De festa en festa

Lugo é unha terra onde calquera escusa é boa para celebrar. A provincia conta cun nutrido calendario festivo onde a historia, a tradición, a actualidade, o sacro, o profano e o bo comer van da man.

Todos os meses do ano teñen lugar distintas celebracións onde o desfrute está asegurado. Ademais, seguir o calendario festivo da provincia supón un excelente punto de partida para coñecer o territorio e os seus contrastes, interactuar coa súa xente e, en definitiva, deixarse levar polas manifestacións máis auténticas da cultura popular.

Algunhas das celebracións máis destacadas da provincia son as ligadas á relixión que acollen os numerosos santuarios nos que se venera as imaxes dalgún santo recoñecido polas súas miragres e onde se seguen practicando singulares rituais polos romeiros que acoden en peregrinación.

Tamén a celebración da Semana Santa adquire gran relevancia, especialmente en lugares como Lugo, Mondoñedo e Viveiro, onde as confrarías e o pobo traballan por manter viva esta secular tradición que atrae a milleiros de visitantes.

Dentro das festas de carácter pagán destacan os entroidos que teñen lugar por toda a provincia e entre os que adquiren gran relevancia os multitudinarios desfiles de comparsas en diferentes lugares da Mariña Lucense. No sur sobresaen as personaxes tradicionais destas festas: volantes, peliqueiros e o oso de Salcedo enchen de cor as rúas dos pobos da Ribeira Sacra.

A recreación histórica é tamén un tema recorrente en toda a provincia, que rememora o seu esplendor medieval coa celebración de mercados de época, festas nas que se representan lendas que falan de ataques viquingos e outras que dan vida á época castrexa e romana.

Os oficios antigos e as tradicións agrícolas e gandeiras son tamén protagonistas en numerosas celebracións que adquiren a forma de concorridas feiras e mercados que manteñen un profundo raigame na idiosincrasia do sector primario da provincia.

A música tradicional, xenuína manifestación da cultura galega, atópase tamén representada nos multitudinarios festivais que renden homenaxe á herdanza folclórica que se transmitiu de xeración en xeración e que convive con outros xéneros de actualidade como o rock ou o hardcore.

E por último, as festas gastronómicas presentan por si mesmas unha relevancia indiscutible nunha terra onde non se entende unha celebración se non é acompañada polos mellores produtos que ofrece cada lugar.

Pero con independencia da súa temática, moitas das festas da provincia de Lugo contan cunha antigüidade, singularidade ou raigame que lles valeu a súa declaración como de Interese Turístico a nivel internacional, nacional ou autonómico. Todas elas son xa citas imprescindibles para calquera viaxeiro que desexe ser partícipe da alegría que caracteriza a forma de vivir dos lucenses.