Xeodestino Ancares-Terras de Burón
O xeodestino Ancares-Terras de Burón comprende os municipios de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Láncara, Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Ribeira de Piquín e Sarria.
Na zona oriental da provincia de Lugo atopamos o que podería definirse como o fogar da distancia: ríos encaixados, contrastes altitudinais de ata 1600 metros, pobos onde o tempo parece deterse, camiños de peregrinación, construcións populares que mostran unha íntima conexión do ser humano coa natureza, paisaxes virxes e reliquias de flora e fauna dan forma a un destino singular.
NATUREZA
Ancares- Terras de Burón, xunto coas montañas da Comarca da Fonsagrada, constitúen o maior espazo natural de Galicia. Os diferentes niveis de protección que conflúen no territorio sitúano como un referente internacional no ámbito da conservación e xestión ambiental. E é que nestes quince municipios atopamos as Reservas da Biosfera Eo- Oscos e Terras de Burón e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Ademais, dentro da Rede Natura 2000 inclúese as Zonas de Especial Conservación Ancares- Courel, Cruzul- Agüeira ou a Zona de Especial Protección de Aves de Ancares, sen esquecer a declaración deste espazo natural como Reserva Nacional de Caza, Zona de Especial Protección do Oso Pardo e Paisaxe Pintoresca. Todo iso fai deste xeodestino o escenario ideal para a práctica do ecoturismo e de deportes de natureza como o sendeirismo.
Entre os espazos de maior singularidade botánica integrados nos espazos naturais protexidos destacan os bosques da Marronda, Carballido, o faial da Pintinidoira, o aciñeiral de Cruzul e o souto de Agüeira.
Ancares- Terras de Burón é tamén terra de ríos. Entre os profundos vales discorren os cursos do Eo, o Lor, o Rao, o Ser e o Navia, cuxas augas encora a presa de Salime no municipio de Negueira de Muñiz, por onde este río flúe encaixado nunha contorna singular cuxo microclima propiciou o cultivo da vide.
PATRIMONIO CULTURAL
Os restos arqueolóxicos achados na montaña lucense son testemuñas da ocupación humana do territorio desde épocas temperás. Algúns dos principais vestixios herdados destes primeiros poboadores son a necrópole de Santa Mariña, castros como Santa María en Cervantes ou Castañoso na Fonsagrada, así como o paso da Vía Romana XIX.
No que respecta á arquitectura civil, numerosas fortalezas salpican os cumios de Ancares- Terras de Burón, ocupando privilexiadas posicións que antano permitían dominar o paso de vías de comunicación estratéxicas ou simplemente amosar o poder dos seus donos: castelos como o de Doiras, Doncos, Pobra de Burón ou Navia de Suarna fálannos dunha época na que liñaxes coma o dos Condes de Altamira acadaron unha posición de supremacía na sociedade medieval galega.
Doutra banda, as especiais dificultades da vida na montaña lucense derivadas da súa climatoloxía e da súa orografía supuxeron a necesidade de idear construcións populares adaptadas aos avatares da dureza invernal.
A montaña lucense é o territorio xacobeo por excelencia da provincia. Os Camiños de Santiago Primitivo e Francés inician as súas etapas galegas, respectivamente, polo Alto do Acevo na Fonsagrada e o Alto do Cebreiro en Pedrafita, dous lugares de gran simbolismo nas rutas de peregrinación. Ao longo dos seus trazados atopamos algúns dos exemplos de arte relixiosa máis destacados da provincia, como é o caso do santuario do Cebreiro.
Á importancia deste patrimonio súmanse outros exemplos de arquitectura relixiosa: o convento cisterciense de Penamaior de Becerreá ou a igrexa de Santo André das Nogais.
GASTRONOMÍA
Nas comarcas de montaña, onde a gastronomía está en consonancia co clima e a orografía do terreo, os produtos da matanza e embutidos como o butelo da Fonsagrada ou a androlla de Navia de Suarna enchen de cor os xenerosos cocidos que se prolongan nas tardes de inverno. Ademais, nun territorio que é un auténtico paraíso cinexético, o outono viste as mesas cos inconfundibles sabores da caza con cogomelos ou castañas.
Mención especial merecen produtos agroalimentarios singulares como o queixo do Cebreiro, que conta con Denominación de Orixe propia e cuxa elaboración esténdese á maioría dos municipios que integran o xeodestino.
FESTAS DE INTERESE
As festas máis destacadas de Ancares- Courel son as que teñen a gastronomía e a cultura popular como fío condutor. Festas como a do butelo da Fonsagrada, a festa da androlla de Navia de Suarna, a feira do viño de Negueira de Muñiz, a festa da empanada nas Nogais e a do queixo do Cebreiro, declarada de Interese Turístico, exaltan a riqueza gastronómica da montaña lucense.
No referente á cultura popular, encontros como A Foliada da Fonsagrada rememoran a tradición musical da montaña lucense.
Preme nas seguintes ligazóns para acceder ás webs de Turismo municipais:
A Fonsagrada As Nogais Baleira Becerreá Negueira de Muñiz Ribeira de Piquín Cervantes Navia de Suarna Baralla Láncara Meira Pol Sarria