que acollían as persoas e o gando baixo un mesmo teito. Ademais, na mítica aldea do Cebreiro consérvase o santuario prerrománico de Santa María a Real, onde se expoñen as reliquias dun santo milagre ocorrido en torno ao ano 1300.

Dende O Cebreiro o Camiño continúa por Hospital da Condesa, Padornelo, Alto do Poio (punto de maior altitude do Camiño Francés en Galicia), Fonfría, Biduedo, Filloval, Pasantes e Ramil ata culminar a súa primeira etapa galega en Triacastela, cuxa igrexa parroquial está advocada a Santiago.

 

salvador

 

Etapa 2: Triacastela- Sarria

Á saída de Triacastela no inicio da seguinte etapa, o Camiño bifúrcase proporcionando a posibilidade de dirixirse directamente a Sarria polas aldeas da Balsa, San Xil, Montán, Pintín, Calvor e San Mamede do Camiño ou ben optar polo variante sur pasando por San Cristovo, Renche, San Martiño e Samos, onde xa no século VI se levantou o mosteiro de San Salvador, edificio de gran valor histórico- artístico no que destacan os seus dous claustros e a igrexa monacal do século XVIII e onde pervive a súa vocación hospitalaria na atención aos peregrinos. A vila de Sarria será en todo caso o punto final desta etapa. Situada no quilómetro 111 do Camiño, estamos no lugar que cada ano elixen miles de peregrinos para iniciar o itinerario e obter a Compostela. No seu centro histórico, vertebrado pola Rúa Maior, consérvanse importantes monumentos que nos falan do esplendor desta localidade: o torreón medieval, a igrexa de San Salvador ou o convento da Madalena son só algúns exemplos destacados.

 

portomarin

 

Etapa 3: Sarria- Portomarín

O Camiño abandona Sarria en dirección Portomarín atravesando a coñecida ponte da Áspera e continuando por Barbadelo, que conserva unha impoñente igrexa románica advocada a Santiago. Desde aquí o Camiño continúa cara Paradela, pasado pola igrexa de Santa María de Ferreiros e a parroquia de Cortes, para posteriormente comezar un descenso cara ao Miño en dirección a Portomarín, onde se accede tras cruzar a nova ponte construída para sortear o encoro de Belesar. Ao final desta etapa, no lugar coñecido como o Monte do Cristo, sitúase o novo Portomarín, que foi reconstruído con motivo da subida de caudal que experimentou o Miño trala construción do encoro conservando os monumentos máis importantes dunha vila que fora declarada Conxunto Histórico- Artístico antes de quedar asolagada polas augas. As igrexas de San Xoan e San Pedro son as testemuñas fieis do esplendor medieval dun dos principais fitos que atopamos ao longo do trazado do Camiño Francés.

donas

 

Etapa 4: Portomarín- Palas de Rei

Abandonamos Portomarín pola Avenida de Chantada en dirección a Palas de Rei moi próximos a maior parte do tempo á estrada. Desde Gonzar (km. 8), é posible tomar un desvío por unha pista para visitar opcionalmente o castro de Castromaior, dende onde se pode enlazar novamente co Camiño sen necesidade de voltar sobre os nosos pasos. Dende aquí, o Camiño continúa por Hospital da Cruz, Ventas de Narón, Os Lameiros (onde atopamos un interesante cruceiro), Ligonde, Airexe, Portos (dende onde se pode tomar o desvío opcional a Vilar de Donas), Lestedo e, finalmente, Palas de Rei. Dende o final desta etapa só restan 8 quilómetros de Camiño pola Provincia de Lugo, da cal se despide o peregrino á altura da Campanilla na etapa que conduce ata Arzúa.

Etapas Camiño Francés

 

Albergues CF