Outras festas e eventos de interese

Oso de Salcedo
Antroido Ribeirao
O Carmen de Foz
Romaxe Vikinga do Vicedo
Ribadeo Indiano
Feira do capón de Vilalba
Feira do Butelo
Feria del Vino de Chantada

 

Ademais das festas declaradas de Interese Turístico, o inmenso patrimonio cultural inmaterial da provincia de Lugo ten algunhas das súas máis xenuínas representacións noutras celebracións que nos falan dun pobo alegre e orgulloso da súa forma de vivir.

Algúns dos principais exemplos destas manifestacións festivas son as que gardan relación co mundo cristián e pagán, fortemente enraizado na idiosincrasia local. Así, celebracións coma os antroidos, especialmente singulares nos pobos do sur lucense como Chantada, Salcedo, Monforte de Lemos e Sober, e nos da Mariña Lucense, onde multitudinarias comparsas desfilan ao son da música en lugares como Foz, Burela, Ribadeo, Viveiro, Mondoñedo, Lourenzá e O Valadouro enchen de cor e espectáculo as rúas das localidades.

No referente ás celebracións relixiosas, o culto á Virxe do Carme está especialmente arraigado nos pobos da Mariña coma Foz, O Vicedo, Burela, Ribadeo e Viveiro, que celebran vistosas procesións marítimas en homenaxe á patroa dos mariñeiros. Ademais, por toda a provincia seguen a celebrarse numerosas romaxes na honra de santos milagreiros a onde acoden con gran devoción os romeiros a presentar os sus exvotos e plegarias. É o caso de romarías coma a do Cebreiro, Cadeiras en Sober ou O Faro en Chantada.

En canto aos fitos relevantes que marcaron a historia da provincia, actualmente celébranse numerosas e concorridas festas de recreación histórica que rememoran acontecementos coma a chegada dos normandos á costa lucense (Festa Normanda de Foz e Romaxe Vikinga do Vicedo), o desembarco de Carlos V (mercado renacentista de Viveiro),  as liortas entre castrexos e romanos (Festa Castrexa de Burela), ou o esplendor de finais do século XIX e comezos do XX da man do Ribadeo Indiano.

Os produtos gastronómicos non poden faltar nun territorio onde a natureza é xenerosa. Festas coma a do capón de Vilalba, as feiras dos queixos con Denominación de Orixe, a festa da carne ao caldeiro de Carballedo, as festas da empanada nas Nogais, Chantada, Mondoñedo e Monforte, as festas de exaltación dos viños de Pantón, Monforte, Ribas do Sil, Vilachá e Chantada, as festas de exaltación da tenreira en Láncara, o porco celta en Sarria, o butelo da Fonsagrada, o pemento de Mougán ou a androlla e a troita de Navia de Suarna ocupan sinaladas datas no calendario festivo lucense.

A música, ao igual cá gastronomía, é o elemento que envolve tódalas celebracións. Dende as verbenas populares que se celebran mesmo nos pobos máis pequenos ata os festivais que xa teñen a consideración de grandes eventos de calado internacional, Lugo vibra ao son de espectáculos que renden homenaxe dende á música popular ata o heavy metal. Así, encontros como o Resurrection Fest de Viveiro suben anualmente o nivel polo extraordinario elenco de artistas que anualmente integran o seu cartel. Por outra banda, eventos como o festival de música de cámara da Ulloa, o festival do aturuxo de Ourol, o Festival da Chaira de Baltar tamén son xa claros referentes para os amantes da música tradicional.

Por último, non debemos esquecer as feiras artesás que manteñen vivos os vellos oficios da provincia e entre as que destacan os encontros de palilleiras en Cervo e Sarria, a festa dos callos e da cantería de Parga ou as feiras de artesanía de Outeiro de Rei, A Pontenova, Vilalba e Cospeito.