Camiño Norte
Constitúe un dos Camiños “primitivos” astur- galaicos transitados polos peregrinos europeos que procedían de Francia por terra ou que recalaban nos portos cantábricos para dirixirse á catedral de Oviedo e, posteriormente, continuar cara a Santiago. Este percorrido sería así realizado por recoñecidos peregrinos durante a Idade Media e a Idade Moderna, destacando a figura de San Francisco de Asís, que no século XIII converteuse en peregrino seguindo este itinerario.
O Camiño Norte inicia o seu percorrido por terras lucenses en Ribadeo, onde tras cruzar a ría (antigamente por mar e hoxe a través da Ponte dos Santos) continúa trazando un itinerario do que cinco etapas discorren integramente pola provincia de Lugo, con finais respectivamente en Lourenzá, Abadín, Vilalba e Baamonde. Desde aquí o Camiño segue por terras de Guitiriz e Friol cara Sobrado dos Monxes.
Desde o porto de Porcillán en Ribadeo, onde un fito márcanos a distancia de 196 quilómetros a Santiago, o Camiño inicia un percorrido cara ao interior da provincia, regalándonos a visita a destacados lugares desde o punto de vista histórico- artístico: a praza de España de Ribadeo, coa emblemática Torre dos Moreno e o pazo de Ibáñez, o mosteiro de San Salvador de Lourenzá, o centro histórico de Mondoñedo, coa súa Catedral- Basílica Patrimonio da Humanidade, a igrexa de Santa María de Abadín, a localidade de Vilalba, co seu torreón medieval, a igrexa de Santiago de Baamonde ou a capela de San Alberte de Parga. Desde aquí, o Camiño prosegue ata O Marco das Pías, onde abandona terras lucenses.
Fai clic para descubrir o Camiño Norte en Inventrip.
Etapa 1: Ribadeo- Lourenzá
No inicio do tramo galego do Camiño Norte, Ribadeo adopta máis ca nunca a súa condición de porta de entrada en Galicia. A Ponte dos Santos, nexo de unión entre Asturias e a Comunidade Galega, permite que os peregrinos crucen a pé a ría que antano debían pasar navegando.
Dende o porto deportivo de Porcillán, onde se atopa o primeiro fito galego do Camiño Norte, ascéndese ata o centro histórico de Ribadeo, onde edificios relixiosos como a capela da Trindade, Santa María do Campo e o convento de Santa Clara conviven con construcións civís como as casa indianas que enchen de cor as rúas da vila.
Dende Ribadeo, o Camiño continúa por núcleos como Ove, Vilela, Cubelas, Arante (sede dun antigo hospital de peregrinos), Vilamartín Pequeno, Vilamartín Grande e Gondán ata chegar á histórica Vilanova de Lourenzá, onde se conserva o antigo mosteiro benedictino de San Salvador e a igrexa monacal que conserva un magnífico relicario e un importante museo de arte sacra.
Alternativamente, a primeira etapa do Camiño Norte por terras galegas pode percorrerse atravesando o municipio lucense de Trabada, ao que se accede despois de pasar por Castropol e Vegadeo. Neste caso, a etapa culmina igualmente en Vilanova de Lourenzá.
Etapa 2: Lourenzá- Abadín
Dende Lourenzá, o Camiño continúa superpoñéndose a un antigo camiño medieval pasando por lugares como Arroxo, Ogrobe, San Pedro da Torre. Reguengo e San Paio para posteriormente entrar no centro histórico de Mondoñedo polo barrio de San Lázaro.
Mondoñedo, vila declarada Conxunto Histórico- Artístico, conserva entre os seus principais monumentos a Catedral Basílica da Asunción, Patrimonio da Humanidade dende o ano 2015, o Seminario de Santa Catalina, o convento das Concepcionistas, o santuario dos Remedios ou o antigo convento de Alcántara, cuxa capela da Venerable Orde Terceira acolle o Centro de Interpretación do Camiño Norte.
Dende Mondoñedo, saíndo pola rúa Fonte Vella, continúase o mencionado antigo trazado medieval que apunta xa cara a comarca da Terra Chá pasando previamente polas localidades de San Caetano, Valiñadares, Maariz, Valiña, Pacios e Lousada. O Camiño entra en terras de Abadín por Gontán, onde se atopa o albergue público de peregrinos.
Tamén existe a posibilidade de realizar o Camiño Norte empregando a variante que chega a Mondoñedo dende Trabada, atravesando a Ponte do Pasatempo e o Barrio dos Muiños e dirixíndose por unha vía alternativa ata Abadín.
Etapa 3: Abadín- Vilalba
O Camiño abandona Abadín non sen antes pasar pola igrexa románica de Santa María, dende onde se continúa atravesando as características paisaxes agrarias da Terra Chá en dirección a Vilalba pasando polas localidades de Ponterroxal, Castromaior, Mámoa , Outeiro e Goiriz, dende onde prosegue en dirección a Vilalba, cabeceira da comarca e de fundación medieval, conserva no seu centro histórico un torreón do século XV que pertenceu á liñaxe dos Andrade e que hoxe acolle un Parador Nacional de Turismo.
Etapa 4: Vilalba- Baamonde
Dende Vilalba o Camiño pasa por Ponte Rodríguez, Boizán, Gabín, San Xoan de Alba, Insua, Ponte de Saa e Ferreira de Pacios antes de chegar a Baamonde, onde se atopa unha igrexa parroquial do século XIV advocada a Santiago xunto á cal se levanta un característico calvario.
Etapa 5: Baamonde- Sobrado dos Monxes
Dende Baamonde iniciamos a última etapa do Camiño Norte por terras lucenses que nos guiará pola magnífica contorna que envolve a igrexa baixomedieval de San Alberte de Parga. Dende aquí proseguimos cara o municipio de Friol pasando pola parroquia de San Paio de Seixón, que conserva unha igrexa con elementos medievais, e continuando por Miraz, onde se levantou unha igrexa advocada a Santiago. Dende aquí o Camiño continúa en dirección a Marco das Pías, onde este itinerario xacobeo se despide da provincia de Lugo para continuar cara Sobrado dos Monxes.