Lugo, destino natural
En Lugo a natureza desenvolveuse formando parte inseparable de formas de vivir únicas que se forxaron na diversidade das súas paisaxes. Así, o mar, as montañas, as chairas e os vales fluviais do interior proporcionan un panorama de contrastes que modelou o carácter dos lucenses, as súas actividades e mesmo a súa forma de contemplar o mundo. Foi esta íntima conexión entre o ser humano e a natureza a que permitiu preservar ata os nosos días un legado ambiental e cultural de incalculable valor.
Unha mostra desta perfecta simbiose constitúena as Reservas da Biosfera declaradas pola UNESCO, cuxa extensión abarca máis do 55% do territorio e que converten a Lugo nun referente internacional. É aquí onde as paisaxes da auga, protagonizados polas concas do Miño, o Eo ou o Navia, así como as montañas, vales e bosques das serras orientais da provincia se conciben como unha auténtica fonte de vida.
En Lugo tamén atopamos a maior superficie de Galicia protexida ao abeiro da Rede Natura 2000, a máis importante rede de espazos naturais protexidos a nivel europeo. Esta declaración integra as denominadas Zonas de Especial Protección de Aves e as Zonas de Especial Conservación, onde conviven especies e hábitats de extraordinaria fraxilidade.
Dentro dos espazos protexidos da provincia sobresaen tamén Monumentos Naturais como o denominado “Souto da Retorta” en Viveiro, que acolle os maiores eucaliptos de Europa; o pregamento sinclinal de Campodola- Leixazós en Quiroga, escenario idóneo para a práctica do xeoturismo e outras formacións de gran singularidade e beleza como a Praia das Catedrais, referente do turismo galego e considerada entre as mellores do mundo.
E é precisamente o litoral, balcón do Cantábrico, o escenario onde a arquitectura do mar se desfruta en todo o seu esplendor. Neste espazo, as formas dos cantís imprimen o carácter dunha costa salpicada polos caprichos xeolóxicos da rasa cantábrica, as rías altas, os cabos e as máis de 50 praias que constitúen un punto de partida para o coñecemento da biodiversidade costeira e o patrimonio marítimo, así como a práctica de deportes náuticos.
A este gran pulmón natural engádense os 10.000 quilómetros de ríos e regatos, fervenzas, lagoas de orixe diversa e augas termais para curarse en corpo e alma. Todos eles son un dos maiores orgullos e símbolos de identidade dunha provincia que agora te convidamos a percorrer.