O oso de Salcedo: o espertar da primavera
O luns de entroido pola tarde unha personaxe ataviada con peles de cordeiro, campás e máscara de oso percorre as animadas rúas da aldea de Salcedo, no municipio da Pobra do Brollón. Axudado polos seus criados, o oso persegue á entusiasmada multitude, inmobilizando aos máis atrasados e embadurnándoos con feluxe.
A pesar da súa orixe incerta, esta tradición parece estar relacionada coa fin da hibernación e a chegada da primavera e, con ela, toda unha serie de connotacións de fertilidade que acompañan ao ciclo das colleitas.
Aínda que esta manifestación do entroido lucense é única en Galicia, noutros países do mundo como Romanía, Alemania, Alpes Italianos ou mesmo o País Vasco existen celebracións que contan coa figura dun oso como protagonista. Igualmente, o oso de Salcedo ten a súa representación no museo internacional da máscara e do entroido de Binche, en Bélxica, onde se exhibe o seu traxe.
O entroido de Salcedo converteuse nunha cita xa imprescindible do calendario festivo da provincia de Lugo e son centenares as persoas que cada ano acoden á localidade para deixarse seducir polo extraordinario ambiente que envolve esta tradición.