Portomarín
A década dos anos 50 marcou un antes e un despois na historia de Portomarín e na de todos aqueles pobos que por estar situados na ribeira do Miño verían como as súas vivendas quedarían mergulladas polas augas do encoro de Belesar, chamado a ser o máis grande de Europa na época e inaugurado en 1963.
Situado en pleno Camiño Francés de Santiago, o vello Portomarín fora declarado Conxunto Histórico- Artístico. As súas rúas medievais, o seu patrimonio relixioso, civil e etnográfico e a súa forma de vida ligada ao río convertíano nun referente para a conservación e o estudo do legado social e cultural da provincia de Lugo.
A inminente posta en marcha do salto de Belesar obrigou a tomar medidas para dar á poboación solucións que paliasen a perda das súas propiedades. Xurdiu así un proxecto urbanístico para dar vida a un “novo” Portomarín, unha “vila xardín” deseñada polo arquitecto Pons Sorolla con edificios sociais e vivendas que se entregarían aos habitantes afectados pola construción do encoro. Este novo proxecto contemplou ademais o traslado dos monumentos emblemáticos do vello Portomarín: pazos urbanos, restos da ponte medieval e igrexas románicas como San Pedro e San Xoan forman hoxe parte esencial do pobo. No deseño do actual Portomarín adquire especial protagonismo a Praza Conde de Fenosa, onde se sitúa a Casa Consistorial e a igrexa de San Xoan ou San Nicolás. Este soberbio exemplar de arte románico responde ao prototipo de igrexa- fortaleza e foi propiedade da encomenda de San Xoan de Xerusalén, estreitamente ligada á atención aos peregrinos. Un gran rosetón fai inconfundible a súa fachada, onde tamén destaca a súa portada principal, exemplo da influencia da catedral compostelá na arte local. Esta igrexa foi trasladada pedra a pedra dende o vello Portomarín ata o seu emprazamento actual, conservando nas súas pedras a numeración que permitiu darlle forma de novo.
Actualmente, en determinadas épocas do ano,as augas do encoro de Belesar baixan de nivel, permitindo ver os restos da antiga ponte, o palco da música, a fábrica da luz e numerosos caneiros ou pesqueiras empregados antano para a captura da anguía e que fan lembrar con nostalxia a vida de outros tempos.
E ademais…
* Portomarín atópase na Ribeira Sacra, territorio vinícola por excelencia. Por iso, aquí prodúcese unha das mellores augardentes de Galicia á que se rende homenaxe o Domingo de Resurrección nunha multitudinaria festa.
* Portomarín é un dos fitos de maior relevancia do Camiño Francés. A súa oferta turística está estreitamente relacionada atención ao peregrino. E é que este municipio de pouco máis de 1000 habitantes ve como a súa poboación se multiplica de forma exponencial acollendo a persoas de todo o mundo que deciden embarcarse na aventura do Camiño de Santiago.