O misterio de Santa Eulalia de Bóveda
A 14 quilómetros da capital lucense atopamos un dos grandes enigmas da arqueoloxía que, a pesar das investigacións realizadas durante décadas, continúa sendo un dos segredos mellor gardados da provincia de Lugo.
O conxunto tardorromano de Santa Eulalia de Bóveda, datado do século III, foi descuberto en 1914 por José María Peinado, o entón párroco local, ao percibir que o chan da igrexa moderna cedía baixo os seus pés. O resultado destas aparentes deficiencias construtivas derivou, sen embargo, nun achado sen precedentes.
Baixo o templo parroquial atopouse entón unha construción abovedada concibida a modo de basílica de tres naves cunha piscina na súa parte central. Nos muros e parte da cuberta, unha curiosa decoración pictórica a base de frescos con motivos que representan aves e elementos vexetais outorga un compoñente engadido de misterio ao mito que de por si representa Santa Eulalia de Bóveda. No exterior do edificio destacan na súa fachada a porta con arco de ferradura e a decoración a base de relevos que representan figuras danzantes.
Santa Eulalia de Bóveda foi dada a coñecer en 1926. En 1931 foi declarada Monumento Nacional e xa en 1996, Ben de Interese Cultural. Ao longo dos últimos tempos as diferentes interpretacións sobre a súa posible finalidade presentaron este monumento como un lugar de baños, un ninfeo, un templo adicado a Prisciliano e, segundo as teses máis recentes, un posible templo funerario en honra a Dionisio. En calquera caso, máis dun século despois do seu descubrimento, Santa Eulalia xera controversia polas numerosas incógnitas que segue atesourando.