Descubrindo o patrimonio costeiro

Dende Ribadeo ata O Vicedo, A Mariña Lucense ofrece un mar de historia, cultura, tradición e lenda. Nesta proposta de ruta de dous días en coche polo patrimonio costeiro lucense poderemos visitar pontes, pobos e portos con sabor mariñeiro, bens do patrimonio militar, arqueolóxico e industrial, faros con vistas incribles, artesáns, museos e lonxas que nos conectarán co pasado e co presente do litoral lucense.

 

DÍA 1: RIBADEO, BARREIROS E FOZ

 

PONTE DOS SANTOS

Situada entre o municipio de Ribadeo e o veciño de Castropol, a ponte dos Santos atravesa a Ría do Eo, servindo como nexo de unión entre as comunidades de Galicia e Asturias e convertendo a Ribadeo na verdadeira porta norte de Galicia.

O nome desta ponte débese ás capelas que se sitúan en ambos extremos: a de San Román, en Figueras, e a de San Miguel en Ribadeo, que desempeñan unha simbólica función protectora para os que atravesan a ponte.

Construída en 1987, foi reformada no 2008 para dar paso á autovía do Cantábrico. Ademais, pola ponte dos Santos pasa tamén o Camiño de Santiago do Norte, que inicia o seu percorrido galego no porto de Porcillán, en Ribadeo, e que foi declarado Patrimonio da Humanidade no 2015.

CASTELO DE SAN DAMIÁN

Está situado en Ribadeo, ao pé da Ría do Eo, e exerceu como baluarte defensivo ante posibles ataques inimigos. Destruído polos ingleses e os franceses nos séculos XVIII e XIX, foi posteriormente reconstruído e na actualidade é de titularidade municipal, acollendo unha sala de exposicións.

CARGADOIRO DE MINERAL

Xunto á Ría de Ribadeo atopamos unha gran estrutura empregada entre 1903 e comezos da década dos 60 como punto de descarga do mineral de ferro previamente tostado extraído das minas da Pontenova. Ata aquí chegaba o ferrocarril da Sociedade Mineira de Villaodrid para dar traslado ao mineral, que partiría por mar cara diferentes puntos de Europa. Actualmente este lugar recuperouse como parque etnográfico, podendo ver na súa contorna un reloxo solar, os antigos túneles do ferrocarril e a plataforma que se asoma á ría e que reproduce en parte a estrutura de descarga orixinal.

Ponte dos Santos
Castelo de San Damián
Castelo de San Damián
Cargadoiro

FARO DE ILLA PANCHA

Nunha pequena illa próxima a Ribadeo que unha ponte metálica une con terra atópanse os dous faros de Ribadeo: o faro “antigo”, cuxa construción comezou en 1857 e que se atopa nun edificio de planta cadrada recentemente rehabilitado para acoller un aloxamento singular, e o faro “novo”, unha torre cilíndrica construída en 1980 cuxa luz acada as 21 millas, fronte ás 9 que alcanzaba o anterior. Actualmente, ambas estruturas están automatizadas e dende o 1993 dependen da autoridade portuaria de Ferrol-San Cibrao.

A Illa Pancha chégase por estrada, seguindo un traxecto duns dous quilómetros dende Ribadeo. Nas súas inmediacións atópanse outros lugares de interese como o antigo cargadoiro de mineral ata onde chegaba o ferrocarril da Pontenova, o castelo de San Damián, concibido coma un forte para a defensa da entrada da ría por parte de potenciais atacantes ou o propio paseo marítimo

CENTRO HISTÓRICO DE RIBADEO

Ribadeo xorde como núcleo orixinario no que é hoxe o porto de Porcillán, situado na parte baixa da vila e xunto á ría que forma o Eo na súa desembocadura.

Durante a Idade Media, con Viveiro e Mondoñedo, Ribadeo chegou a acadar unha importante actividade grazas aos privilexios reais outorgados por reis como Fernando II e, posteriormente, pola súa condición de condado. Ribadeo contou ademais cunha frenética actividade comercial que fixo do seu porto un dos de maior trasfega do litoral cantábrico grazas á exportación de madeira, tecidos e ferro fosfórico extraído das minas da Pontenova. Este intercambio de mercadorías logrou xerar unha riqueza que quedou plasmada na arquitectura do seu centro histórico que, situado na parte alta da vila, une en perfecta sintonía a tradición mariñeira e a pegada dos industriais, armadores, banqueiros e indianos que fixeron vivir momentos de puxanza a esta localidade.

O percorrido polo Ribadeo antigo pódese iniciar no porto deportivo, onde un ascensor panorámico conecta co miradoiro da Atalaia, onde se conserva a capela da Santísima Trindade, o edificio máis antigo do lugar. Dende aquí, un relaxado paseo levaranos á praza de España, onde se poden contemplar algúns dos edificios e monumentos máis singulares da arquitectura ribadense: o convento de Santa Clara, habitado por relixiosas que elaboran unha exquisita repostería; a igrexa de Santa María do Campo; o pazo do marqués de Sargadelos, que hoxe acolle a casa consistorial, e a torre dos Moreno, emblema de Ribadeo e referente da arquitectura indiana da provincia de Lugo. Desde aquí, pódese iniciar a coñecida como “ruta dos indianos”, un percorrido que nos levará cara á Rúa Rodríguez Murias e o Barrio de San Roque para culminar no antigo cuartel de Ribadeo, seguindo un trazado que nos mostrará o éxito acadado polos emigrantes que a finais do século XIX e comezos do XX retornaron á súa terra natal e investiron a súa fortuna en labores filantrópicas e luxosas mansións nas que plasmaron as innovacións arquitectónicas da época.

O casco antigo de Ribadeo é tamén lugar de paso cara Compostela. O Camiño de Santiago do Norte, declarado Patrimonio da Humanidade no 2015, inicia aquí o seu itinerario galego tras cruzar a ponte dos Santos, punto de conexión coa veciña comunidade asturiana.

Ribadeo é actualmente un lugar con gran actividade durante todo o ano. A súa proximidade con Asturias, o seu atractivo comercio, a súa reputada gastronomía e o feito de que nas súas proximidades atópese a praia de As Catedrais, considerada unha das mellores do mundo, convérteno en punto de encontro de viaxeiros nacionais e internacionais.

PORTO DE RINLO E PRAIA DAS CATEDRAIS

O tradicional sabor mariñeiro de Lugo pervive en recoletos portos como o de Rinlo, desde onde xa en 1905 partían expedicións de baleeiros. Pouco antes, en 1904, aquí construiríanse as consideradas como primeiras cetarias naturais de España.

Actualmente, achegarse a Rinlo supón revivir a autenticidade do mar lucense e gozar dos exquisitos produtos que nos regala. Non en balde, os establecementos de hostalería do lugar teñen fama de preparar os mellores percebes e arroz con Bogavante do Cantábrico.

En Rinlo e nas súas inmediacións tamén podemos visitar algúns dos máis recoñecidos exemplos de arquitectura indiana da Mariña lucense, como a casa de Don Inocencio, que acolleu o primeiro faro privado da costa lucense.

Próxima a Rinlo, a Praia das Catedrais - Augasantas é unha visita obrigada para todo viaxeiro. Declarada Monumento Natural, este espazo simboliza a beleza en todo o seu esplendor grazas ás caprichosas formas que o mar foi labrando nos seus cantís. É recomendable visitala con marea baixa, sendo necesario obter un pase en tempada alta, xa que se estableceu un número máximo de visitas por día.

Illa Pancha
Torre dos Moreno
Rinlo
As Catedrais

PONTE DA ESPIÑEIRA

Trátase dunha ponte construída no século XIX sobre a ría do Masma servindo como nexo de unión entre as parroquias de San Cosme e Vilaronte, nos municipios de Barreiros e Foz, respectivamente.

O levantamento desta ponte supuxo o definitivo recoñecemento da puxanza económica da zona, onde ata entón unha barcaza transportaba entre ámbalas dúas beiras as persoas, as mercadorías e o gando.

A Espiñeira foi desde sempre un destacado lugar desde o punto de vista económico e de comunicacións. Aquí atopáronse restos de minas de ouro de época romana e a historia fai mesmo referencia á existencia dun mosteiro neste lugar. De épocas máis recentes datan os antigos estaleiros e a fábrica madeireira, antesala da actual actividade industrial que hoxe atopamos nun polígono que conta cun estratéxico acceso á Autovía do Cantábrico, o que mantén a condición da Espiñeira como nó de comunicacións, do mesmo xeito que nas súas orixes.

CASTRO DE FAZOURO

Está situado no municipio de Foz e é o único escavado no litoral cantábrico. Foi habitado entre os séculos I e III d. C. Actualmente só se conserva da súa estrutura orixinal un conxunto de nove construcións, xa que a erosión mariña provocou a desaparición dunha parte considerable do conxunto orixinal

PORTOS DE NOIS, CANGAS E FOZ: REFERENTES DA INDUSTRIA BALEEIRA

Entre os séculos comprendidos desde a Idade Media ata o século XVIII, estes portos lucenses atopábanse entre os máis importantes no marco do desenvolvemento desta actividade, contando con destacados armadores que á súa vez eran membros da fidalguía, como os Moscoso da casa de Fontao no porto de Nois e os Miranda nos portos de Rego e Foz.

Os portos estarían preparados para atender as necesidades da industria contando con ramplas para o traslado dos cetáceos e naves para o seu desmembramento e o procesado de cada unha das súas partes, das que se aproveitaría absolutamente todo.

Ponte da Espiñeira (Fonte: O Gabinete de Foz)
Castro de Fazouro 1
Castro de Fazouro 2
Porto de Foz

DÍA 2: DE BURELA ATA O VICEDO

 

PORTO DE BURELA

Burela é mar, cultura e diversidade. O seu porto pesqueiro (anteriormente porto baleeiro), é un dos máis importantes do Cantábrico e destaca polas súas modernas instalacións, flota e proxección comercial e industrial. Ademais, visitar a súa lonxa é todo un espectáculo durante a poxa das máis de 100 especies diferentes de peixe que traen os barcos tralas frenéticas xornadas de capturas. Toda unha manifestación de dinamismo que converte á lonxa de Burela na segunda de maior volume de negocio en Galicia.

Para coñecer de preto a historia recente da organización social da actividade portuaria, pode visitarse o arquivo da confraría de pescadores de Burela, que conta cunha exposición que mostra o seu primeiro libro de actas, regulamentos, estatutos, paneis explicativos da evolución das confrarías, da constitución da Confraría de Pescadores de Burela, da súa labor asistencial ao longo dos anos, das embarcacións e da pesca. Ademais, nun monitor pódense ver fotografías antigas de Burela.

BARCO-MUSEO BONITEIRO “RAÍÑA DO CARME”

Tras 30 anos de vida profesional, o “Raíña do Carme” voltou definitivamente ao porto de Burela para converterse en museo e á vez homenaxe á xente do mar.

Na súa exposición, ademais de observar os aparellos técnicos cos que contaba o barco, coñeceremos de preto aspectos relacionados coas condicións sociais e laborais da tripulación durante as costeiras do bonito e as diferentes dependencias da embarcación (ponte de mando, adega, sala de máquinas, cociña, zona de descanso da tripulación, etc.), xunto cunha exposición de artes de pesca tradicional para a captura de diferentes especies.

 

REDEIRAS DE BURELA

Nunha das naves do porto de Burela, o colectivo de redeiras recibe ao público, previa reserva, para dar a coñecer de primeira man os aspectos esenciais deste oficio tan popular como esencial que hoxe se atopa en perigo de extinción pola falta de relevo xeracional. A visita á nave inclúe explicación e demostración do proceso de traballo e da exposición de artes de pesca e obxectos de temática mariñeira elaborados polas propias rederas que poden adquirirse.

Teléfonos de reservas: 608 298 933 / 610 757 910

caboburela@gmail.com

Coordenadas: 43º 39´32,06´´ N 7º 21´09,46´´ W

 

VILA DE SAN CIBRAO

A “península da paz” que acolle a vila de San Cibrao, entre as praias de O Torno e Cubelas, conserva o tradicional carácter mariñeiro dun pequeno porto que xa en época medieval destacaba pola construción de carabelas e, posteriormente, pola industria de salgadura, cuxa memoria aínda se conserva nos restos do chamado castelo mariño de San Cibrao.

Na parte alta da península, o faro de Punta Atalaia guía ás embarcacións que se aproximan ao litoral e na parte baixa, as casas de pescadores manteñen a identidade dun pobo que se debe ao mar.

Lonxa de Burela
Barco Boniteiro
Redeiras
Faro San Ciprián

FARO DE PUNTA ATALAIA

O primeiro faro de Punta Atalaia, situado en San Cibrao, ten as súas orixes no século XIX, sendo o seu obxectivo inicial guiar a entrada no porto ás numerosas embarcacións encargadas da trasfega comercial xerada grazas á actividade das fábricas de Sargadelos.

O faro foi proxectado polo Enxeñeiro Marcelo Sánchez Novellán, quen adoptou un deseño similar ao empregado no faro de Illa Coelleira, de cuxo proxecto tamén foi autor. No ano 1983 constrúese o novo faro, de maior alcance, que se fixo necesario debido á gran proxección da fábrica de Alcoa-San Cibrao, que intensificou a trasfega de embarcacións que se aproximaban a este tramo da costa lucense.

Actualmente, o faro de San Cibrao atópase totalmente automatizado e supervísase desde o porto de Ferrol.

MUSEO DO MAR

O Museo do Mar de San Cibrao foi creado por iniciativa da Deputación de Lugo en 1969 tomando como base a colección do mestre local Francisco Rivera Casás. Actualmente, as dependencias do antigo grupo escolar acollen en catro salas a súa exposición, toda unha homenaxe á Mariña Lucense que aquí ten como misión divulgar a historia e a vida mariñeira na costa, así como a súa riqueza biolóxica e etnográfica. Os fíos condutores desta exposición son a propia escola que aquí se atopaba orixinalmente, a carpintería de ribeira, os oficios do mar, a colección de malacoloxía e a caza de baleas.

 www.redemuseisticalugo.org

 museodomar@museolugo.org

A MARUXAINA E A PRAIA DO TORNO

O segundo sábado de agosto, San Cibrao enxalza a súa cultura mariñeira recreando a lenda da súa famosa serea coñecida como “A Maruxaina”, para algúns axudante e colaboradora cos mariñeiros e para outros unha traidora que os engana desviándoos da súa ruta.

Cada segundo domingo de agosto, a xente do mar porta polas rúas á serea Maruxaina nunha procesión que culmina na praia do Torno, onde se lle realiza un particular xuízo que, tralas correspondentes deliberacións, rematará co seu indulto ou co seu castigo. É tamén desde aquí onde durante todo o ano pode verse unha peculiar escultura que rende homenaxe a esta personaxe mítica da costa lucense que, segundo a tradición popular, habita nos illotes dos Farallóns.

A praia do Torno, ademais de ser o escenario que acolle a escenificación da festa da Maruxaina está estreitamente ligada á tradición baleeira da Mariña, xa que aquí recalaban numerosos cetáceos que eran despezados neste lugar.

CARPINTEIRO DE RIBEIRA

Francisco Fra Rico é o artesán que perpetúa o labor que sete xeracións consagraron á carpintería de ribeira, actividade que no pasado dotou de gran prestixio e recoñecemento á vila mariñeira de San Cibrao. Na visita ao seu taller, situado moi preto do porto, daranos todos os detalles da súa profesión, das súas ferramentas de traballo e dos procesos construtivos dunha embarcación.

Teléfono: 677 595 676

Correo electrónico: fransanciprian@hotmail.com

Coordenadas: 43º 41´41,61´´ N 7º 26´36,39´´ W

Museo do Mar 1
Museo do Mar 2
Praia do Torno
Maruxaina

PORTO E CABO DE MORÁS

Na costa do municipio de Xove existen lugares sorprendentes que conservan aínda o seu sabor mariñeiro tradicional. O porto de Morás é un deses enclaves imprescindibles onde o tempo parece deterse, trasladándonos ata unha época onde a caza de baleas era unha auténtica forma de vida.

Nesta encantadora contorna, os recordos desta industria aínda son palpables, xa que nesta zona estratéxica de paso de cetáceos conservouse ata hai pouco a nave de despezamento da antiga factoría de Massó, en activo ata os anos 70, así como a rampla que servía para o traslado dos cetáceos.

Deixando atrás o porto, un carreiro aberto entre o cemiterio de dolos do antigo dique do complexo industrial Alcoa- San Ciprián trasladarannos inmediatamente a un universo paralelo de ciencia- ficción. Ao final do camiño, o ascenso polas rochas conduciranos ao cabo de Morás, unha caprichosa escultura natural forxada polo mar, o sal e o vento. Aquí bate con forza titánica o incansable mar Cantábrico, dando forma á súa creación. O seu atronador son golpeando as rochas convidaranos a contemplalo en silencio, admirando a grandeza da súa inmensidade.

PORTOCELO

Este pequeno porto escondido do municipio de Xove ben puidera ser unha estampa de postal. Aquí desemboca o río Portocelo nesta enseada con dúas praias que se unen en baixamar. No porto atoparemos fondeadas pequenas embarcacións tradicionais, símbolo dunha das principais actividades económicas que deron sustento aos veciños da zona.

FARO DA RONCADOIRA

Situado no municipio de Xove, o faro da Roncadoira aluma o tramo comprendido entre Punta Atalaia en San Cibrao e a Illa Coelleira. Foi construído en 1984 e presenta forma de torre cilíndrica de 14 metros de altura, contando cun alcance de luz de 21 millas.

O faro atópase nun abrupto tramo costeiro de espectacular beleza e auténtico referente para os amantes da ornitoloxía, non en balde atopámonos nunha Zona de Especial Protección de Aves que ademais nos brinda vistas á Illa Coelleira, á Punta de Estaca de Bares e ao illote de Ansarón.

BARRIO E PORTO DE CELEIRO

O barrio de Celeiro conserva o seu carácter tipicamente mariñeiro, con características rúas estreitas e en pendente. O seu porto, xunto co de Burela, é un dos de maior actividade de España, destacando fundamentalmente polas capturas de pescada do pincho, produto de calidade ao que cada mes de agosto se lle rende homenaxe na súa correspondente festa gastronómica. O porto conta con 47 buques, contando todos os que dispoñen de diferentes técnicas de captura (palangre, enmalle, arrastre, artes menores e cerco) e unha lonxa cunha dimensión de 40.000 m2, con capacidade de descarga, poxa e manipulación de 75 toneladas diarias.

CENTRO HISTÓRICO DE VIVEIRO

Situada na desembocadura do Landro xunto á ría á que dá nome, a cidade de Viveiro conserva un dos mellores conxuntos monumentais da provincia de Lugo que reflicte o esplendor social e económico que experimentou ao longo da súa historia. Aquí, no antigo recinto de intramuros e na súa contorna inmediata, a igrexa, a nobreza e os gremios imprimiron un carácter propio e un ambiente que aínda se respira paseando polas súas rúas e contemplando o seu patrimonio.

O casco antigo de Viveiro estaba rodeado por unha muralla da que actualmente se conservan tres portas: a da Vila, a do Valado e a de Carlos V, construída xa na Idade Moderna en homenaxe a este Rei Emperador. Esta porta constitúe un perfecto punto de inicio para adentrarse no centro histórico e percorrer as estreitas rúas medievais da cidade, onde se abren recoletas prazas e se levantan fermosos monumentos como a casa dos leóns, a igrexa románica de Santa María del Campo, o convento das Concepcionistas e a gruta de Lourdes, o antigo calello das monxas e, xa na zona de extramuros, a igrexa gótica de San Francisco, que exhibe no seu claustro parte da imaxinería de Semana Santa; a ponte da misericordia, a capela do Ecce Homo de Covas, o mosteiro de Valdeflores e, a 5 quilómetros, a igrexa de San Pedro.

Pero o atractivo do centro histórico de Viveiro non se reduce en exclusiva aos seus aspectos monumentais. A un dinámico comercio e a unha oferta hostaleira de calidade únese o prestixio das súas docerías, que crearon a saborosa torta típica do lugar, e o pan dos Apóstolos, doce que se converteu no souvenir da Semana Santa.

Cabo Morás
Portocelo
Fato da Roncadoira
Porta de Carlos V

PONTE DA MISERICORDIA

Esta ponte está situada sobre o río Landro, unindo as súas marxes entre as beiras de Viveiro e Covas. Nos seus extremos sitúanse monumentos emblemáticos da vila: a porta de Carlos V, a capela do Ecce Homo e o Pazo da Misericordia. Con posible orixe durante a romanización, a ponte actual data do século XVI, estendéndose a súa construción entre os reinados de Enrique IV e Carlos V. Ao longo da súa historia, a ponte sufriu numerosas reformas e ampliacións que reduciron o seu número orixinal de arcos.

FUCIÑO DO PORCO (PECHADO DE XEITO TEMPORAL)

A Punta Socastro, máis coñecida como o "Fuciño do Porco", é un pequeno saínte costeiro localizado entre as praias de Abrela e de San Román. Dende este lugar pódese desfrutar dunhas espectaculares vistas. 

ILLA COELLEIRA

A Illa Coelleira está situada na ría de Viveiro. Antiga sede dun mosteiro, na actualidade acolle un faro na súa parte máis elevada, situada a 82 metros sobre o nivel do mar. A illa debe a súa toponimia á abundancia de coellos que antano a poboaban. Hoxe é un punto de referencia ornitolóxica por ser lugar estratéxico de paso de aves migratorias desde o norte de Europa cara a África. Ao longo da súa historia, a illa destacou ademais como lugar de avistamento de cetáceos. Desde esta atalaia, os sentinelas avisarían da súa presenza mediante fogueiras, o que facilitaría as capturas en zonas sempre próximas á costa.

PRAIA DO CAOLÍN

Na praia do Caolín do municipio do Vicedo consérvanse os restos dunha antiga factoría de salgadura de sardiña, industria que experimentou un período de auxe desde o século XVIII, manténdose ata o primeiro terzo do XX contribuíndo á puxanza económica da Mariña Lucense e permitindo a incorporación dun importante colectivo de mulleres ao mundo laboral.

PONTES DO BARQUEIRO

Sobre a desembocadura do río Sor, ao final da ría do Barqueiro, tres pontes unen as provincias de Lugo e A Coruña. Entre todas elas destaca a ponte metálica, aberta ao público no ano 1901. Construída pola empresa Maquinista Terrestre e Marítima de Barcelona, a súa estrutura consta de tres tramos de vigas de ferro de ao redor de 18 metros cada un e un ancho de 5 metros, dimensións que facían que a ponte fose apta para carruaxes

Porto de Celeiro
Capela da Misericordia
Illa Coelleira
Praia Caolín