Os camiños sagrados

 
belesar
 
Ríos, vides, etnografía, arqueoloxía, bosques segredos… son só algúns dos elementos que aglutinan os sendeiros que percorren un dos grandes tesouros da Galicia interior e cos que descubriremos acolledores lugares onde a beleza deixa de ser un ideal para converterse nunha realidade.
 
A contorna dos Canóns do Sil e do Miño son lugares para percorrer non só en coche ou en catamarán, senón tamén a pé, entrando en comunión coa natureza, co divino e o humano e realizando unha viaxe polos sentimentos dos primeiros eremitas que elixiron estes lugares para instaurar os seus mosteiros.
 
Hoxe atopamos numerosos camiños acondicionados para percorrer esta terra e seguir o curso dos ríos Sil, Miño, Cabe ou Loio. Entre os máis destacados podemos mencionar as rutas “Vides da Ribeira Sacra” que transcorre polo municipio de Sober; o sendeiro homologado Doade- Augasmestas, que se asoma ao abismo do Sil; a ruta Ribeira Sacra do Miño; a ruta do Loio en Paradela, que se adentra nun lugar declarado Espazo Natural de Interese Local; a ruta A Cruz- Pena Pombeira, que ofrece vistas incribles dende algúns dos máis impresionantes miradoiros de Pantón ou a rede de sendeiros do municipio de Quiroga, cuxo privilexiado enclave permite descubrir un espazo de transición entre a Ribeira Sacra e o Courel onde conviven antigas minas romanas, pobos de montaña, patrimonio cultural e etnográfico e Monumentos Naturais de interese xeolóxico como o pregamento sinclinal de Campodola.
 
Nesta ligazón poderás descargar a guía xeral de rutas de sendeirismo da Ribeira Sacra.
 
Descarga aquí a guía de rutas de sendeirismo do municipio de Quiroga.