Serra do Xistral: o fogar das néboas
Na Reserva da Biosfera Terras do Miño, a de maior extensión de Galicia, a auga imprime o carácter dun territorio onde as lagoas, os vales fluviais e a montaña acollen ecosistemas e hábitats de extraordinaria riqueza e fraxilidade que forman un gran mosaico de unidades paisaxísticas. É precisamente nunha das zonas de máxima protección da Reserva, pertencente á maior rede de espazos naturais protexidos da Unión Europea, a Rede Natura 2000, onde se atopa un hábitat de turbeiras de cobertor único no sur do continente europeo: o Xistral, unha serra con nome de vento que marca o rebordo da Reserva da Biosfera entre a costa e a comarca de Terra Chá.
A Serra do Xistral caracterízase pola súa altitude moderada, acadando a máxima cota no alto do Cadramón, con 1062 metros. Aquí teñen a súa orixe algúns dos ríos que deixan as súas augas no Cantábrico: o Ouro, o Masma, o Sor e o Landro e no Atlántico (o Eume).
O Xistral é o fogar do vento, a néboa e a choiva. A súa peculiar climatoloxía modelou unha paisaxe onde nas turbeiras de pastos campan manadas de cabalos en liberdade. Ademais, o seu peculiar clima fai posible a presenza de especies endémicas como brezais húmidos e secos, a drosera, o esfagno ou os bosques de freixos, salgueiros e ameneiros, entre outros. Entre a fauna, destaca a presenza de réptiles como a lagarta das turbeiras, que ten aquí o seu límite de distribución occidental na Península Ibérica.
Nas inmediacións deste espazo natural existen lugares cargados de historia, lenda e tradición. É o caso da capela de Santa Filomena do Cadramón, a pena abaladoira, o dolmen de Santo Tomé e o círculo lítico do prado das Chantas.
Nas inmediacións do Xistral, os ríos que nacen na montaña diríxense ao mar a gran velocidade dando lugar á formación de impactantes fervenzas como o Pozo da Onza ou O Escouridal, considerada unha das máis grandes de Galicia.