Deputación de Lugo
Turismo

Labores de mantemento de Naturgy no encoro dos Peares obrigan a suspender dende mañá as rutas en catamarán polo Miño

turismo
rutas fluviais
Rutas catamarán
A empresa vén de comunicarlle á Deputación de Lugo que realizará tarefas nas comportas da presa para as que reducirá o nivel da auga, o que imposibilita que as embarcacións poidan navegar con seguridade

A institución provincial porase en contacto coas persoas que xa formalizaran as súas reservas ofrecéndolle a devolución do importe do billete ou a alternativa de realizar a ruta polo Sil, dende Monforte de Lemos, que se manterá operativa ata finais de ano

A Deputación de Lugo informa de que a empresa Naturgy Generation SLU, titular dunha concesión para o aproveitamento de auga no río Miño con destino á produción de enerxía eléctrica, vén de comunicarlle que ten previsto realizar nos próximos días un descenso do nivel do encoro dos Peares para realizar o mantemento das comportas da presa. Isto imposibilita a navegación con seguridade das rutas fluviais da Deputación polo Miño, que parten de Belesar (O Saviñao), polo que a institución provincial vese na obriga de suspender este servizo a partir de mañá mércores, 25 de outubro, ata fin de temporada. 

A Deputación porase en contacto coas persoas que xa fixeran a súa reserva para desfrutar desta ruta polo Miño, informándoas da situación e facilitándolles a opción da devolución do importe do billete ou a alternativa de trocar o billete polo da ruta polo Sil, que si estará operativa.

A ruta polo Sil funcionará ata decembro
No caso da ruta polo Sil, esta semana hai viaxes de mércores a domingo. Logo haberá rutas o día de Todos os Santos, o 1de novembro, con dúas viaxes pola mañá e dúas pola tarde. O resto do mes de novembro só haberá percorridos durante as fins de semana e, en decembro, as rutas desenvolveranse dende o 2 ao 10 de decembro todos os días, con  motivo da Ponte da Constitución. 

Para información e reservas, as persoas interesadas poden dirixirse á web https://reservas.rutasembalses.es ou chamando ao: 982 26 01 96 en horario de 9:00 a 20:00 horas de luns a domingo.