Sargadelos

As primeiras noticias do complexo industrial de Sargadelos datan de 1788, momento en que o ilustrado Antonio Raimundo Ibáñez inicia a construción dunha fábrica de potas, ferros e clavazóns de ferro obtidas polo procedemento de fundición. Con todo, a actividade da fábrica pronto se reorientaría cara ao mercado militar, concretamente ao Estado, mediante a produción de armamento e municións.

A frenética actividade da factoría convertería o seu alto forno, empregado para o coado do ferro, nun auténtico referente en produción a nivel nacional. Neses anos, Sargadelos convertíase entón na Real Fábrica, cuxa labor trataría posteriormente de diversificar o seu fundador mediante a produción de téxtil, vidro e cerámica tipo Bristol. Foi precisamente esta última a que conseguiu que o nome de Sargadelos se perpetuase no tempo ata os nosos días.

Tras o axustizamento de Antonio Raimundo Ibáñez nos episodios da Guerra de Independencia que tiveron lugar en Ribadeo en 1809, o seu legado pasou a mans do seu fillo, José Ibáñez Acevedo, que reorientou a fábrica cara á produción artística. A louza de Sargadelos empeza entón unha evolución que nos levará a distinguir entre catro épocas que acompañarán ás xeracións que sucederán ao seu fundador ata o peche das fábricas, en 1875.

Nos anos 50 do século XX, a personaxe de Isaac Díaz Pardo será clave para o rexurdir de Sargadelos. Formado na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, instálase coa súa muller no Castro de Samoedo, en Sada, onde pon en marcha un proxecto de deseño que une arte e industria. Nace así o Laboratorio de Formas de Galicia, un auténtico exemplo de recuperación da identidade galega que se forxará tamén grazas á labor de ilustres galegos exiliados en Arxentina durante a época como Luís Seoane.

As fábricas de Cervo, integradas no conxunto histórico-artístico de Sargadelos, exemplo máis destacado do patrimonio industrial lucense, continúan en activo hoxe en día perpetuando os conceptos de deseño e tradición que envolven un das iconas da identidade da provincia.

 

Museo Histórico
Fábrica
Fábrica
Tenda
Imaxe
Sargadelos