Deputación de Lugo
Turismo

Máis de 30 postos enchen a XXIX Festa da Androlla de Navia de Suarna, na que se venderán máis de 3.000 quilos deste produto

Navia de Suarna
Festa da Androlla
Presentación da XXIX Festa da Androlla de Navia de Suarna
A cita terá lugar o vindeiro 3 de marzo e xerará un volume de negocio superior aos 15.000 euros. O Executivo Provincial apoia a celebración desta feira, co fin de pór en valor este produto autóctono e dinamizar a actividade do Concello

Esta festa leva xa 29 anos celebrándose, sendo unha das citas do entroido máis importantes da provincia polo éxito de participación. En total, poñeranse á venda uns 3.000 quilogramos de androlla, a un prezo medio de 6 euros

A praza do Concello estará chea de postos de produtos do pais, así como de artesanía. Cada ano, son máis os produtores que quedan en espera pois o espazo para postos de alimentación énchese sempre ao 100%.

Cómpre subliñar que a produción anual deste produto no Concello de Navia de Suarna supera os 30.000 quilogramos, véndose incrementada nas datas previas á Festa

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, e o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, presentaron este xoves no Pazo de San Marcos a XXIX Festa da Androlla, que se celebrará neste municipio da Montaña Lucense o próximo domingo 3 de marzo, coincidindo co domingo de entroido. Fixérono acompañados por unha produtora, Mª Carmen Sánchez, que explicou como é o proceso de elaboración e cociñado da androlla. Trátase dun evento totalmente consolidado que se leva celebrando 29 anos, converténdose nunha das citas do entroido máis importantes da provincia, xa que move a unhas 2.000 persoas ao longo do día.

É tamén unha oportunidade única para promover a economía do municipio pois ademais de ofrecer 200 quilos de androlla de xeito totalmente gratuíto, poranse á venda uns 4.000 quilos de todo tipo de produtos do país, entre os que destacan uns 3.000 de androlla. Cómpre subliñar que a produción anual deste produto cárnico supera os 30.000 quilogramos.

A praza do Concello estará chea de postos, uns 30, nos que ademais de produtos cárnicos, destacan os de produtos como a tradicional rosca de Navia, queixos, cerámica, ourivaría, mel, navallas, artesanía e outros produtos da montaña luguesa. Cada ano, son máis os artesáns e produtores que quedan en espera pois o espazo existente énchese sempre ao 100%.
 
O Goberno da Deputación apoia a celebración desta feira, co fin de por en valor este produto autóctono e dinamizar durante a fin de semana a actividade no Concello de Navia.

O Alcalde, que agradeceu a colaboración da Deputación así como o traballo feito pola produtora, apuntou que “cada ano vén máis xente á Festa, superando as expectativas e vendendo todo os produtos. Non podemos pedir máis”.

O programa da Festa
-    10:00 horas: Pasarrúas a cargo dun grupo de Gaitas
-    10:00 horas: III Ruta da Androlla 4x4 no circuíto da Grandela
-    10:30 horas: Apertura de Stands e comezo da XXIX Festa da Androlla
-    13:00 horas: Degustación de Androlla na Praza da Vila
-    15:00 horas: Xantar Oficial
-    18:00 horas: Actuación dun grupo de Gaitas e Clausura da Festa