Mondoñedo

 

A historia de Mondoñedo atópase inescusablemente ligada ao poder eclesiástico. Sede episcopal desde o ano 1112 e Capital de Provincia do Antigo Reino de Galicia ata 1833, a Catedral-Basílica da Asunción constitúe o punto neurálxico da cidade que marcou o seu desenvolvemento urbanístico e é a orixe do trazado que deu forma ás súas rúas desde a Idade Media.

E é que percorrer Mondoñedo supón adentrarse no escenario dunha novela de época onde as pequenas prazas, as canellas, as igrexas, as capelas, os conventos e os pazos urbanos combínanse para crear un ambiente onde o silencio enche de paz cada recuncho.

A visita á cidade debe iniciarse na propia Catedral e o seu museo diocesano, conxunto de estilos artísticos que plasman o mellor de cada época: Gótico, Renacemento e Barroco son testemuñas do esplendor de antano que quedou recollido na arquitectura da que polas súas dimensións é coñecida como “a catedral axeonllada”.

Desde a Catedral, o percorrido continúa pola fonte vella (s. XVI), a casa vital de Álvaro Cunqueiro (hoxe reconvertida en museo e restaurante); o Seminario de Santa Catalina (s. XVIII), a igrexa nova ou de Santiago, a alameda dos Remedios co santuario barroco homónimo e o hospital de San Pablo e o cemiterio vello, único por conservar a división en clases sociais. Aquí pódense visitar magníficos panteóns e tamén o último leito dalgún dos ilustres fillos de Mondoñedo, como Cunqueiro, Pascual Veiga ou Leiras Pulpeiro, que xunto con outros, contribuíron ao esplendor cultural que viviu esta cidade nos séculos XIX e XX.

Mondoñedo é tamén territorio xacobeo. Por aquí transcorre o Camiño Norte de Santiago, declarado Patrimonio da Humanidade xunto coa Catedral- Basílica no ano 2015. Actualmente, o Convento de Alcántara acolle o seu centro de interpretación, que permite coñecer de preto a historia e os principais puntos de interese que acompañan o seu trazado.

E moi preto do casco antigo atópase o barrio dos Muíños, cuxo urbanismo presenta un gran interese etnográfico e onde se instalaron diferentes talleres artesáns que contribuíron a manter a vida neste lugar. Aquí atópase tamén a ponte medieval do Pasatempo, relacionada coa lenda da execución do Mariscal Pedro Pardo de Cela na praza da Catedral no ano 1483.

A gastronomía é parte inseparable da cultura local. A coñecida torta de améndoa e cabelo de anxo de Mondoñedo é unha delicia que se pode degustar e adquirir nas confeiterías locais e que se converteu no souvenir por excelencia desta cidade.

E desde o ano 2018, Mondoñedo forma parte da asociación de pobos máis bonitos de España, distinción que recoñece o traballo realizado a favor do coidado e a difusión do seu patrimonio, que o converteu nunha das xoias da Galicia interior.

Para percorrer o casco histórico recoméndase solicitar as audioguías ficcionadas que están a disposición na oficina de turismo municipal ou descargala nesta ligazón. Con elas poderase descubrir Mondoñedo dende a orixinal perspectiva da vida e obra de Álvaro Cunqueiro.

Catedral
Cementerio viejo
Santuario de Los Remedios
Centro de Interpretación del Camino
Puente del Pasatiempo
Panorámica de Mondoñedo
Tarta de Mondoñedo
Artesano en Os Muíños

 

E ademais…

*As feiras das San Lucas, celebradas en outubro, teñen a singularidade de ser unhas das máis antigas de España. Durante as mesmas celébrase unha tradicional feira de gando cabalar que os días previos baixa do monte, atravesando a praza da catedral nun espectáculo único. Outras citas fundamentais son a Semana Santa e o mercado medieval de agosto, declaradas de Interese Turístico Galego xunto coas San Lucas. Celebracións singulares son tamén As Quendas, no mes de maio; a rapa das bestas, a finais de xuño, ou os Remedios, en setembro.

*Na contorna natural de Mondoñedo consérvanse lugares de interese como A Fraga Vella, a área recreativa do Río Tronceda, a fervenza do Salto do Coro e a cova do Rei Cintolo, que é a máis grande de Galicia e que se pode visitar cun espeleólogo profesional previa reserva na oficina municipal de turismo.