Os camiños da montaña
Mustallar, Tres Bispos, Formigueiros, Pía Paxaro… son os lugares da provincia de Lugo máis próximos ao ceo e protagonistas dalgúns dos sendeiros máis míticos que a percorren. Dende estas atalaias as estampas son sobrecolledoras e non queda outra que sentirse pequeno ante a inmensidade da montaña.
E é que Ancares- Courel é o destino de natureza por antonomasia. Aquí a práctica de actividades ao aire libre é obrigatoria e non hai mellor maneira de comezar que botándose a andar, mochila ao ombreiro, e deixarse embriagar polo espírito aventureiro que será o mellor compañeiro de viaxe.
Algúns dos camiños máis destacados son os que nos levan a percorrer o corazón de tesouros botánicos como a Devesa da Rogueira, no Courel, ou a ruta da Marronda- Alto Eo en Baleira. Os camiños ao Pico Mustallar dende Piornedo ou a Tres Bispos dende A Campa da Braña ofrécennos as estampas máis coñecidas dos Ancares. Por outra banda, sendeiros fluviais como a ruta Quintá- Río Donsal en Becerreá ou as rutas do Ser, a garganta do Rao ou a ruta do río de pé, entre outras, en Navia de Suarna, achegarannos aos enérxicos ríos que atravesan a montaña en busca do mar.
Igualmente, na antesala do Courel, tamén o municipio de Quiroga dirixe os seus camiños cara estas montañas tomando como referencia puntos emblemáticos no trazado dos seus sendeiros, caso da fervenza de Vieiros, a lagoa de Lucenza ou as rutas dende A Seara cara Rugando ou cara Pía Paxaro. Outras rutas características son as que seguen o rastro da minería do ferro no Incio, os camiños da Fonsagrada como as rutas Liñares de Bidul, Pena Guímara, Forno do Bolo ou a que conduce á seimeira de Vilagocende. Todo iso sen esquecernos da completa rede de sendeiros do municipio de Cervantes, verdadeiro corazón dos Ancares.
Podes consultar outras rutas aquí.