transromanica

 

O vindeiro día 9 de maio do 2024 celebramos en toda Europa o Día da TRANSROMANICA. 

A Deputación de Lugo, como membro desta entidade que promove o patrimonio románico no continente europeo como fonte de desenvolvemento e riqueza, ofrece unha serie de visitas guiadas de carácter gratuíto os días 04, 05, 09, 11 e 12 de maio do 2024 co fin de achegar á cidadanía algúns dos monumentos máis representativos desta arte na nosa provincia. 

 

1
2
3
4

 

Condicións das visitas

  • As visitas serán de carácter gratuíto e os desprazamentos ata os monumentos deberanse facer por conta das persoas participantes.
  • As prazas ofertadas asignaranse por rigorosa orde de inscrición.  
  • Os desprazamentos entre as igrexas realizarase nos vehículos particulares, agás no caso das visitas á catedral e Lugo e cidade medieval  e Viveiro (que se realizará integramente a pé). No caso das igrexas de Santa María de Meira e San Martiño de Mondoñedo, só se visitarán os monumentos.
  • Para os itinerarios, recoméndase levar calzado cómodo, auga e chaqueta para a visita ao interior dos monumentos.
  • Os menores de idade deberán ir acompañados polos pais/nais ou titores/as legais. 
  • As inscricións abriranse dende o día 29 de abril ata esgotar prazas, ou ben ata o venres anterior á actividade correspondente ás 12:00 horas na seguinte ligazón.

 

1
2
2
Vilar de Donas

Rutas


Sábado 04 de maio do 2024

 

O ROMÁNICO DAS TERRAS DA ULLOA: ANTAS DE ULLA (10:30 horas do 04/05/2024).

Duración: 3 horas.

Número de prazas: 25

Desprazamento: en vehículos particulares.

Punto de encontro: indicarase por correo electrónico ás persoas que se inscriban nesta actividade.

Monumentos que se visitan: Igrexa de San Xoan, Igrexa de Santiago de Amoexa, Igrexa de Santa Mariña de Amarante.

Descrición da actividade:

O patrimonio arquitectónico de Antas de Ulla é tan amplo como variado. O seu esplendor en época medieval materializouse en magníficos exemplos tanto civís coma relixiosos. Destes últimos daremos conta nesta visita, coñecendo da man dun guía oficial as igrexas de San Xoan, Amoexa e Sta. Mariña de Amarante. O “Condado Ulliensis” do recoñecido Códice Calixtino é unha boa testemuña do románico lucense. Anímate a descubrilo nesta ruta!

 

O ROMÁNICO DAS TERRAS DA ULLOA: PALAS DE REI E MONTERROSO (16:30 horas do 04/05/2024).

Duración: 03:00 horas.

Número de prazas: 25

Desprazamento: en vehículos particulares.

Punto de encontro: indicarase por correo electrónico ás persoas que se inscriban nesta actividade.

Monumentos que se visitan: igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, igrexa de San Cristovo de Novelúa e igrexa de San Miguel de Esporiz

Descrición da actividade:

Esta ruta adícase aos exemplares máis senlleiros e destacables do medievo nos concellos lucenses de Palas de Rei e Monterroso. Así, comezaremos o noso percorrido no antigo Mosteiro de San Salvador de Vilar de Donas, unha das xoias do románico lucense. A súa orixe monástica será a que xustifique a súa espectacularidade.  Seguiremos o noso camiño cara as veciñas igrexas de San Cristovo de Novelúa e San Miguel de Esporiz, mostra da proliferación de templos de estilo románico favorecida polo paso do Camiño de Santiago. 

O ROMÁNICO NO XEOPARQUE MONTAÑAS DO COUREL (16:30 horas do 04/05/2024).

Duración: 2 horas e media

Número de prazas: 25

Desprazamento: en vehículos particulares.

Punto de encontro: indicarase por correo electrónico ás persoas que se inscriban nesta actividade.

Monumentos que se visitan: San Clodio de Ribas de Sil, Santa María do Torbeo e San Salvador de Hospital.

Descrición da actividade

Durante esta visita guiada achegarémonos ao románico do Xeoparque das Montañas do Courel En primeiro lugar, dirixirémonos a San Salvador de Hospital, onde descubriremos unha igrexa con orixes nos séculos XII-XIII que conserva a ábsida primitiva mesturado diferentes estilos. Ademais, neste espazo conflúen diferentes tipos de arquitectura: militar, civil e relixiosa. A continuación, desprazarémonos ata a Abadía de San Clodio, en Ribas de Sil, cuxa referencia máis antiga data de 1151. A nosa última visita será a igrexa de Santa María de Torbeo, integrada na ruta TRANSROMANICA europea, que se ben data dos séculos XII-XIII, a existencia de vestixios visigóticos e mozárabes noutros materiais permítennos especular coa existencia de un templo primitivo anterior.


Domingo 05 de maio do 2024

O ROMÁNICO DE CHANTADA (11:00 horas do 05/05/2024).

Duración: 2 horas e media

Número de prazas: 25

Desprazamento: en vehículos particulares.

Punto de encontro: indicarase por correo electrónico ás persoas que se inscriban nesta actividade.

Monumentos que se visitan: igrexas de San Salvador de Asma e Santa María de Nogueira de Miño.

Descrición da actividade

Chantada atópase no epicentro de Galicia e en plena Ribeira Sacra, lugar singular escollido no medievo para o retiro espiritual. Así, destaca San Salvador de Asma, mosteiro con orixe en época prerrománica e con moitos cambios ao longo da súa historia pero cun legado románico significativo. A súa ábsida, do século XII, mostra as formas de facer do medievo. Ademáis, destacan os motivos escultóricos, de boa factura e cun nome propio: O mestre de Asma.

Outra das xoias do concello é Santa María de Nogueira de Miño, situada nun enclave fermosísimo, na cima do Cabo do Mundo, é todo un espectáculo de templo. A súa orixe románica dá paso a un programa pictórico no seu interior que lle vale o sobrenome da “Capela Sixtina galega” que non deixa impasible a ninguén. Unha mistura de estilos que se complementan e fan dela un grande reclamo en toda a Ribeira Sacra.

BASÍLICA DE SAN MARTIÑO DE MONDOÑEDO EN FOZ (10:30 horas do 05/05/2024).

Duración: 1 hora e 15 minutos

Número de prazas: 25

Punto de encontro: entrada da Casa rectoral de San Martiño de Mondoñedo (Foz)

Monumentos que se visitan: Basílica de San Martiño de Mondoñedo en Foz

Descrición da actividade

Na visita á Basílica de San Martiño de Mondoñedo (finais do S. XI - principio do S.XII) falaremos da historia e edificación do templo como das súas etapas construtivas, citando algunha das actuacións de restauración feitas ao longo do tempo como o desencalo das paredes que deixaron á vista os frescos do Románico mais antigos de Galicia (1º 1/3 do s. XII), que xunto cos frescos Barrocos conforman un interesante programa iconográfico. Tamén exporemos a iconografía dos relevos dos distintos capiteis sen esquecer o impresionante retablo petreo que destaca no centro da ábside principal. 

TABOADA, O ROMÁNICO MENOS COÑECIDO (16:30 horas do 05/05/2024).

Duración: 4 horas

Número de prazas: 25

Desprazamento: en vehículos particulares.

Punto de encontro: indicarase por correo electrónico ás persoas que se inscriban nesta actividade.

Monumentos que se visitan: igrexas de Taboada dos Freires, San Pedro de Bembibre, Santa María de Castelo e Santa María de Piñeira.

Descrición da actividade

No sur da provincia lucense atópase o concello de Taboada, ao abrigo da serra do Monte Faro, o Monte do San Cristovo, e acompañado polo río Miño no seu transcurso cara as terras de Chantada e O Saviñao.

Neste concello, xúntase un importante patrimonio natural e cultural: bosques autóctonos, pazos, casas grandes, esgrafiados, románico… e unha forte tradición vinculada ao río e ao viño, onde as paisaxes de ribeira son escenarios de calma, historia e beleza. 

Taboada esconde verdadeiras xoias arquitectónicas que son unha importante representación dun románico rural moi latente na Ribeira Sacra, e que nos falan da súa historia medieval. A través desta visita farase un recorrido que permitirá coñecer o románico máis representativo deste lugar, e que resulta ser un dos seus principais atractivos.

Comezarase na igrexa de San Pedro de Bembire, unha das imaxes máis identificativas de Taboada, debido ao seu valor histórico e artístico. Un templo moi vinculado aos Condes de Taboada. 

Continuarase cara a igrexa de Taboada dos Freires, un lugar que foi clave na contorna, e que conta con elementos arquitectónicos de gran valor, coma o tímpano da súa portada principal onde se pode ver unha representación de Sansón vencendo a un león. 

A ruta sigue o seu camiño ata chegar a Santa María de Piñeira para descubrir un dos templos máis ricos arquitectonicamente, e que agocha elementos sorprendentes tanto no seu exterior, coma no seu interior onde , por exemplo, atoparemos un interesante baldaquino do S. XV. Finalizarase en Santa María de Castelo para coñecer un pequeno templo que agocha grandes tesouros da súa época románica, tales como a fiestra do testeiro ou o seu arco triunfal conservado e emprazado no seu interior.

A visita ao románico de Taboada permite viaxar ao seu pasado monacal a través da interpretación dos seus templos, nun contexto rural cargado de historia e paisaxes sorprendentes.

O ROMÁNICO URBANO. VISITA A UNHA IMPORTANTE VILA MEDIEVAL DO REINO DE GALICIA: VIVEIRO (17:00 horas do 05/05/2024)

Duración: 1 hora e media

Número de prazas: 25

Desprazamento: a pé polo casco histórico da vila

Punto de encontro: indicarase por correo electrónico ás persoas que se inscriban nesta actividade.

Monumentos que se visitan: igrexa de Santa María do Campo e casco antigo de Viveiro.

Descrición da actividade

Visita guiada á vila histórica de Viveiro, que atesoura un gran patrimonio arquitectónico e moitas historias. Vila mariñeira e de gremios medievais que medra nos tempos do rei Afonso IX a finais do século XII. Un paseo polas súas rúas e prazas, que nos permitirá interpretar a fisionomía urbana medieval, achegándonos ao patrimonio relixioso e militar-defensivo do románico: Porta da Vila, área arqueolóxica do Valado e igrexa de Santa María do Campo.

 


Xoves 09 de maio do 2024

 A CATEDRAL DE LUGO E A CIDADE MEDIEVAL. (11:00 horas do 09/05/2024).

Duración: 2 horas e media

Número de prazas: 25

Desprazamento: percorrido a pé.

Punto de encontro: indicarase por correo electrónico ás persoas que se inscriban nesta actividade.

Monumentos que se visitan: Catedral de Lugo e percorrido polo casco antigo.

Descrición da actividade

Do mesmo xeito que o rei Alfonso II se marabillou da Catedral dos tempos do bispo Odoario, os peregrinos actuais do Camiño Primitivo continúan admirando este templo declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. A influencia da Catedral de Santiago na construción orixinal románica compleméntase con achegas posteriores do Gótico, o Renacemento, o Barroco e o Neoclasicismo. Dende o corazón do Burgo Vello medieval, a visita á Catedral de Santa María e mailo seu entorno lévanos a través dunha viaxe no tempo que enlaza cos primeiros templos cristiáns en época romana. .


Sábado 11 de maio do 2024

O ROMÁNICO NO CAMIÑO DE SANTIAGO: PORTOMARÍN E PARADELA (11:00 horas do 11/05/2024).

Duración: 3 horas.

Número de prazas: 25

Desprazamento: en vehículos particulares entre Portomarín e San Facundo. Se as condicións metereolóxicas o permiten e, de ser posible dende o punto de vista organizativo, farase un percorrido a pé duns 500 metros para acceder a San Facundo de Ribas de Miño seguindo o denominado “Camiño Vello de Aldosende”. En caso contrario, chegarase en coche ata San Facundo de Ribas de Miño. 

Punto de encontro: indicarase por correo electrónico ás persoas que se inscriban nesta actividade.

Monumentos que se visitan: San Xoan de Portomarín, San Pedro de Portomarín e San Facundo de Ribas de Miño (Paradela)

Descrición da actividade

As Ordes de Santiago e de San Xoán de Xerusalén desenvolveron unha labor moi activa protexendo o Camiño e a comunidade cristiá durante o medievo. Aínda despois da construción do embalse de Belesar que transformou a vila de Portomarín para sempre, a igrexa-castelo de San Xoán ou San Nicolás perdura como testemuña do gran poder que acadaron as ordes hospitalarias na Idade Media. Do mesmo xeito, tamén foron fundamentais no Camiño de Santiago numerosos mosteiros ubicados nun entorno natural estratéxico para dar acollida e apoio aos peregrinos, como a igrexa do desaparecido mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño.

MONFORTE MONUMENTAL  (10:30 horas do 11/05/2024)

Duración: 2 horas e media

Número de prazas: 25

Desprazamento: en coches particulares entre San Pedro de Ribas Altas e Monforte de Lemos. A pé polo casco antigo de Monforte.

Punto de encontro: indicarase por correo electrónico ás persoas que se inscriban nesta actividade.

Monumentos que se visitan: igrexa románica de San Pedro de Ribas Altas e conxunto monumental de San Vicente do Pino.

Descrición da actividade

A ruta dará comezo na igrexa románica de San Pedro de Ribas Altas, onde poderemos ver unha clásica construcción do século XII que, segundo a documentación do templo, foi encargada por Alfonso IX á igrexa de Lugo. A continuación, dirixirémonos en coche cara Monforte, onde aparcaremos no lugar indicado pola guía e continuaremos a pé cara ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, núcleo orixinario de Monforte onde se levantou o denominado Castro Dactonium e que hoxe ocupa o mosteiro de San Vicente do Pino (hoxe Parador de Turismo), e a Torre da Homenaxe.

Por último, daremos un agradable paseo ata chegar á igrexa da Régoa onde se garda a patroa da cidade, a Virxe de Monserrat.

O SAVIÑAO, O ROMÁNICO CON VISTAS AO MIÑO (16:30 horas do 11/05/2024).

Duración: 2 horas e media

Número de prazas: 25

Desprazamento: en vehículos particulares.

Punto de encontro: indicarase por correo electrónico ás persoas que se inscriban nesta actividade.

Monumentos que se visitan: igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño, San Paio de Diomondi e San Martiño da Cova.

Descrición da actividade

Este itinerario, que realizaremos cun guía oficial, inclúe a visita a tres dos templos máis representativos do románico do Saviñao: Santo Estevo de Ribas de Miño, xoia do románico da Ribeira Sacra, con influencia do Mestre Mateo; San Paio de Diomondi, obra arquitectónica con interesante simboloxía situada no Camiño de Inverno de Santiago de Compostela, no inicio da calzada dos Codos de Belesar, e San Martiño da Cova, que se atopa nunha pintoresca localización, co río Miño aos seus pés.

Durante a visita achegarémonos tamén ata o novo miradoiro do Cabo do Mundo, onde contemplaremos os característicos bancais da Ribeira Sacra, e á súa coñecida viticultura heroica

SARRIA: O ROMÁNICO NOS HOSPITAIS MEDIEVAIS DE PEREGRINOS (16:30 horas do 11/05/2024).

Duración: 2 horas e media

Número de prazas: 25

Desprazamento: en vehículos particulares entre Sarria e Santiago de Barbadelo. Percorrido a pé polo casco histórico de Sarria. 

Punto de encontro: indicarase por correo electrónico ás persoas que se inscriban nesta actividade.

Monumentos que se visitan: Santiago de Barbadelo e casco antigo de Sarria.

Descrición da actividade

A evolución do Camiño Francés e a rede de hospitais de peregrinos supuxo un gran desenvolvemento para a vila de Sarria durante a Idade Media. A estética do románico estivo sempre presente nos espazos de acollida aos peregrinos que aínda hoxe admiramos como exemplos dun patrimonio artístico e cultural único. A igrexa de San Salvador, o hospital de San Lázaro ou a igrexa de Santiago de Barbadelo, entre outros, continúan sendo un símbolo do protagonismo de Sarria na historia da peregrinación a Compostela

 


Domingo 12 de maio do 2024

TESOUROS DO ROMÁNICO RURAL EN LUGO E GUNTÍN (11:00 horas do 12/05/2024).

Duración: 2 horas

Número de prazas: 25

Desprazamento: en vehículos particulares.

Punto de encontro: indicarase por correo electrónico ás persoas que se inscriban nesta actividade.

Monumentos que se visitan: Igrexa de San Miguel de Bacurín (Lugo) e Santa María de Mosteiro (Guntín).

Descrición da actividade:

o románico rural, símbolo identitario da arte galega, agocha innumerables tesouros aínda descoñecidos. En San Miguel de Bacurín sorprende a forza das imaxes escultóricas empregadas pola Igrexa para instruir ao pobo nunha época na que apenas había acceso á educación. Mentres que en Santa María de Mosteiro destacan as pinturas murais co mesmo valor didáctico e que foron recuperadas tras séculos ocultas baixo as paredes da igrexa parroquial

IGREXA DE SANTA MARÍA DE MEIRA (11:00 horas do 12/05/2024).

Duración: 1:30 horas

Número de prazas: 25

Punto de encontro: porta principal da igrexa de Santa María de Meira.

Monumentos que se visitan: igrexa de Santa María de Meira.

Descrición da actividade

A grandiosa igrexa -hoxe parroquial-, o edificio do mosteiro convertido en Consistorio e a praza do Convento, forman parte do cenobio cisterciense fundado en Meira no século XII, que sobreviviu ata o 1835 chegando a ser Facultade de Filosofía e Letras. A austeridade desta orde contraponse cos retablos barrocos e as pinturas murais da sala das reliquias.
Tanto o sartego de Dona María de Bolaño e a lápida de Frei Atanasio Zepeda, como as magníficas e orixinais ferraxes da porta principal ou o edificio e claustro do Colexio Maior, mostran a grandiosidade que tivo no seu día esta abadía de orixe francesa.

PANTÓN, A RUTA DO MONACATO FEMININO (11:00 horas do 12/05/2024).

Duración: 2 horas e media 

Número de prazas: 25

Desprazamento: en vehículos particulares.

Punto de encontro: indicarase por correo electrónico ás persoas que se inscriban nesta actividade.

Monumentos que se visitan: Divino Salvador de Ferreira de Pantón,  San Miguel de Eiré e San Fiz de Cangas 

Descrición da actividade

Comezaremos esta interesante visita polo monacato feminino da zona polo Mosteiro Cisterciense de Ferreira de Pantón, sendo un expoñente da simboloxía do románico da provincia lucense e o único que continúa con vida monástica ininterrompida dende a súa fundación. A continuación, dirixirémonos a San Miguel de Eiré, onde se pode gozar dun templo románico único na Ribeira Sacra debido ao seu falso cruceiro que se erixe para levantar un pesado campanario que ofrece robustez á construción. Para rematar, visitaremos á igrexa de San Fiz de Cangas, veremos o calvario románico do século XII-XIII e o interior deste templo dividido en tres naves.

DEZ SÉCULOS NO CONCELLO DE SOBER: DOS ROMANOS AO ROMÁNICO  (16:30 horas do 12/05/2024).

Duración: 2 horas

Número de prazas: 25

Desprazamento: en vehículos particulares.

Punto de encontro: indicarase por correo electrónico ás persoas que se inscriban nesta actividade.

Monumentos que se visitan: San Vicente de Pinol e Santa María de Proendos.

Descrición da actividade

Comezaremos esta visita no Horreum Romano de Proendos, sito en dita parroquia, para achegarnos ao pasado romano do concellos e a este peculiar descubrimento único na área noroeste da Península Ibérica. A continuación, acercarémonos á igrexa parroquial de Proendos, antigamente parte dun mosteiro e que hoxe, ademáis de conservar partes románicas como a portada, descúbrenos un mundo de cor coas súas pinturas do século XVI. Continuaremos a tarde na igrexa románica de San Vicente de Pinol, a cal nos aproxima a un curioso pasado flanqueado por San Cristovo.
Aproximándonos ao remate, finalizaremos no miradoiro de Santiorxo, que ofrece unha das vistas máis impresionantes do Canón do Sil, e, dende onde poderemos apreciar parte do Mosteiro de Santa Cristina.

 

 

 

 

 

Taboada dos Freires
2
Proendos
4