Unha de romanos

A romanización é unha etapa que se estende desde finais do século I a. C. (unha vez rematadas as Guerras Cántabras) ata inicios do século V d. C. Neste período, a provincia romana de Gallaecia ocupaba o noroeste peninsular. Desta época consérvanse na provincia de Lugo un conxunto de bens que son mostra dun auténtico fenómeno cultural e que poñen de manifesto a importancia de que aquí se situase a capital dun dos seus Conventus Iuridicus: a cidade romana de Lucus Augusti, lugar estratéxico na organización administrativa e territorial do Imperio.

 

Muralla de Lugo

 

A Muralla de Lugo: Patrimonio da Humanidade

Construída entre os séculos III e IV de nosa era, nun momento convulso para o imperio romano, a muralla romana de Lugo constitúe un auténtico modelo desde o punto de vista construtivo, xa que tanto a súa localización, situada orixinalmente entre un foxo e un corredor interior ou intervallum, a súa estrutura a base dunha sucesión de cubos e cortinas e os materiais empregados na súa construción, fixeron de Lugo unha cidade preparada para resistir calquera ataque.

Actualmente, a muralla conta con dez portas que permiten entrar e saír do centro histórico da cidade. Destas portas, cinco considéranse orixinais de época romana. Ademais, o adarve que percorre a súa parte superior permite percorrer a pé os máis de 2 quilómetros dun perímetro que se conserva na súa totalidade, unha característica que fai que este monumento sexa único no mundo.

A muralla de Lugo foi declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000, un recoñecemento ao papel xogado na traxectoria histórica da cidade e ao significado social que adquire na vida de todos os lucenses.

Información:

Centro de Interpretación da Muralla de Lugo

Teléfono: 982 25 16 58

Coordenadas: 43°00'36.8" N 7°33'30.7" W

 

Casa dos Mosaicos

 

Casa dos Mosaicos

Situada na rúa Doutor Castro, esta domus, que pertenceu a algún persoeiro importante da cidade romana, mostra parte das súas dependencias orixinais musealizadas. No conxunto destacan os restos dun patio porticado, unha sala de recepción cuxo chan estaba decorado con mosaico e un comedor ou triclinium de inverno.

Información:

Teléfono: 982 25 16 58

Coordenadas: 43°00'38.5" N 7°33'25.5" W

 

Domus do Mitreo

 

A Domus do Mitreo

Na Praza de Santa María, o edificio do Vicerreitorado acolle os restos da Domus do Mitreo, un xacemento cuxa escavación permitiu reconstruír a historia da cidade e a súa evolución urbanística. Nas diferentes dependencias, que foron musealizadas, destacan os restos dun templo e un ara votiva dedicada ao Deus Mitra, un achádego que singulariza este lugar en todo o noroeste da Península.

Información:

Teléfono: 982 82 15 13

Coordenadas: 43°00'33.9" N 7°33'32.6" W

 

Termas romanas

 

As termas e a ponte romana de Lugo

Na contorna do río Miño, a cidade de Lugo conserva dúas das mostras máis representativas do seu legado romano: as termas ou baños públicos e a ponte.

As termas romanas están situadas nas dependencias do actual balneario. Datadas do século II d. C., conservan dúas salas orixinais: o apodyterium ou vestiario e unha antiga sala de baños que foi reaproveitada posteriormente como capela do balneario.

A ponte romana, levantado sobre o río Miño, foi orixinalmente construída no século I, sendo sometida a diferentes reformas nos séculos XII, XIV e XVIII. Zona de paso da Vía Romana XIX e do Camiño Primitivo de Santiago, actualmente é de uso peonil e na súa contorna atópase unha animada zona de lecer e deporte moi transitada polos lucenses.

Información sobre as termas romanas:

Balneario de Lugo

Teléfono: 982 22 12 28

Coordenadas do balneario: 43°00'06.6" N 7°33'39.1" W

Coordenadas da ponte romana: 43°00'07.6" N 7°33'48.9" W

 

Piscina romana

 

Outros restos arqueolóxicos da cidade de Lugo

En Lugo, os traballos arqueolóxicos dos últimos anos sacaron á luz numerosos achádegos en diferentes puntos da cidade: é o caso da piscina ritual da Praza de Santa María, o acueduto da Praza de San Marcos, os cimentos da porta romana na porta Nova da muralla, o templo romano do Círculo das Artes, a estrutura funeraria no vello cárcere, diferentes restos no Barrio da Tinería, fornos cerámicos na Rúa Nova ou a calzada romana no Pazo da Maza. Ademais, algúns restos procedentes de achados ou escavacións arqueolóxicas poden visitarse na correspondente sección do Museo Provincial de Lugo.

 

Santa Eulalia de Bóveda

 

Santa Eulalia de Bóveda: o gran enigma da arqueoloxía galega

A 14 quilómetros da cidade de Lugo, a parroquia de Santalla de Bóveda de Mera garda uno dos grandes misterios aínda pendentes de resolver pola Historia: o conxunto tardorromano de Santa Eulalia, situado baixo a actual igrexa parroquial, acolle os restos do que parece ser un edificio de tres naves con cuberta abovedada e unha pequena piscina na súa parte central. As pinturas murais do interior, con motivos nos que predominan figuras de aves, así como os relevos de figuras danzantes do exterior, alimentan as dúbidas sobre as funcións deste lugar, que chegou a identificarse como un lugar de culto ás Ninfas ou un templo en honra a Dionisio.

Información:

Teléfono: 982 16 01 24

Coordenadas: 42°58'49.6" N 7°41'09.7" W

 

Ponte de Gatín - Vía Romana XIX

 

A Vía Romana XIX e outras calzadas romanas secundarias

Trala conquista do Noroeste de Hispania, Roma leva a cabo a reorganización administrativa do Imperio mediante a creación dos Conventus Iuridicus de Braga, Lugo e Astorga. A partir dese momento, fíxose necesario o deseño dunha rede viaria que sería estratéxica nas comunicacións entre as tres cidades. Pola actual provincia de Lugo transcorría a Vía XIX do itinerario Antonino, que unía as capitais dos tres Conventus Iuriducus do noroeste peninsular. Actualmente, a toponimia e os restos arqueolóxicos achados permiten en parte recompoñer o seu trazado polos municipios de Palas de Rei, Lugo, O Corgo, Castroverde, Baralla, Becerreá e Cervantes.

Por outros lugares da provincia, como a Ribeira Sacra, transcorren outros trazados secundarios que se reaproveitaron para usos turísticos. É o caso da calzada romana denominada “codos de Belesar”, no municipio do Saviñao, que une a parroquia de Diomondi co pobo de Belesar e que actualmente se integra no trazado do Camiño de Inverno a Santiago.

 

Túnel de Montefurado

 

Minería aurífera: o túnel de Montefurado

Situado no municipio de Quiroga, no curso do río Sil, o túnel romano de Montefurado é unha das grandes obras de enxeñería mineira romana no noroeste peninsular. Datado do século II, época do emperador Trajano, o túnel, escavado na denominada “Pena do Corvo”, contaba inicialmente cunha lonxitude de 120 metros. Unha riada ocorrida en 1934 provocou o derrube de parte do túnel, deixándoo nos 52 metros de longo cos que conta na actualidade.

Construído para desviar o leito do Sil, secando o seu meandro orixinal para extraer o ouro depositado na súa canle, Montefurado forma parte dos recursos dunha orixinal ruta que pode facerse en coche pola Ribeira Sacra e as terras do Courel e que inclúe as minas de Margaride, en Quiroga; Os Medos, na Pobra do Brollón, o miradoiro de Mostad, con vistas á mina da Toca no Courel e os castros mineiros de Vilar e A Torre.