Serra do  Xistral: o fogar das néboas

Na Reserva da Biosfera Terras  do Miño, a de maior extensión de Galicia, a auga imprime o carácter dun territorio onde as lagoas, os vales fluviais e a montaña acollen ecosistemas e hábitats de extraordinaria riqueza e fraxilidade que forman un gran mosaico de unidades paisaxísticas. É precisamente nunha das zonas de máxima protección da Reserva, pertencente á maior rede de espazos naturais protexidos da Unión Europea, a Rede Natura 2000, onde se atopa un hábitat de  turbeiras de cobertor único no sur do continente europeo: o  Xistral, unha serra con nome de vento que marca o  rebordo da Reserva da  Biosfera entre a costa e a comarca de Terra Chá.

A Serra do Xistral caracterízase pola súa altitude moderada, acadando a máxima cota no alto  do Cadramón, con 1062 metros. Aquí teñen a súa orixe algúns dos ríos que deixan as súas augas no Cantábrico: o  Ouro, o Masma, o Sor e o Landro e no Atlántico (o Eume).

O  Xistral é o fogar do vento, a néboa e a choiva. A súa peculiar climatoloxía modelou unha paisaxe onde nas  turbeiras de pastos campan manadas de cabalos en liberdade. Ademais, o seu peculiar clima fai posible a presenza de especies  endémicas como  brezais húmidos e secos, a  drosera, o esfagno ou os bosques de freixos, salgueiros e  ameneiros, entre outros. Entre a fauna, destaca a presenza de réptiles como a lagarta das turbeiras, que ten aquí o seu límite de distribución occidental na Península Ibérica.

Nas inmediacións deste espazo natural existen lugares cargados de historia, lenda e tradición. É o caso da capela de Santa Filomena  do  Cadramón, a pena  abaladoira, o dolmen de Santo Tomé e o círculo  lítico do prado das  Chantas.

Nas inmediacións do Xistral, os ríos que nacen na montaña diríxense ao mar a gran velocidade dando lugar á formación de impactantes fervenzas como o Pozo da Onza ou O  Escouridal, considerada unha das máis grandes de Galicia.

xistral