Ribeira Sacra, a espiritualidade en estado puro

O territorio conformado polo sur da provincia de Lugo e o norte da provincia de Ourense aglutina nas escarpadas ladeiras dos ríos Miño e Sil a maior concentración de románico rural de Europa. Estes templos recrean a través da súa arquitectura unha linguaxe plena de simbolismo configurándose como auténticos libros labrados na pedra que, cunha intención didáctica ou moralizante, falaban ao Home medieval.

Os templos da Ribeira Sacra foron na súa maioría construídos entre finais do século XII e comezos do XIII e neles plásmanse importantes influencias da catedral ourensá e mesmo dos talleres que seguiron a pegada do Mestre Mateo, autor do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela. A maioría dos exemplos máis representativos dos setenta e dous templos que en orixe foron románicos neste territorio manteñen a súa estética orixinal ou ben foron incorporando elementos de épocas posteriores.

Entre os máis destacados edificios debe mencionarse o convento do Divino Salvador de Ferreira de Pantón, hoxe ocupado por relixiosas bernardas e que iniciou a súa andaina como mosteiro dúplice no século X. Do seu conxunto destaca a riqueza escultórica dos canzorros da súa ábsida en contraste coa sobriedade da nave da igrexa. Outros exemplos sobresaíntes do románico son as igrexas de Santo Estevo de Atán, San Miguel de Eiré, San Vicente de Pombeiro e San Fiz de Cangas, todas elas en Pantón; Santo Estevo de Chouzán e San Xoan da Cova en Carballedo, trasladadas desde o seu emprazamento orixinal pola construción do encoro dos Peares na década dos 50; Santo Estevo de Ribas de Miño, San Paio de Diomondi, Santa María de Seteventos, San Vitorio de Ribas de Miño e San Martiño da Cova, auténticas xoias do románico do Saviñao; Santa María de Pesqueiras, San Salvador de Asma, Santiago de Requeixo, San Miguel do Monte ou Santa María de Nogueira en Chantada, esta última considerada a “capela Sixtina” da Ribeira Sacra, pola riqueza das súas pinturas.

En Sober destacan as igrexas de Lobios, Proendos e Pinol; en Taboada, San Pedro de Bembibre e Taboada dos Freires; en Paradela, San Facundo de Ribas de Miño e en Portomarín, San Pedro e San Xoan ou San Nicolás, esta última prototipo de igrexa-fortaleza que constitúe un dos símbolos do Camiño Francés de Santiago e que foi trasladada ata o seu emprazamento actual pedra a pedra debido á construción do encoro de Belesar, que asolagou o vello Portomarín.

Tamén de orixe medieval, concretamente do século X, é San Vicente do Pino, en Monforte de Lemos. Con todo, nada queda do edificio orixinal, xa que a construción do que hoxe en día coñecemos iníciase no século XVI e nel destacan elementos que se enmarcan no Gótico (interior da igrexa), o Renacemento (portada da igrexa) e Neoclasicismo (fachada e claustro do mosteiro). Hoxe acolle un Parador Nacional de Turismo.

Máis información:

Rutas do Románico - Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra: https://turismo.ribeirasacra.org/

Guía do Románico da Ribeira Sacra

 

Románico de Pantón

Divino Salvador de Ferreira
Santo Estevo de Atán
San Miguel de Eiré
San Vicente de Pombeiro

 

Románico do Saviñao

Santo Estevo de Ribas de Miño
San Paio de Diomondi
Santa María de Seteventos
San Vitorio de Ribas de Miño

 

Románico de Chantada

Santa María de Pesqueiras
Santiago de Requeixo
San Miguel do Monte
Santa María de Nogueira

 

Románico de Paradela, Portomarín e Carballedo

San Facundo de Ribas de Miño. Paradela
San Xoan de Portomarín
San Xoan da Cova. Carballedo
Santo Estevo de Chouzán. Carballedo

 

Románico de Sober e Taboada

San Xiao de Lobios
Santa María de Proendos
Taboada dos Freires
San Pedro de Bembibre