Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación potencia en Xantar a gastronomía como atractivo para impulsar o turismo de calidade

turismo
XANTAR
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo participou este sábado na feira gastronómica para conmemorar o Día da Provincia de Lugo, que contou cunha degustación de produtos de porco celta e viño da DO Ribeira Sacra no expositor da institución provincial

“É unha ventá ao mundo na que amosar a riqueza e a variedade gastronómica da que gozamos na nosa provincia, o que supón unha oportunidade para consolidar o modelo turístico sostible, de calidade e experiencias, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio polo que traballamos dende a Deputación”

A Deputación de Lugo celebrou este sábado no 24º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2023, o Día da Provincia coa participación da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, nos actos celebrados durante a xornada. Ademais, a institución provincial contou no expositor cunha degustación de produtos de porco celta e de viño con DO Ribeira Sacra, cedidos pola asociación de produtores e o Consello Regulador, respectivamente.

García Porto destacou que esta cita “é unha ventá ao mundo na que amosar a riqueza e a variedade gastronómica da que gozamos na nosa provincia e que supón unha oportunidade para o modelo de turismo sostible, de calidade e de experiencias, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio polo que traballamos dende a Deputación”.

Realizou un balance sobre o valor gastronómico da provincia de Lugo grazas “ás razas autóctonas, os queixos, os produtos do mar ou os da terra. Sen esquecerme dos nosos caldos, da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e da estreada IXP Terras do Navia, que encaixan con calquera comida”.

“Ano tras ano vimos a Xantar para presentar a nosa provincia, a oferta que temos e as nosas potencialidades, que permiten que Lugo sexa un referente gastronómico pero tamén cultural. Facémolo da man dos concellos, pero tamén dos Consellos Reguladores de Denominación de Orixe, dos Consellos Reguladores de Agricultura Ecolóxica, das Indicacións Xeográficas Protexidas e das Asociacións de Criadores de Razas Autóctona”, afirmou a Deputada.

A institución provincial participou tamén esta semana na feira de turismo Fairway 2023, na que expuxo o potencial xacobeo da provincia a través das diferentes rutas do Camiño de Santiago que transcorren polos concellos lucenses.