Castelos visitables da provincia de Lugo

Os castelos son construcións fortificadas que teñen como misión a defensa e vixilancia do territorio no que se asentan. Na provincia de Lugo abunda o prototipo de castelo medieval, que combinaba as funcións de residencia señorial e centro militar.

Estes castelos adoitan presentar unha torre da homenaxe ao redor da cal se sitúa o patio de armas delimitado por unha muralla con torres de flanco ás que se accede polo adarve da propia muralla. Este adarve adoita estar protexido cara ao exterior por un parapeto ameado.

Durante a Idade Media, o conflito coñecido como a Gran Guerra Irmandiña que tivo lugar entre 1467 e 1469, culminou co derrubamento da maior parte dos castelos e fortalezas galegos, a excepción do castelo de Pambre, en Palas de Rei. Despois da contenda algúns foron reconstruídos, mentres que outros quedaron definitivamente en ruínas.

Á marxe do castelo medieval, en Lugo atopamos exemplos illados de fortalezas modernas que se caracterizan polo seu deseño abaluartado, sendo destinadas a acuartelamento de tropas, acumulación de fornecementos e mesmo defensa na entrada de lugares estratéxicos como é o caso do castelo de San Damián, na ría de Ribadeo.

Na actualidade, na provincia de Lugo existen numerosos castelos visitables tras a súa restauración e posta en valor para uso turístico.

 

Castillo de Castro de Ouro

 

Castelo de Castro de Ouro

Situado en Alfoz, é de propiedade municipal. Pertenceu ao Mariscal Pardo de Cela e pasou a mans do clero trala súa execución en Mondoñedo no ano 1483. Actualmente conserva a torre da homenaxe e acolle servizos de información turística e un taller artesán de elaboración de zocas.

 

San Damián - Ribadeo

 

Castelo de San Damián

Está situado en Ribadeo, ao pé da Ría do Eo, exercendo no pasado como baluarte defensivo ante posibles ataques inimigos. Destruído polos ingleses e os franceses respectivamente nos séculos XVIII e XIX, foi posteriormente reconstruído e na actualidade é de titularidade municipal, acollendo unha sala de exposicións.

 

Fortaleza de Tovar

 

Fortaleza de Tovar

Pertence ao municipio de Lourenzá e ten as súas orixes no século XII, aínda que foi reformada no século XVI outorgándolle unha aparencia menos defensiva, de acordo co gusto da época. Destaca a súa impoñente aparencia exterior, singularizada polos característicos torreóns que enmarcan a súa fachada principal.

Teléfono: 688 90 93 29

 

San Paio de Narla

 

Fortaleza de San Paio de Narla

Está situado en Xiá (Friol) e pertence á Rede Museística da Deputación de Lugo, acollendo a súa colección de etnografía, na que destacan utensilios vencellados con oficios populares, estancias como a cociña, cuarto de estar, sala do tear, escritorio, dormitorio e a colección de armamentística.

Teléfono: 982 37 51 56

 

Castillo de Pambre

 

 

Castelo de Pambre

Situado no municipio de Palas de Rei, trátase dunha fortaleza levantada no século XIV por Gonzalo Ozores de Ulloa. De planta cadrada, os extremos da súa muralla están rematados por catro torres de flanco. No interior sitúase a torre da homenaxe, de 11 metros de alto e tres plantas. Entre os seus trazos característicos, ademais da estrutura da propia fortaleza, está o feito de que no seu interior consérvase a capela románica de San Pedro. Recentemente restaurado, conta actualmente cunha exposición didáctica que permite coñecer de preto o monumento no seu contexto.

Teléfono: 628 26 22 51

Torre de los Andrade - Vilalba

 

Torreón de Villalba

Atópase no centro histórico da localidade e pertenceu á liñaxe dos Andrade, familia da que conserva o seu inconfundible emblema: o xabaril pétreo. Despois da Guerra Irmandiña, contenda durante a que foi destruída, reconstruíuse a súa torre da homenaxe, de característica forma octogonal. Actualmente acolle un Parador Nacional de Turismo.

 

Castelo de Doiras

 

Castelo de Doiras

Está situado en Cervantes, moi preto do paso da antiga Vía Romana XIX, e nas proximidades do río Cancelada. Ten as súas orixes no século XV e pertence á Fundación Xosé Soto de Fión. Actualmente conserva a súa torre da homenaxe, muralla exterior e torres de flanco. Está considerado o escenario dunha lenda popular coñecida como “a muller cerva”.

 

Torre del homenaje - Monforte de Lemos

 

Torre da Homenaxe de Monforte de Lemos

Foi construída entre os séculos XIII e XV e era o edificio máis importante dentro do castelo que coroaba a atalaia de San Vicente do Pino, onde se atopa o núcleo orixinario da cidade de Monforte de Lemos. Ten 30 metros de altura, o que a sitúa entre as máis altas de Galicia. Actualmente acolle unha exposición de mobiliario antigo e paneis informativos relativos ao contexto histórico da propia torre.