Lugo
A cidade de Lugo, capital administrativa da provincia homónima, é o resultado dunha evolución urbanística na que se superpuxeron diferentes épocas que deixaron como pegada un excepcional patrimonio que mostra o mellor de cada etapa transcendental no seu desenvolvemento histórico.
As orixes da urbe remóntanse aos anos 25 a 29 a. C. Nese momento, xa finalizadas as Guerras Cántabras e dando por concluída a conquista romana do noroeste peninsular, Roma acometeu o labor de organizar administrativamente o territorio. Así, ás capitais dos seus Conventus Iuridicus de Baccara Augusta e Asturica Augusta sumouse Lucus Augusti, fundado polo legado do Emperador Augusto, Paulo Fabio Máximo. Nacía así a cidade romana que en parte perviviu ata os nosos días e que entre os séculos III e IV, coincidindo cunha época convulsa para o Imperio Romano, rodeouse dunha impoñente muralla cuxo deseño e calidade construtiva a converteron nun monumento para a eternidade.
A Muralla de Lugo, declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000, é o punto de partida obrigado para unha visita á cidade. Considerada a única muralla romana que conserva íntegro o seu perímetro en todo o mundo, o monumento pode percorrerse paseando por todo o seu adarve. As súas dez portas dan acceso ao centro histórico, onde pode realizarse unha ruta a pé polo seu patrimonio romano, visitando os restos musealizados da Domus do Mitreo, casa romana e templo dedicado ao Deus Mitra; a Casa dos Mosaicos, outra domus musealizada na rúa Doutor Castro; a piscina romana da Praza de Santa María, os restos do acueduto romano na Praza de San Marcos, o templo romano do Círculo das Artes ou a colección de arqueoloxía do Museo Provincial de Lugo.
Á ruta polo patrimonio romano súmanse outros monumentos de datación posterior, caso da Catedral, combinación perfecta de estilos artísticos representados en partes e elementos románicos, góticos, renacentistas, barrocos e neoclásicos. Outros monumentos de interese son o pazo episcopal (s. XVIII), a casa consistorial ( s. XVIII), o Círculo das Artes (s. XIX); o convento de Santo Domingo e a igrexa de San Pedro, de estilo gótico mendicante; o pazo de San Marcos (s. XIX), a igrexa de San Froilán (s. XVIII), a contorna da Praza do Campo e Rúa Nova ou as rúas do Progreso e A Raíña, así como os edificios de arquitectura vangardista (eclecticismo e racionalismo) que poden verse en diferentes prazas e rúas do centro.
E por Lugo pasa tamén o Camiño Primitivo de Santiago, declarado Patrimonio da Humanidade no 2015 xunto coa Catedral. Este itinerario xacobeo, transitado cada ano por milleiros de persoas, achéganos desde outra perspectiva a esta cidade bimilenaria.
E ademais…
*Extramuros: as capelas do Carme e de San Roque, o parque de Rosalía de Castro e o Museo Interactivo da Historia de Lugo.
*As festas de San Froilán, Arde Lucus e a Ofrenda ao Santísimo Sacramento, declaradas de Interese Turístico, ademais da Semana Santa, son citas fundamentais na axenda de lecer da provincia de Lugo.
*De viños e tapas: o bo comer forma parte do estilo de vida dunha cidade que apostou de cheo por un turismo para gozar sen présas.
*O patrimonio natural de Lugo, cidade circundada por un cinto verde cuxos sendeiros poden percorrerse ao redor dos ríos Miño e Rato, intégrase na Reserva da Biosfera Terras do Miño, a segunda de maior extensión de España.
*Lugo, Vila Termal: As propiedades curativas das augas mineromedicinais do balneario, situado xunto ao Miño, fixeron de Lugo unha cidade recoñecida no ámbito do turismo termal.