Círculos líticos da provincia de Lugo

Círculo lítico de A Roda 
En diferentes puntos da xeografía lucense, a casualidade sacou á luz achádegos sen precedentes ligados á pegada dos nosos devanceiros. O produto destes descubrimentos son os denominados cromlech ou círculos líticos, sorprendentes estruturas construídas con grandes pedras dispostas en forma circular. Algúns dos exemplos máis destacados hoxe en día sitúanse en Barreiros, Lugo e O Valadouro.
 
O círculo lítico da Roda, en Barreiros, é unha enigmática estrutura megalítica da Idade do Bronce, encadrada na tipoloxía dos henge británicos, que se remonta no tempo uns 4500 anos. Seguindo os estudos sobre o círculo de Stonehenge, situado en Amesbury (Inglaterra), podería ter un carácter relacionado coa relixión, coa celebración de actos de carácter social, coa observación astronómica dos ciclos da natureza ou con rituais de carácter funerario. En calquera caso, as hipóteses que tratan de explicar o significado destas estruturas só conseguiron alimentar o halo de misterio que as rodea. O círculo da Roda ten un diámetro duns 50 metros e está circundado por un foxo exterior de entre tres e catro metros de diámetro e un de profundidade. O círculo está flanqueado á súa vez por dous muros separados por un foxo que dá lugar á formación dunha estrutura en parapeto que acadaría os 2 metros de altura. Na posible zona de entrada consérvase unha pedra vertical, delimitando o acceso.
 
A existencia de círculos líticos é moi excepcional no continente Europeo, á marxe dos achados nas Illas Británicas. Na provincia de Lugo foi documentada a existencia doutra estrutura megalítica circular na parroquia de Coeses, no municipio de Lugo. Tamén na Mariña Lucense, no municipio do Valadouro, atopamos o misterioso Prado das Chantas, do que se conservan unhas 250 pedras fincadas, e os círculos de As Pedragosas, próximos ao anterior, aínda que ata o de agora non se puido arroxar luz sobre a súa cronoloxía e os seus usos orixinais.