Os camiños da auga
O xeodestino Lugo- Terra Chá, integrado en gran parte na Reserva da Biosfera Terras do Miño pode definirse como unha terra de pedra e auga. O Pai Miño e os seus tributarios convidan a percorrer as súas ribeiras para aproximarse a tempos onde o Home e o río convivían en perfecta sintonía. Ríos, lagoas, pontes, muíños, caneiros, bosques de inundación e illas fluviais trasládannos a lugares de lenda nos que habitan seres míticos doutro tempo.
Entre os sendeiros máis destacados, non podemos esquecer os que circundan a modo de cinto verde a cidade de Lugo. Os paseos fluviais do Miño e do Rato son o seu verdadeiro pulmón e un dos lugares favoritos dos lucenses para estar en contacto coa natureza sen saír da súa cidade.
Os ríos que percorren A Terra Chá e os municipios contiguos destacan pola súa suave calma. A horizontalidade do terreo permítelles describir trazados sinuosos que abrazan illas fluviais convertidas en verdadeiros santuarios de natureza e que poden visitarse seguindo camiños como o das Insuas do Miño en Rábade e Outeiro de Rei. Noutros municipios como Guitiriz a auga dá nome a unha das principais rutas de sendeirismo da provincia. En Castro de Rei, o río Azúmara percorre lugares de interese paisaxístico e patrimonial como o castro de Viladonga. En Xermade, 2 quilómetros de camiño percorren a contorna do río Trimaz; en Meira, unha ruta pola contorna da Serra une os cursos do Miño e do Eo e na Ulloa, os torrentes do Mácara ofrecen a súa mellor perspectiva desde o camiño que transcorre pola súa beira.
A lagoa de Cospeito e outras zonas húmidas da Terra Chá están tamén presentes na oferta destinada ao ecoturismo, destacando os sendeiros homologados de pequeno percorrido denominados “Ruta das Lagoas” en Cospeito e “ Augas de Fonmiñá” na Pastoriza, que segue os primeiros pasos do Río Miño.
Podes consultar outras rutas aquí.