O Courel: referente mundial en Xeoloxía

Á singularidade botánica e diversidade faunística, cultural e etnográfica da Serra do Courel súmase a súa historia xeolóxica, que deixou neste espazo natural algúns dos lugares máis relevantes a nivel mundial neste ámbito.

O Courel é produto da  oroxenia alpina que levantou a Cordilleira Cantábrica e da tectónica de placas que ao confluír formaron o macrocontinente Panxea. Un dos resultados máis visibles deste proceso é a formación do gran pregamento sinclinal de Campodola-Leixazós, que presenta unha antigüidade de entre 324 e 305 millóns de anos e que foi declarado Monumento Natural. Situado na marxe do encaixado río  Ferreiriños, esta espectacular formación pode verse en todo o seu esplendor desde o seu miradoiro xeolóxico, situado na estrada que une Quiroga e Folgoso do Courel. Neste tramo, os antigos fondos mariños emerxeron para mostrar un lugar que permite facer unha aproximación didáctica á formación da Terra tal e como a coñecemos a día de hoxe.

Á importancia deste elemento natural únense outros puntos de interese xeolóxico menos coñecidos pero con gran potencial como os  afloramentos calizos do Val das  Mouras, o val do Visuña, as pegadas glaciares da Rogueira e a lagoa de Lucenza, covas  kársticas como A Buraca das Choias, os depósitos glaciares da Seara ou as louseiras conforman un paraíso para os amantes da xeoloxía.

Por todo iso, a zona do Courel, que abarca os municipios de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil, foi declarado Xeoparque Mundial pola UNESCO en 2019. 

 

campodola