Principais lagoas da provincia de Lugo

Lugo, con máis de 340 humidais inventariados, alberga máis do 40% da superficie total que na comunidade galega ocupan estes espazos, a maioría protexidos ao amparo da Rede Natura 2000.

Este dato fala por si só á hora á hora de identificar a importancia que para a paisaxe teñen formacións húmidas como as lagoas, que adquiren especial protagonismo en comarcas como a Terra Chá, onde están profundamente arraigadas á historia dos usos agrícolas do territorio e ao seu imaxinario popular. É aquí onde as lagoas se transforman en verdadeiros escenarios de lendas que nos falan de cidades asolagadas como a de Valverde, que segundo a tradición xace baixo as augas da Lagoa de Cospeito.

A Terra Chá acolle un importante complexo húmido alimentado por concas sedimentarias que a converten nun auténtico santuario de natureza, configurándose como un refuxio preferente para aves migratorias en época invernal. Así, as lagoas de Cospeito, Caque, Santa Cristina, a lagoa do Rei ou a de Riocaldo de Begonte son só algúns exemplos onde a conservación dos espazos naturais foi compatible cos usos agrícolas e turísticos do territorio.

Outras lagoas de gran relevancia, pero de diferente orixe, son a de Fonmiñá, situada no municipio da Pastoriza e considerada por tradición un dos nacementos do Miño ou a lagoa de Lucenza no Courel, singular pola súa orixe glaciar e polos seus máis de 16.000 anos de antigüidade.

Para coñecer máis de preto estes espazos naturais, recoméndase seguir as rutas de sendeirismo que a Federación Galega de Montañismo homologou nas súas contornas:

Ruta das Lagoas ( PR- G 151): Concello de Cospeito. Distancia: 14,1 Km. Dificultade: baixa.  Duración: 4,5 horas.

Augas de Fonmiñá ( PR- G 153): Concello da Pastoriza.  Distancia: 12,6 Km. Dificultade: baixa. Duración: 2,5 horas.

 Ruta da Lagoa de Lucenza ( PR- G 184): Concello de Folgoso do Courel. Distancia: 9,7 Km.  Dificultade: media- alta.  Duración: 3 horas e 45 minutos.

Fonmiñá
Laguna de Cospeito
Laguna de Cospeito
Laguna de Caque