Deputación de Lugo
Turismo

O Goberno da Deputación pon en valor as festas gastronómicas do mar no salón turístico de Xantar

turismo
XANTAR
Eduardo Vidal Baamonde
salón xantar
- Vidal Baamonde participou nunha nova xornada do XX Salón do Turismo Gastronómico, que se está a celebrar en Expourense. A Deputación conta cun stand propio a través do que promove a provincia de Lugo e os seus produtos autóctonos
- Vidal Baamonde subliñou que “o turismo gastronómico é un piar fundamental no desenvolvemento deste sector na provincia lucense. Por iso, dende o Goberno achegamos ao longo do ano máis de 100.000 euros para facer posible a celebración de 28 citas gastronómicas ao longo do noso territorio”
- O Deputado engadiu que “a pesca é un dos sectores punteiros da nosa economía, non en vano, contamos con dous dos principais puntos de descarga de pesca fresca de Europa: o porto de Celeiro, en Viveiro, e o porto de Burela”

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, participou este venres no Día do Mar, enmarcado no XX Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se está a celebrar en Expourense ata o vindeiro domingo. O Goberno da Deputación conta cun espazo propio nesta feira no que está a amosar o gran potencial gastronómico da provincia de Lugo a través da divulgación de novo material turístico e degustacións de alimentos típicos lucenses: embutidos de Porco Celta, fabas de Lourenzá e viños DO Ribeira Sacra.

Vidal Baamonde subliñou que “tres de cada catro españois viaxan motivados pola gastronomía. Neste caso, a nosa riqueza culinaria, a gran calidade dos nosos produtos autóctonos e as numerosas festas gastronómicas da nosa provincia, constitúen unha motivación extraordinaria para que máis turistas nos veñan a visitar. Na nosa provincia celebramos numerosas festas gastronómicas entorno aos produtos do mar destacando a Feira do Bonito, de Burela; a Festa do Berberecho, de Foz; a Festa da Merluza do Pincho en Viveiro, a festa do Ourizo e do Mexilón en Cervo; a festa do Pulpo en Xove ou a festa do Percebe en Ribadeo”.

Durante a xornada deste venres celebrouse, así mesmo, o Día da Provincia de Lugo. Con este motivo, todas as persoas que se achegaron ao stand da Deputación recibiron un pequeno agasallo composto por unha bolsa de tea, unha libreta e un bolígrafo, todo rotulado co lema promocional da provincia: Lugo Cambia.

A Deputación achega 100.000 euros para impulsar 28 citas gastronómicas
O Deputado de Turismo subliñou que “o turismo gastronómico é un piar fundamental no desenvolvemento deste sector na provincia lucense, pois contamos con  produtos de primeira calidade que, sen dúbida, xustifican o lema... E para comer Lugo. Por iso, dende o Goberno Provincial achegamos ao longo do ano máis de 100.000 euros para facer posible a celebración de 28 citas gastronómicas ao longo do noso territorio. Facémolo, ademais, dentro da nosa aposta por potenciar cada un dos recursos dos nosos Concellos como un valor diferencial que nos converten nunha provincia única, que cambia de recuncho a recuncho”.

Vidal Baamonde engadiu que “visitando a provincia pódese gozar, na zona norte, ademais das fermosas e extensas praias, bañadas polo mar Cantábrico, de produtos pesqueiros de altísima calidade, demandados polo mercado nacional e internacional. Entre eles atópanse a merluza do pincho ou o bonito, dous dos produtos do mar que contan con maior prestixio gastronómico en Galicia. Como sabedes, a pesca é un dos sectores punteiros da nosa economía, non en vano, contamos con dous dos principais puntos de descarga de pesca fresca de Europa: o porto de Celeiro, en Viveiro, e o porto de Burela”.

O Deputado apuntou que “os produtos do mar son capaces de xerar unha enorme riqueza, cun volume de negocio de máis de 125 millóns de euros só para a provincia de Lugo, e de dar emprego a miles de familias lucenses. Motivo polo que en conxunto coa Mancomunidade da Mariña, Asociacións de Hostaleiros, entidades, e profesionais estamos a impulsar os produtos autóctonos e, como non pode ser doutro xeito, os produtos do mar cos que contamos e que son de primeira calidade”.