Gravados rupestres
Os petróglifos son gravados rupestres realizados ao aire libre sobre grandes rochas ou laxes empregando diferentes técnicas segundo a súa datación. Adoitan presentar elementos zoomorfos, cazoletas escavadas na rocha, espirais, círculos concéntricos, figuras humanas, armamento, cruces ou labirintos. En liñas xerais, datan do período comprendido entre o século XX ao VIII a. C., aínda que tamén os hai de época medieval ou moderna. Na provincia de Lugo podemos atopar ducias de exemplos, destacando pola extensión da súa superficie os de Antas de Ulla, situados en San Fiz, no alto do Monte Farelo, onde atopamos unha das maiores concentracións de arte rupestre da provincia. Tamén en municipios do sur, como é o caso de Sober, existen destacados exemplos como os de Proendos e Bolmente e, na Terra Chá, destaca o enigmático círculo de Donalbai, en Begonte.