Sarria
Situada na zona sur da provincia de Lugo xunto ao río que lle dá nome, Sarria aparece ao longo da súa historia ligada a monarcas, condes e marqueses cuxa herdanza e avoengo déixase notar nos monumentos e casas brasonadas que se conservan no seu casco antigo e nas parroquias próximas.
Xa no século XII, o Rei de Galicia e León Alfonso IX outórgalle a "Carta Puebla", o que a converte en Vila Real con voto en Cortes. A partir do ano 1360, Sarria foi cedida ao Conde de Lemos, pasando a mans dos seus sucesores de xeración en xeración ata o século XIX. O esplendor e intensa actividade experimentados por Sarria ao longo dos séculos, vén dado tamén por ser lugar de paso obrigado en peregrinación cara Santiago de Compostela.
O Camiño Francés actuou así como eixo aglutinador e punto de encontro de persoas de toda condición social e cultural unidos polo obxectivo de chegar á Catedral de Santiago e venerar os restos do Apóstolo. Sarria atópase no quilómetro 111 do Camiño e é elixida cada ano como punto de inicio dos milleiros de peregrinos que percorren esta ruta, declarada Itinerario Cultural Europeo e Patrimonio da Humanidade, coa fin de obter a Compostela, distinción que recoñece a aqueles peregrinos que polo menos percorreron 100 quilómetros a pé ata Santiago.
En Sarria, o Camiño atravesa o seu centro histórico, organizado arredor da Rúa Maior, en cuxas proximidades se levantan monumentos como a escaleira maior, que dá acceso a esta parte da vila; a igrexa de Santa Mariña (s. XIX); a igrexa de San Salvador, románica de transición ao gótico; a fortaleza de Sarria, con orixes no século XIII; o antigo cárcere; a capela de San Lázaro; numerosas casas brasonadas que pertenceron recoñecidos personaxes da vida social e cultural de Sarria e o mosteiro da Magdalena, rexido pola Orde da Mercé, que conserva restos románicos, góticos e do século XVIII.
A visita a Sarria culmina nas numerosas tendas de anticuarios que ilustran unha tradición plenamente arraigada na identidade da vila e que destacan, entre outros atractivos, xunto co museo do pan e co labor de artesáns coma o luthier Xermán Arias.
E ademais…
* Na contorna rural inmediata de Sarria é posible percorrer un sendeiro que segue o curso do río e que forma unha agradable ruta coñecida como o “Paseo das Aceas”.
* A granxa Barreiros, situada na estrada de Portomarín, ofrece propostas de educación ambiental, música e outros talleres para gozar en familia en diferentes épocas do ano.
* Entre as citas anuais máis destacadas deben nomearse a feira do cocido de porco celta, a feira de antigüidades, o San Xoan, a Noite Meiga, o encontro anual de palilleiras ou a feira de San Isidro Labrador.